O paradoxo da Xunta coa térmica de Endesa: entre o peche "prexudicial" e o eloxio á "aposta renovable"

O conselleiro Francisco Conde e o alcalde das Pontes, González Formoso, cos europarlamentarios na central de Endesa © Xunta

A decisión do Goberno de España de autorizar o peche a medias da central térmica das Pontes -dous dos catro grupos das instalacións de Endesa- sitúa Galicia como o único territorio de toda a península Ibérica onde a compañía poderá queimar carbón para xerar electricidade. 

Conde di na visita de europarlamentarios para visar a "descarbonización" que a decisión de pechar Endesa "era moi prexudicial en termos industriais e laborais"

Mentres o Executivo central defende unha decisión que ve como "a máis normal" para "ter esa previsión" por se a crise enerxética obrigase a tirar dos dous grupos, a Xunta volveu criticar o Goberno e advertiu de que o mantemento dos dous grupos demostra que "as decisións do pasado [de peche] eran moi prexudiciais en termos de emprego e industriais".

"É unha evidencia de falta de rigor e planificación", dixo o conselleiro de Economía, Francisco Conde, este martes, durante a visita que unha delegación da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo fixo á central pontesa dentro dunha xira, precisamente, para "observar a transformación que se está levando a cabo no noroeste de España para descarbonizar a industria", como aclarou o eurodeputado alemán Jens Geier, que preside esta misión que advirte da urxencia de adoptar medidas para reducir os prezos da electricidade e impulsar as renovables. 

Central térmica de Endesa nas Pontes CC-BY José Antonio Cartelle

A plataforma Un Futuro Sen Carbón cre que a decisión de manter dous grupos "revela o insuficiente compromiso climático do Goberno estatal"

É neste paradoxo onde se move o debate. Case tres anos despois de que a compañía solicitase o peche definitivo da central -e logo dunha prórroga polas subas dos prezos da electricidade ou as restricións no mercado do gas-, o Estado manterá dous grupos operativos, cuxo peche queda condicionado ao "reforzo da dispoñibilidade de potencia no sistema eléctrico".  As tensións que a guerra en Ucraína provocou nos mercados enerxéticos, a elevada exportación e a parálise de parte do parque nuclear francés levaron o Ministerio para a Transición Enerxética a solicitar un informe a Red Eléctrica (REE) que, di, aconsella este peche parcial pero non definitivo. 

"Volver queimar carbón sería atender a demanda eléctrica de Portugal, que abandonou o carbón en 2021, e de Francia"

"É unha decisión reveladora do insuficiente compromiso climático do Goberno estatal, que manterá en Galicia un 25% da potencia eléctrica española de carbón", denuncia a plataforma Galiza Un Futuro Sen Carbón (UFSC), que critica a "serodia e decepcionante resposta" do Ministerio, a quen reclama que faga público o devandito informe de REE.

A plataforma, que pide que se aclare o "horizonte temporal en que se manterá esta insólita situación", advirte de que as escasas explicacións de Transición Ecolóxica fan supoñer que no caso de que se acabe queimando carbón na central, faríase para "contribuír a atender a demanda eléctrica de Portugal, que abandonou o carbón en 2021, e de Francia que, dada a súa insensata aposta pola enerxía nuclear, xerou o pasado ano apenas catro veces máis electricidade eólica que Galicia malia ter unha superficie 18 veces maior". 

Ademais, UFSC advirte de que a central térmica, a pesar de estar parada desde xullo, xa achegou un 40% de enerxía que en todo 2021 (650.000 MWh). "Se se activar antes de final de ano, contribuirá aínda máis ao esperado aumento interanual das emisións de gases causantes de cambio climático da produción eléctrica galega", di, lembrando que a electricidade obtida a partir do carbón "é a máis intensiva en emisións de dióxido de carbono".

Protesta da plataforma Galiza Un Futuro Sen Carbón, na central das Pontes CC-BY-SA UFSC

"A única certeza que temos nestes momentos é que Galicia perde 700 MW”, di a Xunta, que acusa o Estado de "falta de rigor e de planificación"

O comité de empresa da planta das Pontes xa amosou a súa satisfacción polas novas que indican que Endesa prevé substituír no futuro os 1.400 MW de carbón da central por 1.300 MW renovables -con ata 2.300 postos de traballo durante a fase de construción e outros 274 empregos directos durante os 25 anos estimados de vida útil dos parques eólicos- e por un plan de desmantelamento que priorizará persoal das instalación. Pero piden "certezas", tanto no laboral como en canto ás datas, por parte da empresa. 

Tamén a Xunta pide certezas sobre os proxectos industriais futuros ao Goberno central e a Endesa. “A única certeza que temos nestes momentos é que Galicia perde 700 MW”, dixo o conselleiro Conde, que subliñou que a decisión do Goberno de España de pechar parcialmente a planta “supón unha evidencia da falta de rigor e da falta de planificación”, así como a constatación, "tal e como apuntou sempre a Xunta", de que “efectivamente hai un problema de garantía de subministración” no proceso de transición enerxética.

"A única que non se alegra é a Xunta"

"Se houbese outro goberno en Madrid", a Xunta "estaría apoiando a resolución", coida o delegado do Executivo de Pedro Sánchez en Galicia

Ao tempo, Conde tamén dixo que o acompañamento á comisión da Eurocámara é "unha oportunidade para que Galicia traslade unha imaxe clara da aposta polo desenvolvemento das enerxías renovables e pola neutralidade climática". "E de que estamos á vangarda de Europa nos proxectos industriais e enerxéticos, traballando cara a unha economía máis verde e unha industria cada vez máis sustentable”, asegurou. 

O delegado do Goberno en Galicia, pola súa banda, insistiu en cualificar de "boa nova" a decisión de Transición Ecolóxica de manter operativos dous grupos nas Pontes. "É unha boa nova para Galicia, para o concello e para o persoal da planta, como así o recoñece; a única que non se alegra é a Xunta", dixo José Miñones, que cre que "se houbese outro goberno en Madrid", a Administración galega "estaría apoiando a resolución". 

Miñones cre que é importante saber que "Endesa vai quedar en Galicia" e que cos seus proxectos de renovables "garántense moitos dos postos de traballo, tamén co desmantelamento previsto dos dous grupos". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.