O Goberno galego di que a maioría privada dará “un plus de axilidade na toma de decisións” pero que a administración terá “voto cualificado” e “mecanismos para blindar que só participe en proxectos de interese para Galicia”
A nova empresa coa que a Xunta quere participar directamente no impulso de proxectos de enerxías renovables tras máis dunha década de negativa do PP a facelo terá “maioría accionarial privada”. Así o avanzou este xoves o vicepresidente económico do Goberno galego, Francisco Conde, tras o Consello da Xunta, que aprobou o anteproxecto da nova lei de aproveitamento dos recursos naturais de Galicia.
Conde, que avanzou que o texto iniciará este venres a súa exposición pública por un prazo de 15 días, asegurou que a Xunta terá “voto cualificado”. Tamén “mecanismos para blindar que [a nova empresa] só participe en proxectos de interese para Galicia”.
Á espera de coñecerse o texto da nova lei e da súa posterior tramitación parlamentaria, Conde indicou que a Xunta irá “desenvolvendo en paralelo” a constitución da nova sociedade coa que quere participar directamente en proxectos de enerxías renovables. Segundo dixo, o feito de que o capital privado sexa maioritario “vai permitir un plus de axilidade na toma de decisións e na propia xestión, e un plus para que os diferentes investidores poidan participar”.
A Xunta inicia este venres a exposición pública da nova lei de aproveitamento dos recursos naturais de Galicia e de xeito "paralelo" comezará a desenvolver a sociedade coa que participará no sector
O vicepresidente económico da Xunta asegurou que en todo caso a administración galega “terá unha posición de control na sociedade, disporá de mecanismos para blindar que a sociedade só participe en proxectos de interese para Galicia”, algo que despois aclarou que se fará a través dun “voto cualificado” e indicando “nos documentos fundacionais que cada un dos proxectos responda a esas intereses xerais para Galicia”.
Porque Conde tamén concretou que a Xunta participará nunha sociedade matriz e que despois esta creará sociedades concretas para cada proxecto individual nas que poderán participar outras administracións ou sociedades locais.
Canto ás porcentaxes concretas de participación da Xunta, o vicepresidente indicou que agora se vai convocar unha manifestación de intereses. Trátase dun procedemento polo que as empresas poderán formular as súas propostas “e a partir de aí tomar unha decisión”.
Tras anunciar hai mes e medio o xiro político para participar no sector das renovables a Xunta mantivo encontros con sectores empresariais pero aínda agora consultará á cidadanía un texto xa articulado
A nova lei de aproveitamento dos recursos naturais de Galicia foi anunciada polo presidente Rueda hai mes e medio, cando pediu tempo para aclarar o seu xiro político a respecto da participación pública directa en proxectos de enerxías renovables. Naquel momento o propio presidente anunciou que a Xunta só estaba a iniciar o proceso para elaborar unha futura lei que aínda non tiña nin borrador e para a que antes se pedirían suxestións da cidadanía.
Porén, neste tempo a Xunta só se reuniu con colectivos empresariais e agora aproba xa o anteproxecto do texto articulado que será o que se someta a partir deste venres a alegacións da cidadanía en xeral. Sobre o seu contido, o único que trascendeu ata agora, avanzado por Praza.gal, foi que as empresas nas que participe a Xunta deberán ter nos seus fins "procurar o beneficio social".