O Ministerio para a Transición Ecolóxica, logo de recibir o agardado informe de Red Eléctrica (REE), autorizou o peche gradual e a medias da térmica das Pontes. A central pechará así dous grupos dos catro que ten a instalación propiedade de Endesa, que ao tempo presentou un informe para recolocar o persoal con outros plans industriais previstos para este complexo industrial.
Segundo aclara o Goberno de España, o peche dos outros dous grupos autorizarase condicionado ao "reforzo da dispoñibilidade de potencia no sistema eléctrico". Tras coñecerse a decisión, Endesa presentou un plan de desenvolvemento de 2.682 millóns de euros para Galicia, que xeraría 1.361 empregos.
O plan de Endesa, pendente das preceptivas autorizacións, prevé a substitución dos 1.400 megawatios (MW) de carbón das Pontes por 1.300 MW renovables, incluíndo ademais o plan de desmantelamento da central, a instalación de novos proxectos industriais no emprazamento da térmica, o impulso loxístico á terminal do porto de Ferrol e un plan de formación para as persoas da contorna.
O Estado autoriza o peche de dous grupos; o final dos outros dous queda "condicionado ao reforzo da dispoñibilidade de potencia no sistema eléctrico"
A vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, reuniuse este luns co conselleiro delegado de Endesa, José Bogas, co futuro da central e dos seus traballadores sobre a mesa, unha vez recibido o informe do operador da rede eléctrica sobre a solicitude de peche da planta presentada pola enerxética.
Aínda que o Ministerio xa contaba cun informe de REE elaborado en 2020 para autorizar o peche dos catros grupos da central de carbón, cuns 350 MW cada un, na primavera deste ano decidiu solicitar un novo informe, á vista das tensións provocadas nos mercados enerxéticos pola guerra en Ucraína e a elevada exportación de electricidade provocada pola seca e a indispoñibilidade de boa parte do parque nuclear francés.
O Ministerio aclara que este segundo informe de REE contempla escenarios non previstos anteriormente, con distinta participación da coxeración e unha elevada e constante exportación aos países veciños.
O Ministerio para a Transición Ecolóxica permite pechar os dous grupos inoperativos pero evita aínda autorizar o peche definitivo que reclama Enel
A análise expón "a conveniencia de pechar os dous grupos inoperativos e de que o peche dos outros dous quede condicionado ao reforzo de variables de dispoñibilidade de potencia no sistema eléctrico mediante diversas medidas que se están pondo en marcha, como o aumento da dispoñibilidade da coxeración ou o establecemento dun mecanismo de resposta activa da demanda".
O grupo italiano Enel, propietaria da eléctrica Endesa, vén reclamando desde hai tempo poder pechar definitivamente a central das Pontes, especialmente tras esgotar por completo o carbón do que dispuña. Pero nin desta vez pechará de vez, aínda que unha reactivación como a de finais de 2021 non ten tampouco moita traza.
Daquela, as baixas temperaturas, as fortes subas dos prezos maioristas da electricidade e as restricións nun mercado do gas disparado levaron o Estado a prorrogar a vida da térmica, que había tempo que estaba en stand-by e que tiña prevista a súa clausura xa nese mesmo 2021. Pero o que pretendía ser unha solución de urxencia con data de caducidade ata fins do ano pasado prolongouse ata este verán, cando chegou a fin das últimas partidas de carbón importado ás Pontes dende Asia.
Ante esta situación, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, insistiu en criticar a "improvisación enerxética permanente do Goberno de España" e considerou que o peche a medias da central "vén demostrar que efectivamente hai un problema de garantía de subministro" e que o Executivo central segue a liña de Europa de manter "todas as enerxías de xeración dispoñibles en activo".
"É un capítulo máis desta improvisación enerxética; o único que esperamos son certezas para os traballadores e para os proxectos", engadiu Conde, que cualifica as decisións do Ministerio para a Transición Ecolóxica de "erráticas".
Endesa prevé substituír os 1.400 MW de carbón por 1.300 MW renovables que permitirán crear 2.300 empregos na construción e 274 directos para 25 anos
O Plan Estratéxico 2022-2024 de Endesa, presentado o pasado novembro, xa contemplaba como primeira liña de actuación a “aceleración nos compromisos de descarbonización do parque de xeración”. Isto é, o “peche das centrais térmicas peninsulares de carbón”, entre elas a das Pontes. A intención foi ratificada pola compañía na presentación o pasado mes de xullo dos seus resultados no primeiro semestre do ano.
Agora, Endesa asegura que todo o seu persoal se vai recolocar noutras áreas da empresa, no desmantelamento, nos plans de futuro ou que se acollerán a plans de saídas voluntarias.
Endesa calcula que o desmantelamento da central terá unha duración estimada de catro anos e para levalo a cabo realizará un plan de formación que capacitará as máis de 130 persoas que participarán nestas tarefas, primando o emprego local e dos propios traballadores da central, ata o impulso de novos proxectos renovables.
Segundo Endesa, o seguinte paso será a tramitación de novos proxectos renovables para converter a capacidade da central en nova potencia limpa, coa construción deses 1.300 MW de proxectos eólicos que permitirán crear ata 2.300 postos de traballo durante a fase de construción, e outros 274 empregos directos durante os 25 anos estimados de vida útil dos parques eólicos, como xa anunciara
Endesa pon o foco nos acordos para subministrar enerxía á futura planta de pneumáticos das Pontes e a Alcoa na Mariña
A electricidade producida por eses parques apoiará proxectos industriais da empresa Sentury Tire, así como un importante preacordo de compravenda de electricidade a longo prazo (PPA, polas súas siglas en inglés) con Alcoa.
Endesa xa solicitou á Xunta o carácter estratéxico e vertebrador destes proxectos eólicos conforme á lei eólica galega para a súa tramitación prioritaria. Outro dos eixos consistirá na promoción deses novos desenvolvementos industriais nos terreos vinculados á central. En concreto, a compañía detallou en primeiro lugar o proxecto co fabricante de pneumáticos Sentury Tire, que contempla a transmisión de 26 hectáreas de terreo nas Pontes para a construción dunha fábrica intelixente de pneumáticos.
O terceiro proxecto para apoiar ao sector industrial galego é o preacordo de PPA con Alcoa centrado na subministración de electricidade a prezo competitivo durante dez anos procedente de 816 MW eólicos, dos que 611 MW están previstos na zona das Pontes.
Por outra banda, a empresa Naturgy anunciou que construirá en Galicia o seu primeiro parque eólico en catro anos. Será no Picato, na provincia de Lugo, e terá unha potencia instalada de 46,2 megavatios. Prevé comezar a operar durante o vindeiro ano.