Pazo de Tor: mudar o relato para contar as historias soterradas tras o noso patrimonio

Visita guiada no Museo Pazo de Tor © Deputación de Lugo

 

'A vida tralos labirintos mentais. Historias soterradas', 'Sala de Domingo Fontán: Un país no mapa!' e 'Casa de soga e coitelo, o cárcere de Tor' son os tres novos espazos humanizados seguindo os criterios das novas museografías no Museo Pazo de Tor da Deputación de Lugo, que xa se poden visitar

Angelita tiña nove anos cando comezou traballar como persoal de servizo no Pazo de Tor (Monforte) e xubilouse nel como guía do propio pazo. A súa é unha das historias soterradas "unidas por un mesmo fío" que rescata a Deputación de Lugo nas últimas actuacións na súa rede museística, que pretenden rescatar as narrativas de clase e sobre as desigualdades que existiron nestes espazos, como xa se fixo coa mostra SoTERRAdas: a vida tralos mantelos, da fortaleza ao pazo, que acolleron o Museo Fortaleza de San Paio de Narla e o Museo Pazo de Tor o ano pasado. O Pazo de Tor, que ademais agora é visitable desde o seu sitio web, quere ser un espazo para comprender o presente a través do pasado.

O fío condutor foise ampliando no último ano co obxectivo de visibilizar esas historias non contadas, pero cunha ollada contemporánea. O Pazo de Tor reconcíliase co seu pasado para mostralo ás xeracións que conviven con el agora como museo, pero non como contedor inerte de obxectos, senón como espazo vivo que conta historias que non lle son alleas á sociedade actual. Casa de soga e coitelo, o cárcere de Tor, A vida tralos labirintos mentais. Historias soterradas e Sala de Domingo Fontán: Un país no mapa! son os tres novos espazos humanizados seguindo os criterios das novas museografías que dan continuidade ao proxecto SoTERRAdas e que se poden visitar desde o 25 de maio. 

Unha estancia do Pazo de Tor © Deputación de Lugo

No ano 2006 abriuse o Pazo de Tor como espazo museográfico, pero só se mostrou a zona da fidalguía e os novos traballos enfocáronse en recuperar a zona da servidume que tamén habitou o edificio. "Quixemos facerlle unha homenaxe a todas esas persoas a través da figura de Angelita e todo o que foi o seu camiño dentro do pazo a partir dos cuartos que vai ocupando nas distintas etapas vitais", sinala Encarnación Lago González, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo.

Cando Ángeles Rivada, Angelita, entrou a servir á última dona do Pazo de Tor, María Paz Taboada de Andrés y Zúñiga, comezou durmindo nun cuarto na planta baixa que encheu de debuxos polas paredes. Pronto, ao non haber crianzas na familia que habita o pazo, deixaron que subira durmir no cuarto designado para os nenos, aínda que non podía tocar os xoguetes. Para revivir estes recordos, as artistas Pamen Pereira e Che Marchesi constrúen unha narrativa con camas que se erguen do chan e ilusións ópticas dentro do proxecto Historia do futuro, que musealiza eses espazos nos que medrou a rapaza que co tempo chegou a realizar as visitas guiadas polo propio pazo. Esta intervención poderá visitarse ata finais de setembro.

"Hai que traer os sucesos do pasado á forma de entender contemporánea para que todo o mundo poida comprendelos", salienta Encarnación Lago

"Afondando nas desigualdades de clase vimos que hai moi pouco relato sobre o que pasa coas nenas, e se a nena é pobre aínda moito máis. Con estes temas sucede que quen é moi sensible pensa que todo o mundo vai comprender estas historias, pero pasa como cando falas da guerra: se non se contemporanizan os datos moita xente que non a viviu non a entende. Hai que traer os sucesos do pasado á forma de entender contemporánea para que todo o mundo poida comprendelos, xa que a realidade pode ser tan cruenta que nos pechemos en banda para non vela", explica Encarnación Lago.

O Pazo de Tor albergou ao longo dos anos moitas historias diferentes debido aos seus usos tan dispares, a mostra Casa de soga e coitelo, o cárcere de Tor céntrase no cárcere da xurisdición de San Xoan e San Xillao de Tor, que máis adiante sería un espazo de lecer para os mozos da casa no comezo do século XX e finalmente a súa primeira bibloteca. "Decidimos rescatar esta zona porque non estaba a ser visibilizada, abrimos a zona na que se metían os presos e formulamos preguntas que cuestionan quen xulgaba naquel momento. Chegamos incluso a cuestionar os relatos dos museos ata o de agora, ao servizo do poder, porque os relatos que se contan sempre son os hexemónicos", debulla Lago. 

Encarnación Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo, na sala coa mostra arredor de Domingo Fontán © Deputación de Lugo

"Non imos amañar o mundo pero si podemos arranxar un metro cadrado"

Como axuda o patrimonio a mellorar a vida das persoas? O museo social, que é a base sobre a que se traballa no Museo Pazo de Tor, pretende aportar ferramentas á sociedade coa que convive. Encarnación Lago asegura que "a gran pandemia coa que convivimos no século XXI é a enfermidade mental", polo que cando apareceu en Tor o proxecto para o que ía ser o primeiro centro psiquiátrico de Galicia –que ía estar ubicado en Santiago– deciden actuar nesta liña e contextualizalo con diferentes propostas e liñas argumentais que se acompañan de fotografías de Xosé Reigosa, textos de Luz Darriba e Marcos Lorenzo ou intervencións artísticas de Micaela Fernández, entre outras. 

A vida tralos labirintos mentais. Historias soterradas xa é parte da exposición permanente en Tor e nela xúntanse historias que relacionan as persoas, a enfermidade e os edificios. Aquí están os resultados dun traballo de investigación inédito sobre o psiquiátrico de Castro levado a cabo por Simón Vicente e Juan Ignacio Márquez que ensina como se tratou as persoas con enfermidades mentais ata hai menos de trinta anos, o papel da igrexa co Cardeal Payá como primeiro en empregar a loucura como negocio, un exercicio para cuestionar a idea de panóptico formulada por Jeremy Bentham e unha conexión co máis próximo que mostra aos visitantes como mellorar un metro cadrado ao seu arredor. "Non imos amañar o mundo pero si podemos arranxar un metro cadrado. Utilizamos documentos e testemuñas para visibilizar os problemas de saúde mental desde aquí", indica Lago. 

"A sala ten un mapa de Fontán tácil para que as persoas cegas poidan achegarse a el e un mapa con superficies imantadas para facilitar a xeolocalización", explica Lago

Humanizar os mapas de Domingo Fontán

A Deputación de Lugo custodia dous orixinais da 'Carta Xeométrica de Galicia' (1845) de Domingo Fontán, un deles está exposto no instituto Lucus Augusti de Lugo e o outro no Pazo de Tor, nunha estancia que foi recentemente musealizada e adaptada. "A sala ten un mapa de Fontán tácil para que as persoas cegas poidan achegarse a el e un mapa con superficies imantadas para facilitar a xeolocalización, para que revivir a experiencia de cando Otero Pedrayo chegou á Arxentina co mapa e a xente choraba buscando a súa aldea, intentar que con esa mesma mirada agora a xente valore o seu territorio e a xente que vive nel", defende a responsable da Rede Museística Provincial de Lugo.

Con esta nova representación, Sala de Domingo Fontán: Un país no mapa!, pretenden reivindicar a figura de Domingo Fontán como científico e humanizar o propio mapa para a posta en valor "do noso país, das súas xentes, do patrimonio que albergan todos os museos e do patrimonio natural" de Galicia. Nesta sala hai máis de 800 pezas que reproducen o patrimonio dos 67 concellos da provincia de Lugo e mostras da terra de cada un deles. 

"Os museos podemos ser activos de transformación social", salienta Encarnación Lago, para incidir en que "os museos máis importantes son os que poñen as persoas no centro". No Pazo de Tor a actividade é constante e está en movemento grazas tamén a iniciativas como a residencia literaria organizada xunto á Fundación Uxío Novoneyra na que estivo participando a escritora María Sánchez ou as residencias Land Art

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.