O xiro político anunciado por Rueda queda limitado no texto da nova lei de renovables, que inclúe rebaixas de impostos para investimentos no sector, flexibilidade para instalacións en polígonos empresariais ou vender lixo para xerar metano
Hai mes e medio o presidente Rueda anunciou a intención da Xunta de impulsar unha empresa público-privada para impulsar proxectos de enerxías renovables que primen os beneficios directos sobre o territorio no que estas se asentan. Tras máis dunha década de negativas do PP á participación pública no sector enerxético, o anuncio supuña un xiro político. Pero a súa primeira concreción, a nova lei de aproveitamento das renovables na que o Goberno galego senta as bases para as súas próximas actuacións nese eido, limita o alcance do anunciado e a participación da Xunta será minoritaria.
Así o consagra o texto da nova norma que este venres vén de iniciar a súa exposición ao público e que inclúe outras medidas como rebaixas de impostos para investimentos no sector das renovables, flexibilidade para ese tipo de instalacións en polígonos empresariais ou mesmo a posibilidade de que Sogama venda parte dos residuos que xestiona para a obtención de biometano.
O texto agora desvelado da nova lei abre a porta -pero non obriga nin fixa prazos- a que a Xunta participe en “sociedades mercantís privadas” que teñan entre as súas finalidades, como avanzou Praza.gal, “procurar o beneficio social e económico” nas zonas onde desenvolvan os seus proxectos. O texto condiciona a participación da Xunta a que os proxectos teñan ese interese xeral pero non detalla ningún sistema de control por parte da Xunta dos órganos de goberno desas sociedades, en contra do anunciado este xoves polo vicepresidente económico do Goberno galego, Francisco Conde, polo que posibles votos de calidade ou vetos máis alá dos fins xenéricos da propia empresa non quedarían regulados a nivel legal senón nos estatutos concretos de cada sociedade.
Por outra banda, a nova lei muda outra norma previa de 2010 para que a participación mínima da Xunta en empresas privadas poida ser inferior ao 10%, pero mantén o límite superior de xeito que non poderá ter máis do 50% do capital social.
En liña con recomendacións de Nacións Unidas e a UE a nova lei tamén ten en conta os "servizos ecosistémicos" ou beneficios xerais que proporciona a natureza ao ser humano
Ademais da participación limitada da Xunta en proxectos enerxéticos a nova lei establece, en liña coas recomendacións de Nacións Unidas e a UE, que á hora de avaliar os impactos ambientais dos proxectos enerxéticos ou de extracción de recursos naturais tamén hai que ter en conta os seus efectos sobre os denominados “servizos ecosistémicos”, isto é, "os beneficios económicos, sociais e ambientais, directos e indirectos, que as persoas obteñen do bo funcionamento dos ecosistemas, e que melloran a saúde, a economía e a calidade de vida, tales como o mantemento da biodiversidade, o secuestro de carbono, a beleza paisaxística, o acervo cultural, tanto patrimonial como inmaterial, a formación de solos, a regulación hídrica nas bacías e a provisión de recursos cinexéticos.
O novo texto tamén establece unha serie de indicadores para valorar o impacto social e económico dos proxectos no marco das súa avaliacións de impacto ambiental. E, no que respecta aos concursos de dereitos mineiros, fixa que os “criterios de calidade social e ética do proxecto, así como de impacto socioeconómico do proxecto na zona de implantación” suporán “polo menos o 40% dos criterios de selección”.
Pero máis alá deses dous aspectos máis publicitados da norma ata agora, o novo texto introduce moitas outras novidades. En materia de impostos, crea unha nova taxa -similar ao canon eólico que xa grava os aeroxeradores e liñas en terra- destinada ás conexións eléctricas dos parques eólicos mariños. Pero a cambio introduce distintas deducións para investimentos no sector das enerxías renovables.
A norma tamén quere impulsar a instalación de enerxías renovables para o autoconsumo de parques empresariais. Para iso facilita o seu emprazamento en zonas verdes ou libres desas áreas empresariais ou fai que esas novas instalacións non computen á hora de calcular a edificabilidade.
O texto tamén quere impulsar a “valorización” de residuos orgánicos con potencial de xerar biometano, para o que contempla que Sogama poida vendelos a outras empresas que fagan esa transformación, na que tamén poderían participar residuos procedentes do sector agrogandeiro. Unha Sogama na que a Xunta é socia maioritaria, con Naturgy como socia industrial, e que nos seus estatutos xa ten recollida a posibilidade de participar en proxectos "encamiñados á obtención de enerxía a partir de fontes alternativas".