A Xunta autoriza a reapertura dos tres polígonos de bateas que ordenou pechar este xoves na Pobra do Caramiñal, na ría de Arousa, por "manchas de contaminación". Tras as inspeccións realizadas este venres por efectivos da Xunta e do Estado "por terra e aire", a Consellería do Mar sinala que "non se detectaron restos de contaminación" e quedou "constatado" que "non hai risco de contaminación para os polígonos bateeiros". "Non obstante -agrega a Consellería- seguirá facéndose un seguimento da situación". O Goberno galego remite a Salvamento Marítimo e á Capitanía Marítima de Vilagarcía ao respecto das causas da contaminación. Polo momento, non foi confirmado oficialmente se as manchas proviñan do mesmo buque que verteu o chapapote detectado esta semana na Illa de Arousa. Na imaxe, bateas na Pobra do Caramiñal
![](https://praza.gal/media/cache/live_image/uploads/img-20220528-212508-1a67a88.jpeg)