Endesa insiste en pechar nas Pontes e "acelerar o cumprimento dos compromisos de descarbonización"

Vista aérea da central das Ponte © Endesa

A compañía presenta os seus resultados do primeiro semestre do ano, con beneficios de 916 millóns, un 10% máis, nos que insiste en que "o enfoque da UE coa descarbonización e a autosuficiencia é a única solución a longo prazo"

O Plan Estratéxico 2022-2024 de Endesa, presentado o pasado novembro, segue contemplando como primeira liña de actuación a “aceleración nos compromisos de descarbonización do parque de xeración”. Isto é, o “peche das centrais térmicas peninsulares de carbón”, entre elas a das Pontes. Así o vén de ratificar novamente Endesa na presentación este mércores dos seus resultados no primeiro semestre do ano, no que obtivo un beneficio ou resultado neto de 916 millóns de euros, un 10% máis que os 832 millóns de euros dos primeiros seis meses do pasado ano. Unha presentación na que a empresa salientou que "o enfoque da UE coa descarbonización e a autosuficiencia é a única solución a longo prazo".

Provisións de Endesa para o peche das súas centrais térmicas © Endesa

As contas da empresa enerxética presentadas este mércores inciden en que dentro desa primeira liña de actuación do seu plan estratéxico ata 2024 está a “aceleración no cumprimento dos compromisos de descarbonización do parque de xeración, mediante un maior impulso ás enerxías renovables e o peche das centrais térmicas peninsulares de carbón”. Nesa liña, a empresa vén de actualizar as súas provisións para facer fronte ao desmantelamento da central das Pontes, que eran de 120 millóns de euros a 31 de decembro do pasado ano e ascenden agora a 122 millóns de euros. 

Case a metade desa contía, preto de 50 millóns de euros, é o que a propia empresa calcula que custarán só os traballos de demolición da central. Pero a empresa ten tamén pendente un plan de reactivación económica da contorna con posibles novos usos dos seus terreos.

As Pontes é a única das centrais térmicas de Endesa que aínda non conta con permiso de peche, solicitado en decembro de 2019, pero a empresa xa ten mesmo o permiso ambiental para a demolición

Endesa tamén detalla que a das Pontes é a única das súas centrais térmicas que quere desmantelar que aínda non conta con acta de peche, pendente da autorización que solicitou ao Goberno de España en decembro de 2019. Nesa mesma data a empresa tamén solicitara o permiso para o peche dunha central en Almería que obtivo o pasado novembro e un ano antes, en decembro de 2018, pedira os permisos para as outras tres centrais en León, Teruel e Baleares que obtivo en 2020. 

O que si ten xa As Pontes, á espera dese permiso xeral de peche, é o permiso ambiental para os traballos de demolición, aínda que estarán condicionados pola recente decisión da Xunta de protexer a cheminea do complexo.

Zonas afectadas polo proxecto de desmantelamento da central térmica das Pontes © BOE

A tramitación do permiso solicitado por Endesa para pechar As Pontes atopouse nos últimos días coa decisión do Goberno de España de pedir un informe a Red Eléctrica sobre a posible necesidade de retardar o peche se este pode poñer en perigo o subministro ante as restricións importacións enerxéticas derivadas da guerra en Ucraína. O informe aínda non foi emitido, pero este mércores a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, insistiu en que “en principio, e nos escenarios iniciais que manexaba, mesmo con algunha tensión, non necesitamos que As Pontes entre en funcionamento"

Ribera lembrou que "en moitas ocasións, o prezo do carbón supera ao do gas, ao que hai que sumar o do [dereitos de emisión] CO2, polo que non está claro que iso vaia aliviar a situación". Unhas palabras que poñen o foco no interese da propia Endesa en pechar as centrais térmicas porque deixaron de serlle rendibles.

Pola súa banda, fontes do persoal da central das Pontes salientaban hai uns días a Praza.gal que a decisión de estudar se As Pontes debe demorar o seu peche para garantir o subministro na actual conxuntura enerxética non é máis nin menos que un "balón de osíxeno" que non debe facer "esquecer os proxectos que se están desenvolvendo" para procurar un futuro industrial na vila e "para facer de verdade unha transición xusta". Así se pronunciaba Marcos Prieto (UGT), vicepresidente do comité de empresa da central. O representante do persoal insistía na necesidade de que empresa e administracións aceleren os proxectos alternativos e de enerxías renovables para a comarca que veñen barallando nos últimos anos, desde que Endesa deu por feito que a central térmica das Pontes non seguirá a operar no futuro máis próximo.

Resultados de Endesa no primeiro semestre de 2022 © Endesa

A empresa aumentou un 64% os seus ingresos no primeiro semestre, pasando de 9.000 a 14.800 millóns, e tras os impostos o resultado neto pasou de 823 a 916 millóns

Canto aos resultados semestrais presentados este mércores, a empresa informa de que aumentou un 64,4% os seus ingresos a respecto do primeiro semestre do pasado ano, pasando de 9.032 millóns de euros a 14.851. O resultado antes de impostos tamén mellorou dos 1.878 millóns do primeiro semestre do pasado ano aos 2.188 millóns deste, un 16,5% máis. Tras os impostos, o resultado neto pasou de 823 a 916 millóns de euros, que a empresa contextualiza en parte na venta de participacións en compañías, sen as cales o resultado ordinario neto caería un 11,8%, de 832 a 734 millóns de euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.