"A Consellería impídenos secundar campañas contra a violencia de xénero que non sexan a da Xunta". Poucos días antes do pasado Día contra a Violencia de Xénero unha traballadora do centro de día para persoas maiores de Ribadeo, dependente da Consellería de Política Social a través do Consorcio de Igualdade e Benestar, fixo chegar á daquela nova conselleira, Fabiola García, a súa oposición ao que consideraba unha "imposición irracional e de tintes políticos". Tal imposición, asegura a Consellería, realmente non existiu. Era só un recordatorio, matizan.
"A Consellería impídenos secundar campañas contra a violencia de xénero que non sexan a da Xunta", denunciara unha traballadora dun centro de día de Ribadeo tras tres meses a preparar actividades cos maiores para o 25N
"Informáronme" cun escrito oficial "de que nos impiden participar, secundar e apoiar calquera campaña en relación ao 25 de novembro que non sexa a da Xunta", lamentaba a traballadora nunha carta na que detallaba que ese impedimento botaba por terra un traballo de tres meses con persoas anciás usuarias do centro. "Din non a un proxecto transversal" contra a violencia de xénero dedicado a maiores por estar ligado á campaña municipal do Concello de Ribadeo e, daquela, á iniciativa En negro contra as violencias machistas, impulsada en 2015 polo Concello de Santiago e que na súa edición de 2018 xa chegou a un terzo dos municipios galegos, con gobernos de todas as cores polítícas.
Xa daquela a Consellería, a preguntas de Praza.gal, admitira a existencia dunha "circular" a centros coma este a respecto da campaña do 25 de novembro pero negara que a intención fose "prohibir", senón só "lembrar" que a "única campaña oficial" da Xunta era a promovida pola Secretaría Xeral de Igualdade. "Non se prohibiu nada", afirmaba Política Social mentres, non obstante, persoal doutros departamentos dependentes da Xunta afirmaba tamén a existencia de advertencias contra a campaña 'En negro', tamén en anos anteriores.
A preguntas de En Marea e PSdeG Política Social volve admitir o envío da circular na que "lembraba cal era a campaña da Xunta", pero asegura que só tiña un obxectivo "organizativo"
O balbordo xerado pola misiva da traballadora á conselleira tivo tamén a súa vertente política. En Marea e PSdeG reclamaron explicacións formais sobre "o contido" da devandita circular e os motivos polos que "a Xunta impediu participar, secundar ou apoiar" campañas que non fosen a propia, no cal observaban unha mostra de "sectarismo". O Goberno galego vén de rexistrar no Parlamento as súas respostas, nas que nega outra volta que existise prohibición ningunha.
En senllas respostas oficiais rexistradas o pasado día 23 o departamento que dirixe Fabiola García volve admitir, como xa fixera a preguntas deste diario, que "enviou nos días previos á celebración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller unha comunicación interna á dirección de todos os centros" do Consorcio de Igualdade e Benestar. Pero, matiza, tiña como intención a "coordinación dos actos co gallo desa data".
"O obxectivo dese correo electrónico era puramente organizativo", mantén a Xunta, e "unicamente" se destinou a "lembrar cal era a campaña institucional da Xunta". O motivo, manteñen, era que "como sucede todos os anos, estaban previstas unha serie de actividades cun mínimo común denominador para todos os centros que, como os dependentes do Consorcio", son "de titularidade autonómica".