Malia as restricións que aínda impoñía a pandemia, toda a poboación galega respirou aire insalubre en 2021. Con todo, e como acontecera en 2020, a redución da mobilidade polas medidas derivadas da COVID provocou no pasado ano unha mellora xeral "sen precedentes" da contaminación atmosférica no país.
As restricións pola COVID e o peche case total das térmicas de carbón permitiron unha mellora xeral "sen precedentes" da calidade do aire en Galicia
Así, durante 2021 a calidade do aire en Galicia mantivo a mellora substancial xa observada durante 2020 en relación ao período 2012-2019. "Rexistrouse unha notábel redución das concentracións no aire de dióxido de nitróxeno (NO2), dióxido de xofre (SO2), partículas en suspensión inferiores a 2,5 micras (PM2,5) e ozono troposférico", ademais de "diminuír a concentración de partículas inferiores a 10 micras (PM10), aínda que en moita menor medida".
Son algunhas das principais conclusións do informe sobre a calidade do aire que cada ano elabora Ecoloxistas en Acción e que toma como referencia os valores máximos de contaminación recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) -que se tornaron moito máis esixentes en 2021- e o obxectivo a longo prazo para protexer a vexetación da UE. No entanto, como destaca a entidade, se se toman os estándares da normativa, moitos máis laxos, o aire non superaría os niveis para consideralo contaminado en Galicia.
O informe destaca, unha vez máis, o panorama xeral dunha Galicia onde hai catro fontes principais de contaminación: algunhas grandes industrias; as centrais térmicas de carbón (ata 2020 Meirama -xa pechada- e en 2021 só parcialmente activa a das Pontes), de biomasa e de gas natural; o tráfico marítimo; e o tráfico rodado das grandes urbes.
Desde estes grandes catro focos, a contaminación espállase polo resto do país, "afectando zonas máis afastadas e rurais en forma de ozono troposférico, especialmente ao sur da comunidade e a sotavento das centrais térmicas de carbón e gas natural de Endesa nas Pontes, da de gas natural de Naturgy en Sabón e da refinería de Repsol na Coruña".
A contorna da refinaría e de Alu Ibérica na Coruña, a de Cementos Cosmos en Sarria ou a de Alcoa na Mariña seguen a ser grandes focos contaminantes
No pasado 2021, a mellora na calidade do aire explícase por esa restrición xeral da mobilidade motorizada e a contracción económica que provocou a COVID, pero tamén polo peche parcial da central de Endesa e total de Meirama, que foron durante anos as industrias máis contaminantes do país.
Con todo, e a raíz dos datos recompilados nas 57 estacións oficiais de medición da calidade do aire en Galicia, o informe destaca varios puntos negros. Así, indica como nas estacións de Coia (Vigo) e, sobre todo, nas da Agrela (A Coruña), Sarria e Teixeiro (Curtis), superáronse as recomendacións da OMS para o canceríxeno benzo(a)pireno (BaP). Nestes tres últimos casos, como destaca o documento, os malos datos danse na contorna da zona industrial da Coruña-Arteixo, da fábrica de Cementos Cosmos e da central de biomasa de Greenalia, respectivamente.
Aínda así, a concentración de benzo(a)pireno na Agrela baixou considerablemente, ben seguro polo "cesamento da actividade de Alcoa (agora Alu Ibérica), mentres que nas estacións de Coia, Sarria e Teixeiro "desbordáronse as recomendacións da OMS".
O "intenso tráfico rodado" nas áreas da Coruña e Vigo provoca que rexistren os niveis máis altos de dióxido de nitróxeno
"Esta preocupante realidade aconsella ampliar as escasas medicións deste contaminante e adoptar medidas específicas para reducir as emisións", di Ecoloxistas en Acción, que en relación ao dióxido de xofre (SO2), advirte de que un ano máis volvéronse detectar superacións da concentración media diaria recomendada pola OMS nas estacións industriais de Pastoriza (Arteixo), Oural Sur (Sarria) e Xove (Lugo), zonas baixo a influencia das emisións da refinaría de petróleo de Repsol, de Cementos Oural e de Alcoa San Cibrao, respectivamente.
Con todo, no caso do dióxido de xofre houbo unha caída notable da contaminación que se debe principalmente ao peche de Meirama e á escasa actividade da térmica das Pontes.
Por outra banda, e en canto ás partículas PM10 e PM2,5, o informe destaca que afectaron toda a poboación galega, sobre todo a urbana, nomeadamente en Vigo e área metropolitana, aínda que en menor medida que nos anos previos. Na Galicia rural, ademais, superáronse os valores medios diarios e anuais para PM2,5.
No que ten que ver co dióxido de nitróxeno (NO2), tamén se superaron os valores medios diarios recomendados pola OMS, así como os anuais, aínda que neste último caso coas excepcións de Lugo e Ferrol. Os niveis máis altos deste contaminante "rexistráronse novamente nas aglomeracións da Coruña e de Vigo, como consecuencia do intenso tráfico rodado que soportan".
Con todo, houbo unha redución media dos niveis de NO2 en Galicia dun 24% en Galicia en comparación coa concentración do período 2012-19.
Por outra banda, e no que se refire ás concentracións de ozono troposférico, diminuíron notoriamente como resultado da forte caída das emisións dos seus principais precursores, os óxidos de nitróxeno (NOx). Mesmo así, superouse o estándar recomendado pola OMS en relación ao valor octohorario en todo o país, agás nas cidades de Lugo, Ourense e Pontevedra.
Así e todo, o informe destaca que, en conxunto, as escasas superacións do valor obxectivo legal para a protección da saúde destas concentracións reducíronse nun 98% respecto á media do período 2012-2019, sendo as rexistradas en 2021 as máis baixas da última década, nulas en todas as estacións agás agás dúas e presentando os niveis máis baixos do Estado xunto a Asturias, Canarias e Cantabria.
Ademais, indica que a notable rebaixa das concentracións de dióxido de nitróxeno (NO2) "evidencia que a redución da mobilidade motorizada foi moito máis relevante en Galicia que a caída da actividade industrial e portuaria, principal fonte das partículas (PM10 e PM2,5)".
A este respecto, o informe destaca que a concentración media das partículas PM10 descendeu en Galicia en 2021 só un 6% en relación co período 2012-2019, "poñendo de manifesto as dificultades para rebaixar as emisións de material pulverulento das principais áreas fabrís".
O informe destaca "as dificultades para rebaixar as emisións de material pulverulento das principais áreas fabrís" de Galicia
No caso destas partículas, o documento sinala os significativos niveis detectados no porto de Ferrol, "que poden provocar unha certa repercusión sobre a calidade do aire das áreas residenciais achegadas", fronte aos máis baixos nos peiraos da Coruña e Vigo, onde o movemento baixou pola pandemia.
Por último, desde Ecoloxistas en Acción destacan que a mellora da calidade do aire "pasa pola redución da queima de combustíbeis fósiles e de biomasa, sen esquecer a necesidade de limitar a gandaría intensiva". "Nas cidades en particular cómpre diminuír o tráfico motorizado, potenciando a mobilidade activa peonil e ciclista e o transporte público limpo", di, ademais de promover o aforro enerxético, pechar as centrais de combustíbeis fósiles, mellorar o ferrocarril convencional ou "designar unha área de control das emisións do transporte marítimo".
A entidade ecoloxista lembra que a Lei estatal de Cambio Climático obriga a que todas as cidades de máis de 50.000 habitantes conten con zonas de baixas emisións antes de 2023 e advirte que para que "sexan realmente efectivas na mellora da calidade do aire e na redución das emisións de gases causantes de cambio climático, os Concellos deben afrontar con ambición o seu deseño, establecendo restricións importantes ao uso do automóbil privado".