O Goberno galego presenta á Fegamp a lei de simplificación administrativa que o partido tramita pola súa conta desde hai mes e medio e pídelle agora “colaboración” cunha norma que limita as súas competencias
Mes e medio despois de iniciar a súa tramitación o PP no Parlamento de Galicia, o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, reuniuse este mércores co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, para pedirlle “colaboración” coa lei de reactivación económica que quere deitar diversos permisos que ata agora supervisaban os concellos en mans de empresas privadas. A resposta da entidade que dá voz aos concellos galegos é que estes “rexeitan que as autorizacións urbanísticas resten en mans de empresas privadas con posibles intereses no negocio”.
A lei de reactivación económica está a ser impulsada polo PP e non pola Xunta, como sucede na gran maioría das veces, o que impediu que a cidadanía e outras institucións interesadas coñecesen o texto ata que os populares o rexistraron no Parlamento hai mes e medio, fronte ao proceso de exposición pública previo que seguen as leis cando as impulsa o Goberno galego. Isto levou este mércores ao presidente da Fegamp, tamén alcalde socialista de Vilagarcía, a lamentar que a Xunta limitase a posibilidade de facer achegas para mellorar o que cualificou como “borrador” pero que realmente xa é unha proposición de lei en tramitación.
O seu texto, en cuxa aplicación o Goberno galego pide agora “colaboración” aos concellos, impulsa unha “simplificación administrativa” baseada en deitar trámites e supervisións que ata agora facían as administracións públicas en mans de empresas privadas de xestión -denominadas entidades de certificación- que poderán ser contratadas polas empresas ou particulares que queiran poñer en marcha algún negocio.
‘Entidades de colaboración’ alleas á administración, declaracións responsables ou autoliquidacións son algunhas das estratexias polas que aposta o PP na nova lei de reactivación económica
Para a Fegamp, iso é “un punto inadmisible para os concellos” xa que “ademais de que as empresas certificadoras poidan ser parte interesada en dito sector de negocio, os concellos consideran que ese procedemento xerará maior número de expedientes de reposición da legalidade urbanística e unha maior inseguridade xurídica en prexuízo dos propios emprendedores empresariais”. A lei di que esas entidades “serán as únicas responsables fronte ao concello do contido das certificacións emitidas, substituíndo a súa actuación a responsabilidade das demais persoas interesadas”
Ademais de permitir que as entidades de certificación privadas asuman trámites que ata agora dependían dos concellos, a nova norma en tramitación tamén contempla a nivel autonómico que a propia Xunta poida contratar ela a empresas privadas para que axuden a outras empresas a obter os seus propios permisos. Igualmente, o PP quere que a Xunta deixe en mans de entidades de colaboración parte da tramitación ambiental de proxectos empresariais. E incrementa os trámites que se poden superar coa presentación de declaracións responsables ou autoliquidacións por parte das persoas ou empresas interesadas reducindo así o papel das administracións.