A alerta lanzouna a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa a través das súas redes sociais. Na praia da Ribeira do Chazo apareceron restos de chapapote. Aínda entre os ecos do vixésimo aniversario da catástrofe do Prestige, A Illa volve cheirar a gasoil.
Descoñécese a orixe da vertedura, da que testemuñas presenciais achegaron imaxes a Praza.gal. Segundo informa Diario de Arousa, o propio Concello da Illa é xa coñecedor da situación, mobilizou servizos municipais e informou tamén ao respecto ao Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil. "Dende primeira hora -especifica o goberno local- oito operarios municipais traballan sen descanso para retirar o fuel da area.
O Concello arousán informa de que "hai un barco retido en Vigo tras sufrir unha avaría no mar" pola súa posible relación coa vertedura
Fontes presenciais apuntan a que o chapapote achado neste e noutros puntos da ría desprende un forte cheiro e está mesturado con algas e area. Cobra forza a hipótese dun sentinazo, isto é, dunha limpeza neglixente por parte dalgún buque que dese como resultado a chegada de bólas e galletas de chapapote á costa.
As pescudas, non obstante, están en marcha. Neste sentido, o Concello arousán sinala que a Subdelegación do Goberno de España na provincia de Pontevedra o informou de que "hai un barco retido en Vigo tras sufrir unha avaría no mar". Trátase do Wec Vermeer, un portacontedores de bandeira chipriota que ten imposta unha fianza de 230.000 euros para facer fronte aos gastos da vertedura no caso de confirmarse que procede del.