"Non hai ningún paso atrás; non se pode crer que debido aos prezos tolos de agora a central vai volver actuar como no pasado", di o conselleiro delegado de Enel
A reactivación da central das Pontes só é temporal e o peche está máis que decidido. Así o ratificou o conselleiro delegado de Enel, Francesco Starace, que asegurou este mércores que a volta á queima de carbón desde este luns na térmica, propiedade de Endesa, responde á "anormal" situación do mercado eléctrico cos altos prezos da electricidade.
"Non hai ningún paso atrás", confirmou respecto da decisión de pechar toda a xeración de carbón durante a rolda de prensa co gallo do Capital Markets Day que celebra o grupo Enel. "Non se pode crer que debido aos prezos tolos de agora a central vai volver actuar como no pasado", insistiu Starace respecto das instalacións das Pontes, pendentes da autorización de peche para seren clausuradas de vez a final de ano, momento ata o que Endesa podería seguir queimando carbón.
Segundo Starace, conselleiro delegado de Enel, que posúe o 70% de Endesa, é só o contexto de auxe de prezos da electricidade, a baixada de temperaturas e o lóxico aumento do consumo enerxético o que explica esta reactivación temporal da central das Pontes, da que se anunciou o peche hai xa máis de dous anos.
De feito, Enel lanzou tamén este mércores unha actualizacón do seu plan estratéxico, unha nova folla de ruta da descarbonización que inclúe un adianto dunha década no seu obxectivo de ser unha compañía de cero emisións, de 2050 a 2040, para poñer fin a todo o seu negocio de gas natural dentro de dúas décadas.
Así, Enel reafirmou a súa idea de abandonar a xeración con carbón en 2027, como xa adiantara Endesa, e a de gas en 2040. Nas Pontes a empresa posúe unha central de cilco combinado de 870 MW, parte dos 3.834 que suma entre España e Portugal.