Rueda di que a súa empresa pública de enerxía é mellor que a de Pontón, quen lembra que a Xunta aínda non a concretou

Parques eólicos nun monte galego CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente di que a súa proposta é o que pedía o BNG pero “máis elaborado, máis realista e máis planificado”, malia que o Goberno galego aínda non fixo público máis que un folio coas súas ideas iniciais

Tres semanas despois de que o presidente Rueda anunciase un xiro na política da Xunta para agora si apostar pola participación pública no sector das enerxías renovables, cuestión á que o PP se negou durante década e media, o Goberno galego aínda nin abriu a consulta pública ao respecto que prometeu nin fixo público máis que un folio coas súas intencións. 

Malia esa ausencia de datos concretos, e de pedir o propio Rueda tempo para concretar a súa idea, este mércores o propio presidente asegurou no Parlamento que é mellor que a reiterada proposta do BNG de que a Xunta cree unha empresa enerxética cen por cen pública.

Rueda co seu vicepresidente económico, Francisco Conde, na sesión de control deste mércores 12 de abril de 2023 CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

A cuestión da participación pública na enerxía chegou á sesión de control ao Goberno galego a través dunha pregunta da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que acusou o PP de levar “14 anos gobernando para as eléctricas”. A nacionalista lamentou que ao tempo que a Xunta autoriza ducias de parques eólicos por todo o país están a desaparecer centos de empregos industrias ligados ás renovables. “No BNG estamos a favor das renovables, a favor da transición enerxética, pero xusta e democrática, non un timo para que se forren as eléctricas”, dixo.

Pontón di que o BNG está "a favor das renovables e da transición enerxética, pero xusta e democrática, non un timo para que se forren as eléctricas"

Pontón reiterou propostas dos nacionalistas para o sector como que se cree unha tarifa eléctrica galega ou unha compañía de enerxía “cen por cen pública”. “Declaremos o vento como un ben público porque as concesións non poden ser infinitas”, dixo. E criticou que tras anos de negativa agora o PP “vén e di que vai crear unha compañía de enerxía, tan ben estudada que o señor Rueda non é capaz de explicar cal vai ser a participación pública nesa empresa, que xa se verá cando se cree unha compañía que non se sabe nin como é”.

Ana Pontón diríxese a Rueda durante a sesión de control deste 12 de abril. Ao seu carón, a vicevoceira Olalla Rodil CC-BY-NC-SA BNG

A resposta de Rueda foi criticar que o BNG critique a súa nova proposta de participación pública nas renovables porque ao seu ver era o que pedían os nacionalistas pero “máis elaborado, máis realista e máis planificado”. O presidente da Xunta asegurou que no eido enerxético “hai que traballar con eficacia”, cuestión que atribuíu ao PP, mentres que ao seu ver para o BNG “o nacionalismo o resolve todo e o problema é que cada vez máis non resolve nada”. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.