O vindeiro 8 de outubro a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) homenaxeará en Pontevedra a Domingo Fontán, que este ano protagoniza os actos do Día da Ciencia en Galicia, coincidindo co 230 aniversario do seu nacemento. O matemático e humanista, nacido en Portas o 17 de abril de 1788, é coñecido sobre todo por ser o autor da Carta Xeométrica de Galicia, realizada por Fontán entre 1817 e 1834, sendo durante varias décadas o único mapa do territorio español realizado con criterios científicos.
Durante 17 anos percorreu a pé e a cabalo todo o país para completar o primeiro mapa topográfico e trigonométrico feito en calquera dos territorios de España con métodos científicos e medicións matemáticas
Foron 17 anos nos que percorreu a pé e a cabalo todo o país para finalmente completar o primeiro mapa topográfico e trigonométrico feito en calquera dos territorios de España con métodos científicos e medicións matemáticas. O plano recolle todos os accidentes xeográficos importantes (e mesmo as catro mil igrexas existentes nese momento), acadando un nivel de detalle que non foi superado ata a aparición da cartografía por satélite. A pesar de que Fontán lle entregou o mapa á raíña María Cristina en 1834, este non se imprimiu ata once anos despois. O plano completo pódese consultar cun elevado nivel de detalle no visor de mapas do Instituto de Estudos do Territorio.
A RAGC organizará ao longo deste 2018 unha serie de actividades de divulgación da figura de Fontán. Formado en filosofía, artes, leis, ciencias exactas e teoloxía, comezou a súa carreira docente na USC con só 23 anos como substituto nas Cátedras de Retórica e Belas Artes e de Lóxica e Metafísica. Co tempo, faríase coa titularidade das Cátedras de Elementos Matemáticos e de Física Experimental. A Academia de Ciencias destaca que "este proceso de acumulación de coñecemento multidisciplinar tivo un punto de inflexión nas clases de matemáticas impartidas por José Rodríguez González, coñecido como “o matemático de Bermés” ás que Fontán asistiu no curso 1813-1814". El, que recibira o encargo de levantar o mapa da Península Ibérica, foi quen o inspirou na idea de realizar a triangulación xeodésica de Galicia, o xerme da carta xeométrica que se materializaría no primeiro mapa topográfico que se realizaba sobre o territorio español, seguindo o mesmo método que xa estaba a ser usado en Francia e noutros países europeos.
O mapa imprimiuse en París en 1945 a unha escala 1:100.000, cun nivel de detalle que incluía as 4.000 igrexas parroquiais repartidas por toda Galicia. Deses primeiros orixinais consérvanse, entre outros, o de Otero Pedrayo no Pazo-Museo de Trasalba (Amoeiro), o do Pazo de Tor (Monforte) e varios no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.
En paralelo, Fontán foi nomeado presidente da Academia de Filosofía e comezou a súa carreira política, primeiro como concelleiro en Santiago e posteriormente como secretario da Deputación Provincial de Galicia e deputado nas Cortes polo Partido Liberal, nas que obtivo escanos polas provincias de Pontevedra e Lugo. A súa faceta política supúxolle algúns sobresaltos, sobre todo na etapa absolutista de Fernando VII, cando tivo que someterse a procesos denominados “de purificación”. Porén, isto non foi obstáculo para que, tras ver unha memoria cos avances no traballo de elaboración da Carta Xeométrica, o monarca lle encargase o trazado de todo o Plan de Carreteras de Galicia, que se viña sumar á encomenda da división xudicial e municipal do territorio. Tamén foi director do Observatorio Astronómico de Madrid e, como empresario, foi xerente da Fábrica de Papel do Castro de Lousame. Ademais, traballou no deseño da primeira liña ferroviaria de Galicia, a que unía Santiago de Compostela e Carril, obra da que acabou sendo adxudicatario xunto con varios socios.
Faleceu o 24 de outubro de 1866 no Balneario de Cuntis, a onde acudira para aliviar unha cistite aguda que resultou fatal. Dende hai trinta anos os seus restos repousan no Panteón de Galegos Ilustres.
O mapa de Fontán, o "rostro de Galicia"
En Arredor de si Ramón Otero Pedrayo outórgalle á Carta Xeométrica de Fontán unha importancia fulcral, case mística, como símbolo identificador da nación galega
"Meu fillo, vai ao despacho e descolga aquel mapa grande... Quero velo denantes de morrer". En Arredor de si Ramón Otero Pedrayo outórgalle á Carta Xeométrica de Fontán unha importancia fulcral, case mística, como símbolo identificador da nación galega, como unha proxección da realidade galega toda. O tío de Adrián Solovio, Don Bernaldo, pídelle ao seu sobriño lle achegue o mapa: "Os ollos do enfermo reviviron. A man figuraba sinalar horizontes. Unha pura alegría animaba a faciana murchiña e branca. Adrián, cunha candea na man, ía alumeando os lugares que o vello dicía con voz lonxana (...) Adrián lía nomes de montes, de ríos, de pobiños, de ermidas. A uz ía seguindo os trazados dos camiños".
Tamén Castelao fai referencia á Carta de Fontán no seu Sempre en Galiza. E igualmente Álvaro Cunqueiro relata a súa descuberta persoal do mapa, que define como "o rostro de Galicia": "a cousa foi que un día, nos corredores do Instituto de Lugo, no edificio da Deputación, atopeime co mapa de Galicia de don Domingo Fontán. Foi o meu gran encontro co meu país galego: alí estaba a miña terra, a terra da miña vocación e dos meus días, a terra temporal e a eterna, a terra que a miña lingua -a terra do meu escuro acento labrego- necesitaba para soñar".
Tamén Álvaro Cunqueiro relata a súa descuberta persoal do mapa, que define como "o rostro de Galicia"
E, así mesmo, Miguel Anxo Murado, recolle a importancia histórica do mapa de Fontán, subliñando o carácter definitorio que a xeografía e a súa representación ten na identidade galega: "Galicia está na súa xeografía (...) A súa historia é, en moi gran medida, a súa xeografía (...) A explicación de Galicia, se é que existen as explicacións dos lugares, haberá que buscala, pois, menos nos arquivos, os diplomas e os decretos, e máis nas follas amareladas do vello mapa de Fontán". Neste senso, María López Sández (Paisaxe e nación: A creación discursiva do territorio), subliña que "desde unha posición de cultura periférica como a de Galicia é máis doado tomar conciencia das implicacións ideolóxicas do posicionamento no mapa ou do simple feito de que un determinado territorio sexa obxecto dun mapa individual ou se presente sistematicamente inserido noutro que acolle un territorio máis amplo".
"Desde unha posición de cultura periférica é máis doado tomar conciencia das implicacións ideolóxicas do feito de que un territorio sexa obxecto dun mapa individual ou se presente sistematicamente inserido noutro"
A fenomenal novela de Marcos Calveiro, Fontán, afondou na figura do matemático e no proceso de creación da Carta Xeométrica, destacando nesta entrevista que Fontán "paréceme un tipo extraordinario, un tipo que sobe a un burro e que durante 17 anos viaxa só e, con moi poucos medios técnicos, traza unha marabilla científica de Galicia. Un adiantado do seu tempo. De aí vén a obsesión. É un deses galegos practicamente descoñecidos que conseguiron grandes logros e que hoxe están aí esquecidos por todo mundo".