O BNG reivindica unha tarifa eléctrica galega para "non ser penalizados"

Queima simbólica de facturas de Gas Natural Fenosa © BNG

A portavoz nacional, Ana Pontón, e o cabeza de lista de BNG pola Coruña, Carlos Callón, reivindicaron este xoves unha tarifa eléctrica galega nun acto simbólico de queima de facturas da luz ante as oficinas de Gas Natural Fenosa en Santiago. Quixeron denunciar así que "nin as familias nin as empresas galegas teñan beneficio ningún pese a ser Galiza produtora excedentaria de enerxía". 

O Bloque reivindica unha tarifa eléctrica galega porque "nin as familias nin as empresas galegas teñen beneficio ningún pese a ser Galiza produtora excedentaria de enerxía"

“É un disparate ser un dos máximos produtores de enerxía e que non sexa aproveitado a favor das familias e das empresas, mentres vemos como as grandes eléctricas teñen cada ano beneficios multimillonarios, que lles dá retiros dourados a persoeiros políticos como Aznar e Felipe González”, criticou Pontón, que reivindicou o voto ao BNG. “Para os galegos e as galegas é máis útil un deputado ou deputada que vai defender que paguemos a luz máis barata que no resto do Estado porque tamén a producimos, que o voto a forzas políticas que van ir ao Congreso a non pedir nada porque xa nos dixeron que van investir a Sánchez, Iglesias, a Rivera ou ao señor Rajoy”, engadiu

O Bloque, tal e como fixera en moitas outras ocasións, reclama unha tarifa eléctrica galega, diferenciada, na que se desconte o custo do transporte dunha enerxía "que producimos na propia casa”, igual que ten Euskadi e outros territorios da UE como Gran Bretaña e Alemaña con tarifa diferenciadas dentro do propio Estado. "Será unha das prioridades a negociar co futuro goberno tras o 26X, nun escenario sen maiorías absolutas", advertiron. 

"Somos penalizados obrigados a pagar o prezo do transporte dunha enerxía que producimos aquí mesmo e que nos quitan", lembra Callón

Ademais, Callón explicou que un concello como Caldas de Reis, con apenas 10.000 habitantes, produce máis enerxía eléctrica que todo Madrid, “e que recibimos a cambio? Nada”. “Mesmo somos penalizados obrigados a pagar o prezo do transporte dunha enerxía que producimos aquí mesmo e que nos quitan, iso vai contra toda lóxica”, engadiu. 

O cabeza de lista pola Coruña subliñou que o BNG “é a única forza que se presenta o 26X defendendo unha tarifa eléctrica galega, con iso erradicamos a pobreza enerxética de 180.000 familias nas que nin soñan con prender a calefacción, e empresas como Alcoa non usarían o custe enerxético como escusa para ameazar coa deslocalización”, salientou Callón.

Para o BNG, estamos ante un modelo enerxético “inxusto e insostible” que hai que cambiar en base a tres principios. "A enerxía que se produce en Galiza non é de Iberdrola, nin de Gas Natural Fenosa, é dos galegos e das galegas e temos dereito a aproveitala en beneficio do noso país", advertiu, para engadir que se deben "suprimir os oligopolios e retirada de normativas como o chamado imposto ao sol" e "camiñar cara á eficiencia enerxética e a redución do consumo que permita un modelo enerxético sustentable".

Queima simbólica de facturas de Gas Natural Fenosa © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.