As Pontes non pecha, aínda ou por completo?. O Ministerio para a Transición Ecolóxica e Endesa reuníronse este martes, 12 de xullo, e nin a eléctrica nin o departamento que dirixe Teresa Ribera ofreceron información pública ningunha ao termo do encontro. Horas antes, La Voz de Galicia publicara que o contexto de crise enerxética global agudizada por mor da guerra na Ucraína e as sancións a Rusia pola invasión levan o Ministerio a "postergar a autorización da clausura" definitiva da central térmica, que a italiana Enel, propietaria da eléctrica, vén reclamando especialmente tras esgotar por completo o carbón do que dispuña.
A reunión, os titulares e mesmo as especulacións ao respecto non sorprenderon o escaso cadro de persoal aínda adscrito á factoría pontesa. "O que se sabe é que, en principio e debido á situación xeopolítica global e ás dúbidas co subministro de gas, non vai dar a autorización de peche", comentaban a primeiras horas da mañá a Praza.gal
A eléctrica e Transición Ecolóxica reuníronse sen informar ao respecto. Sobre a mesa, posibles novas reactivacións da térmica pola crise enerxética global, o que atrasaría o peche definitivo
A falta de confirmación oficial, todo semella indicar que Transición Ecolóxica ten sobre a mesa a posibilidade de botar man de novas reactivacións como a de finais de 2021. A decisión, segundo fontes gobernamentais citadas por El Progreso e a axencia Europa Press, dependerá dun informe de Red Eléctrica. Así o confirmou este mércores, a preguntas da prensa, a propia ministra Ribera.
O pasado ano as baixas temperaturas, as fortes subas dos prezos maioristas da electricidade e as restricións nun mercado do gas disparado levaron o Estado a prorrogar a vida da térmica, que había tempo que estaba en stand-by e que tiña prevista a súa clausura xa nese mesmo 2021. Pero o que pretendía ser unha solución de urxencia con data de caducidade ata fins do ano pasado prolongouse ata este verán, cando chegou a fin das últimas partidas de carbón importado ás Pontes dende Asia
Mentres se desenvolvía a reunión, a representación deste persoal agardaba con expectación, mais tamén coa convicción de que calquera eventual nova reactivación será conxuntural. Nin máis ni menos que un "balón de osíxeno" que non debe facer "esquecer os proxectos que se están desenvolvendo" para procurar un futuro industrial na vila. Dito doutro xeito, "para facer de verdade unha transición xusta", considera Marcos Prieto (UGT), vicepresidente do comité de empresa da central, en declaracións a Praza.
Nas últimas semanas, explica Prieto, o persoal que queda na central das Pontes estivo a realizar tarefas ligadas ao desmantelamento da factoría, pero "reversibles", tras esgotaren "o carbón, o gasóleo, todos os combustibles que tiñamos". Por exemplo, enviando aceites a plantas de tratamento ou baleirando depósitos, todo para "preparar a entrega da instalación á enxeñaría" para a súa demolición.
Agora, agrega, unha dotación de "persoal e combustible", resume, sería dabondo para reactivar a central, alén dalgúns axustes menores de mantemento. Pero o "fundamental", enfatiza, segue a ser "a vía da independencia dos combustibles fósiles", que é tanto como "non esquecer que estamos nesta situación" de crise enerxética e "dúbidas co subministro de gas" precisamente "porque dependemos de combustibles foráneos, caros e contaminantes".
No comité de empresa da térmica advirten de que, alén deste eventual "balón de osíxeno", cómpre "acelerar a vía da independencia dos combustibles fósiles foráneos, caros e contaminantes" cos proxectos de renovables coma os xa presentados
Con independencia de que "o marco de guerra" obrigue a prolongar a actividade da térmica por tempo limitado, reitera, esta circunstancia debera aguilloar "a políticos e empresas" para "compaxinar a actividade da central cos novos proxectos". Entre eles cita a estación de bombeo proxectada por Reganosa, novos desenvolvementos eólicos ou a factoría anunciada por Ence en terreos da propia térmica, concretamente nas instalacións "onde agora se descarga o carbón" importado que chega a través do porto de Ferrol.
A reclamación, conclúe, non é outra que "ir facendo" nestes novos proxectos industriais. "Poñer as pilas" mesmo durante este eventual "respiro" para o persoal e para a vila, coma quen utiliza un "coche vello" uns meses máis do previsto, ilustra.
Nesta liña, Endesa emitía este mesmo 12 de xullo un comunicado para afirmar que o seu plan para "superar a fin do carbón na comarca" das Pontes segue en marcha. Así, a eléctrica subliña que "tramita a construción de parques" eólicos que "suman 611 megavatios", pero tamén que dúas empresas locais que traballaban ata agora para ela na térmica (Armacon e Huso 29) están agora dedicadas a labores vinculados a parques de aeroxeneradores de Enel Green Power.