Rueda pediu tempo para aclarar a nova postura do Goberno galego coa futura lei, que di que beneficiará a “toda a sociedade”, pero de momento o proceso de escoita está centrado en colectivos empresariais sen abrirse aínda ás opinións da cidadanía
O 21 de marzo o presidente Rueda anunciou un xiro político da Xunta, que tras máis dunha década de rexeitamento agora quere participar directamente en proxectos de enerxías renovables. Dous días máis tarde, o 23, o presidente pedía tempo para aclarar as súas novas propostas e o Goberno galego aprobaba o inicio da tramitación dunha nova lei para concretalas. Ese proceso debe comezar, como o propio Rueda informou, por unha denominada consulta pública previa para que calquera cidadán formule as suxestións que considere, pero un mes despois esa consulta aínda non comezou.
Tras o anuncio de xiro político de Rueda o propio presidente remitiu á futura lei para concretar todo tipo de dúbidas sobre o alcance da participación pública da Xunta. Si dixo que o seu obxectivo é “que toda a sociedade se poida beneficiar dela” e que para iso a tramitación da norma comezaría cunha “fase de consulta pública, que é como comeza a tramitación de todos os proxectos”. Pero un mes despois a web de transparencia da Xunta na que se realizan as consultas públicas previas aínda non recolleu ese procedemento.
Á espera de que a cidadanía poida opinar, de momento o que fixo publicamente a Xunta, a través fundamentalmente da Consellería de Medio Ambiente e non da vicepresidencia económica, que é o departamento que formalmente impulsa a nova lei, foi centrar o proceso de escoita en colectivos empresariais. O 31 de marzo a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, iniciou con dous profesores da USC “unha rolda de contactos con expertos en economía ambiental” para elaborar a nova lei, o 11 de abril con representantes de parques empresariais e o 18 de abril cun cluster de empresas ambientais.
Sería aínda esta pasada fin de semana cando, o domingo 23 de abril, a Xunta divulgou unha reunión, sen datala, do comité técnico da Sociedade Impulsa na que a Xunta participa con firmas privadas para impulsar proxectos empresariais e na que o vicepresidente económico, Francisco Conde, acompañado dos de Facenda e Medio Rural, "informou" aos presentes do inicio da tramitación da futura lei.
Malia que a Xunta aínda non ten nin un borrador da nova norma, Rueda asegura que a súa proposta é mellor que as da oposición, que xa viña apostando pola participación pública
Á espera da apertura da consulta pública previa o que si fixo público a Xunta foi un pequeno resumo, de apenas un folio, avanzado por Praza.gal, no que fixa algúns dos obxectivos da nova norma. Nel sinálase que as empresas de renovables en que participe a Xunta deberán ter nos seus fins “procurar o beneficio social” ou que a participación poderá ser interposta, a través de sociedades participadas directamente pola administración que á súa vez participen en sociedades “vehiculares” para executar cada proxecto concreto.
Pero de momento, e segundo admiten fontes do máis alto nivel do Goberno galego, a Xunta aínda carece sequera dun primeiro borrador do novo texto. Porén, iso non impediu a Rueda asegurar no parlamento o 12 de abril que as súas propostas para o sector son mellores que as do BNG, que como o PSdeG vén apostando pola participación pública.