Muras é o municipio de Galicia con maior presenza de eólicos. Con algo máis de 163 quilómetros cadrados e 614 habitantes, conta cunha potencia instalada de 485 MW repartidos entre 20 parques e 381 aeroxeradores (máis de un por cada dous residentes) desenvolvidos entre 1995 e 2009 polas empresas Acciona, Endesa, HEI do Arnoya SL, Iberdrola e Norvento.
Muras acolle 381 aeroxeradores, a cuarta parte dos parques da provincia de Lugo e un de cada 12 MW instalados en Galicia
En Muras atópanse máis da cuarta parte de todos os parques da provincia de Lugo, que con 73 é a segunda do Estado con máis xeración eólica, e un de cada 12 MW instalados en Galicia, que rolda os 3.900 MW. Nesta altura, e co debate máis vivo que nunca pola aposta polas renovables e a descarbonización nun contexto de loita contra a crise climática, o municipio lucense segue a recibir recoñecementos polas "boas prácticas" na xestión enerxética e o seu alcalde, convidado a debullar o seu modelo.
A última vez, a pasada semana nun acto celebrado na Universidad Rey Juan Carlos de Madrid a raíz do informe realizado pola Fundación Ecología y Desarrollo (Ecodes) e encargado pola propia universidade, na que Muras é un dos modelos destacados no "aproveitamento renovable con especial respecto á biodiversidade e con especial consideración á poboación local”.
Apoiado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, o informe analiza os "aspectos clave de protección da biodiversidade e socioeconómicos para garantir a harmonía entre os proxectos de enerxías renovables e o territorio". Nel, identifícanse trece exemplos no Estado de implantación de proxectos fotovoltaicos e eólicos con aceptación social: pola selección do emprazamento, as actuacións previas coas poboacións locais, accións durante a fase de construción ou medidas para a integración socioeconómica nos territorios.
En canto á eólica, Muras é o primeiro caso que se destaca. O seu alcalde, Manuel Requeixo (BNG), está xa afeito nos últimos meses a participar en palestras como a da pasada semana para explicar o modelo. "O das enerxías renovables é un tema que está en voga outra vez na sociedade pola necesidade de ir abandonando os combustibles fósiles e a loita contra o cambio climático; por España adiante estanse dando casos semellantes ao acontecido no noso concello entre mediados dos 90 e os 2000, cunha implantación ás toas de solar ou eólica, e a nós chámannos para coñecer o tratamento que fixemos dunha problemática que nos atopamos, que nos veu dada", explica.
"Axudar a pagar a luz á veciñanza é xustiza social, o mínimo nun concello que sofre as consecuencias da masificación e unha planificación eólica sen xeito", di Requeixo
"Coñecen o modelo e creouse unha especie de marca Muras polas medidas que puxemos en marcha, pero é unha nimiedade: axudar a pagar a luz á veciñanza é unha cuestión de xustiza social, o mínimo que se pode facer nun concello que sofre as consecuencias da masificación e unha planificación feita sen xeito", explica.
No ano 2016, pouco despois da chegada do novo equipo de goberno ao municipio, e co obxectivo de "compensar a xeración de riqueza dos seus recursos naturais" por parte de grandes eléctricas e o "impacto medioambiental" na zona, o Concello aprobou unha ordenanza pioneira para sufragar a factura eléctrica dos seus veciños e veciñas.
O Concello axuda ao pago da factura da luz a vivendas, en función das rendas, cun máximo 600 euros, tal e como destaca o informe de Ecodes. O 85% dos veciños solicitan a axuda, á que se engadiu outra partida de 1.500 euros para cada peme que xustifique o seu gasto de luz e da que se benefician cafeterías, supermercados ou farmacias.
A maioría dos ingresos de Muras, como destaca o estudo, proveñen do sector eólico, ben polo Imposto de Actividade Económicas e IBI (900.000 euros) ou polo canon eólico (máis de 500.000 en 2021). Boa parte deles, destacou o alcalde, destínanse tamén a "aumentar a calidade de vida da veciñanza" nun municipio que perde poboación a un ritmo moi alto: ten a metade que en 1998 e perdeu en 50 anos case o 80% dos habitantes.
Muras achega ata 600 euros por familia e 1.500 euros por cada peme para o pago da factura eléctrica
Dersde o Concello, cun dos PIB máis altos da provincia, impulsáronse axudas á natalidade, con cesta de produtos de farmacia adquiridas no municipio valorada en 300 euros, a mellora de prestacións sociais e de infraestruturas, a construción da rede de auga potable e a creación dun observatorio, como destacou o alcalde. Pero Requeixo insiste en que o que se fai agora é só un intento de paliar todo o que veu mal feito de antes.
Recoñéceo así o informe no que colabora o Ministerio, que destaca as "prácticas de dubidosa ética nos momentos iniciais" dos proxectos eólicos, corroboradas nas conversas coa veciñanza: "Como a venda de terreos a prezos ínfimos (30-100 pesetas o metro cadrado) e ameazas de expropiación, sen que se achegasen solucións desde a administración autonómica da época".
O informe de Ecodes destaca as medidas do Concello pero tamén as "prácticas de dubidosa ética" na implantación dos parques, que "privaron a cidadanía do beneficio dos seus terreos"
O estudo lembra que nesta primeira fase, "varias empresas locais fixéronse co control da maioría de territorios e concesións, que logo venderon a outras empresas, privando a cidadanía do beneficio que os terreos podían teles achegado durante os últimos 20-25 anos". "O actual goberno de Muras, que herdou este contexto negativo, é un exemplo de como reconducir unha situación desfavorable para mellorar a calidade de vida dos seus veciños con estes ingresos extra da mellor maneira posible", di.
O informe destaca que "o desenvolvemento dos parques eólicos supuxo un impulso para o desenvolvemento económico e social da zona" pero lembra que coa implantación dos muíños "xeráronse cinco empregos directos para habitantes de Muras e arredor de 40 adicionais para xente da zona", alén dos que se crearon durante a etapa da construción. A poboación, no entanto, e a diferenza doutros casos analizados, continuou descendendo.
"A veciñanza e os concellos deben participar nos parques"
Agora, pasados oito anos desde que o Concello implantou varias liñas de axuda para pagar a factura da luz, o alcalde Manuel Requeixo que cre "hai que ir máis aló". "A xente que é propietaria dos terreos e os municipios onde se asentan deben ter participación neles ou nunha porcentaxe da facturación do parque", di, polo que pide "vontade política" para que as administracións das que depende a xestión eólica "creen os mecanismos legais, que agora non son suficientes, para que a veciñanza e as administracións participen".
"Hai que ir máis aló: a veciñanza e os concellos onde asentan os parques deben participar neles ou nunha porcentaxe da súa facturación"
"Hai que ir un pouco máis aló", insiste. "Os particulares, os censados no municipio que son expropiados ou aos que a lei lles obriga a vender, teñen que ter a posibilidade de participar no capital dos parques, onde a participación pública é necesaria", di Requeixo, que lembra que as empresas enerxéticas "xeran riqueza a partir dun ben público como o vento, que privatizan". "Hai que lexislar, crear e aprobar normativas, ser valentes e estar interesados en levar estas iniciativas a cabo", advirte.
Ademais, e pola súa experiencia, cre que é moi necesaria "a información". "No mundo das enerxéticas o que hai é moita desinformación, é como unha cebola das que vas sacando capas e capas", explica, lembrando como unha das claves na súa estratexia municipal foi organizar charlas e debates coa veciñanza para "explicarlles os seus dereitos, o negocio eólico e darlles ferramentas para poder negociar". "Pasa moito coas comunidades de montes, que moitas veces non aproveitan todo o potencial que teñen nas mans porque non teñen toda a información nin os recursos necesarios", engade.
"Moita veciñanza viña queixarse de que lle estaban producindo enerxía ao lado da súa casa, con todos os problemas que lle puidese xerar, e pagábaa igual que se estivese vivindo en Madrid... E esa era a clave", conta Requeixo, que toma partido tamén no debate sobre a futura implantación de máis parques eólicos en Galicia ante a necesaria transición verde enerxética.
"É obvio que hai que apostar pola descarbonización porque a queima de combustibles fósiles supón un gran problema de contaminación; a enerxía eólica é unha das grandes alternativas e pode compensar esa perda enerxética, así que eólica si, pero non así porque precisamos unha ordenación do sector que nunca se fixo", explica. "O que temos é que desenvolver as renovables dunha maneira ordenada e sen darlle o mango da tixola aos promotores", reclama.
Segundo Energía eólica en Muras: análisis de su impacto territorial, económico, ambiental y energético, libro impulsado polo propio Concello e o Observatorio Eólico de Galicia, o negocio que para as empresas privadas que xestionan os parques en Muras supón unha facturación duns 70 millóns de euros. Nos vindeiros anos está prevista a construción de máis parques, aínda que algún xa conta con declaración de impacto ambiental desfavorable, así como a repotenciación dalgún dos xa instalados.