Teresa Ribera descarta reactivar a central térmica das Pontes "agás que houbese unha acumulación de catástrofes imprevistas". A ministra para a Transición Ecolóxica e vicepresidenta terceira do Goberno de España asegurou este mércores que, "en principio", non será necesario que Endesa volva queimar carbón nas súas instalacións pontesas, logo de que a demora na autorización de clausura definitiva e a crise enerxética agudizada pola guerra na Ucraína e as sancións a Rusia abrisen as portas a unha reactivación como a levada a cabo a finais de 2021.
Non parece probable, segundo as palabras de Ribera en Antena 3, que quixo "aclarar" a situación ante "un debate público que xera nervios e tensión". Con todo, a ministra lembrou que está á espera dun informe encargado a Red Eléctrica sobre a necesidade ou non de "retardar o peche da central térmica das Pontes" e para coñecer "cales son os seus escenarios de garantía de subministro". "O último que queremos é que haxa un corte de luz no próximo outono-inverno", dixo.
Ribera asegura que, "en principio" e "agás acumulación de catástrofes", non será necesario reactivar a central das Pontes
"O operador do sistema eléctrico non nos contestou aínda, pero en principio, e nos escenarios iniciais que manexaba, mesmo con algunha tensión, non necesitamos que As Pontes entre en funcionamento", reiterou, tras lembrar tamén que "en moitas ocasións, o prezo do carbón supera ao do gas, ao que hai que sumar o do [dereitos de emisión] CO2, polo que non está claro que iso vaia aliviar a situación".
"Ese é un segundo problema, porque na medida que se foi descartando o uso do carbón pola súa afección ambiental, os mercados están moi tensionados e a tonelada de carbón é complicada de conseguir", lembrou a ministra en liña co advertido por fontes do persoal da central térmica das Pontes.
O Ministerio agarda aínda o informe de Red Eléctrica sobre a idoneidade dunha reactivación que non parece probable, tamén polos elevados prezos do carbón
Así, Ribera insistiu en que, "afortunadamente", España ten "un parque de xeración que lle permite funcionar, en principio, e agás unha acumulación de catástrofes imprevistas, sen que As Pontes teña que abrir algún dos seus grupos". A ministra repetiu e advertiu ata en tres ocasións que só unha "acumulación de catástrofes" provocaría que a central pontesa tivese que reactivarse.
Preguntado o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre as declaracións de Ribera, cre que son "un argumento máis para pedirlle á vicepresidenta certezas en todo o que ten que ver coa transición enerxética".
Segundo Rueda, Ribera "ten que ser consciente de que cada vez que fai este tipo de declaracións, estas teñen repercusións no sector enerxético e no emprego". "Todo o fiou a un informe que aínda non se emitiu", reprochoulle.
O caso é que o grupo italiano Enel, propietaria da eléctrica Endesa, vén reclamando desde hai tempo poder pechar definitivamente a central das Pontes, especialmente tras esgotar por completo o carbón do que dispuña. Á espera dese informe de Red Eléctrica, unha reactivación como a de finais de 2021non semella ter moita traza.
Daquela, as baixas temperaturas, as fortes subas dos prezos maioristas da electricidade e as restricións nun mercado do gas disparado levaron o Estado a prorrogar a vida da térmica, que había tempo que estaba en stand-by e que tiña prevista a súa clausura xa nese mesmo 2021. Pero o que pretendía ser unha solución de urxencia con data de caducidade ata fins do ano pasado prolongouse ata este verán, cando chegou a fin das últimas partidas de carbón importado ás Pontes dende Asia
Proxectos de renovables
O persoal que aínda queda nas instalacións das Pontes está convencido de que calquera eventual nova reactivación sería conxuntural. Nin máis ni menos que un "balón de osíxeno" que non debe facer "esquecer os proxectos que se están desenvolvendo" para procurar un futuro industrial na vila. Dito doutro xeito, "para facer de verdade unha transición xusta", consideraba Marcos Prieto (UGT), vicepresidente do comité de empresa da central, en declaracións a Praza.
Rueda reprocha a Ribera as súas declaracións porque "teñen repercusións no sector enerxético e no emprego"
Nas últimas semanas, explicaba Prieto, o persoal da central estivo a realizar tarefas ligadas ao desmantelamento da factoría, pero "reversibles", tras esgotaren "o carbón, o gasóleo, todos os combustibles que tiñamos". Por exemplo, enviando aceites a plantas de tratamento ou baleirando depósitos, todo para "preparar a entrega da instalación á enxeñaría" para a súa demolición.
Agora, agregaba, unha dotación de "persoal e combustible", resume, sería dabondo para reactivar a central, alén dalgúns axustes menores de mantemento. Pero o "fundamental", destacaba, segue a ser "a vía da independencia dos combustibles fósiles", que é tanto como "non esquecer que estamos nesta situación" de crise enerxética e "dúbidas co subministro de gas" precisamente "porque dependemos de combustibles foráneos, caros e contaminantes".