A Consellería de Cultura inicia o proceso para declarala Ben de Interese Cultural (BIC) como exemplo de patrimonio industrial, o que xa supón a súa protección cautelar fronte á proposta da empresa de demolela con explosivos
Cos seus 356 metros de altura a cheminea da central térmica das Pontes, construída entre 1972 e 1976, foi no seu momento a máis alta de Europa. Pero malia o seu carácter emblemático non contaba ata agora con ningún tipo de protección como patrimonio industrial.
É agora, tres anos despois de que Endesa anunciase a súa decisión de pechar a central e dous anos despois de que iniciase a solicitude de permisos para derrubala, incluíndo a demolición con explosivos da cheminea, cando a Xunta lanza, coa súa publicación este venres no DOG, o proceso para declarar ese elemento como Ben de Interese Cultural (BIC), o que supón xa a súa protección cautelar así como restricións nun perímetro de 45 metros ao seu redor. Faino tras lembrarlle o Estado hai tres meses que non lle constaba ningún tipo de protección sobre a cheminea.
Tras a decisión de Endesa de pechar a central das Pontes porque xa non lle é rendible, foi hai agora dous anos, o 10 de xuño de 2020, cando a empresa iniciou ante o Ministerio para a Transición Ecolóxica a tramitación dos permisos ambientais para demoler o complexo. Os plans da empresa, sometidos á consideración das administracións implicadas, incluían a demolición tanto da cheminea como das catro torres de refrixeración.
Mentres a Xunta non remate o expediente calquera actuación na cheminea e nunha contorna arredor dela de 45 metros deberá contar con autorización do Goberno galego
Endesa propuxo a desmontaxe progresiva de todo o complexo ao longo de 60 meses cunha obra orzamentada nun total de 48,5 millóns de euros, pero para a cheminea en concreto a súa idea era a demolición con explosivos -só esa actuación suporía 3 millóns de euros- co argumento de que permitiría reducir os riscos e acoutar a un único día a demolición evitando que houbese persoal traballando en alturas elevadas.
A Xunta alegou a ese proxecto solicitando un estudo específico sobre o posible valor patrimonial de “cando menos a cheminea e o conxunto que esta forma coas torres de refrixeración”. Porén, o ministerio, responsable último de analizar a proposta da empresa e as alegacións, acabou formulando hai agora tres meses unha Declaración de Impacto Ambiental que validou, con diversos condicionantes, o proxecto de demolición.
Nese documento o ministerio constata que ningunha instalación da central térmica está recollida como patrimonio cultural industrial nin no planeamento urbanístico municipal, nin no autonómico, nin no inventario estatal de patrimonio industrial, actualizadas esas dúas últimas figuras en maio de 2020 e en 2016. E tras facerse eco da alegación desfavorable da Xunta sobre a demolición da cheminea sen analizar antes o seu posible valor cultural, o ministerio concluía que “a data desta resolución, non consta que se iniciase ningunha tramitación ao respecto”.
Esa tramitación é a que agora inicia a Xunta, o que obrigará a mudar os plans da empresa. A decisión da Xunta supón o establecemento “de forma inmediata” dun réxime de protección cautelar que podería estenderse ata dous anos, prazo que ten Cultura para resolver o expediente de declaración do BIC. Mentres a Xunta non o remate calquera actuación na cheminea e nunha contorna arredor dela de 45 metros deberá contar con autorización do Goberno galego. Malia que a cheminea chega aos 356 metros de altura, case oito veces máis, a Xunta considera que os 45 metros de contorna de protección son os adecuados “para as tarefas de conservación e mantemento segundo a documentación consultada no expediente de desmantelamento”.
A Xunta admite que a antigüidade non é un dos valores do ben a protexer senón a paisaxe que configurou pero agora omite calquera referencia ás tamén significativas catro torres de refrixeración que hai uns meses pedía estudar
De momento o que fai a Xunta é abrir un período de información pública dun mes para recibir alegacións sobre os seus argumentos para declarar BIC a torre. Este sinalan que a cheminea “constitúe un elemento esencial, relevante e representativo do sistema eléctrico de Galicia e como consecuencia na súa actividade industrial e na vida cotiá de todas as persoas”. A Xunta admite que a antigüidade non é un dos valores do ben a protexer senón a paisaxe que configurou.
“A gran cheminea posúe características que permiten xustificar a súa singularidade e monumentalidade, polo seu tamaño que a mantén como a máis alta de España e a segunda de Europa, así como a súa representatividade, como parte icónica do conxunto e elemento máis identificable polas súas condicións de apreciación e visualización”, di a Xunta, que engade que “a cheminea é, polo tanto, o elemento máis recoñecible e salientable do conxunto industrial, que condiciona a interpretación do espazo en que se localiza, pero tamén un monumento destacable polas súas propias características construtivas e formais”.
“O papel simbólico e representativo da cheminea neste contexto, ademais dos seus beneficios para o patrimonio cultural, podería encadrarse nas políticas xerais de transición ecolóxica de forma responsable coas comunidades que ao longo dos anos sustentaron e padeceron de forma máis intensa tamén os efectos do paradigma industrial existente”, conclúe a Xunta.
A decisión da Xunta condicionará as previsións de desmantelamento da empresa e dificultará o aproveitamento dos espazos baixo a cheminea para calquera outro proxecto industrial
Do expediente agora iniciado pola Xunta, pola contra, cáense as catro torres de refrixeración que hai uns meses Cultura tamén reclamaba estudar. Sobre elas nada se argumenta agora.
Por outra banda, fontes do persoal da central en contacto coa dirección da empresa sinalan que o inicio do expediente para declarar BIC a cheminea “a efectos do peche, é un problema substancial”. Segundo estas fontes, a empresa calcula que o custo de mantemento anual da cheminea rolda os 300.000 euros. Tamén apuntan ao obstáculo que suporá o perímetro de protección, que dificultará o aproveitamento deses espazos para calquera outro proxecto industrial que se queira instalar na zona.