A Vicepresidencia do ente provincial distribuirá un caderno coa historia e versión orixinal da peza, que soou por primeira vez en territorio galego o 17 de setembro de 1912 en Mondoñedo, coincidindo coa traslación dos restos mortais de Pascual Veiga á súa vila natal
O 20 de decembro de 1907 o Himno Galego era interpretado por primeira vez en público no actual Gran Teatro da Habana. A composición de Eduardo Pondal e Pascual Veiga nacera en 1890 nun Certame Musical organizado pola cidade da Coruña. Porén, houbo que agardar aínda uns anos máis para escoitalo en territorio galego. A peza soou por vez primeira o 17 de setembro de 1912 en Mondoñedo, coincidindo coa traslación dos restos mortais de Pascual Veiga á súa vila natal. O músico morrera na pobreza en Madrid seis anos antes e alí fora soterrado. Porén, as comunidades galegas da Arxentina e Cuba comezaron a recadar cartas para o traslado dos seus restos e erixir un mausoleo na súa memoria en Mondoñedo, como así se fixo.
Coincidindo coa conmemoración, este sábado, do 110 aniversario dese momento histórico, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo vai distribuír entre asociacións culturais, centros educativos, bibliotecas e outros espazos públicos de lectura un caderno coa historia e versión orixinal do himno galego, unha iniciativa que busca “divulgar os nosos símbolos, como expresión da nosa identidade e parte do noso patrimonio cultural”. O volume achega información, igualmente, sobre outros símbolos oficiais do país, coma a bandeira.
Manuel Ferreiro, máximo especialista e investigador da obra de Eduardo Pondal, dá conta da orixe, historia e creación do himno, e avalia a calidade literaria do poema “Os Pinos”. Tamén documenta as alteracións e erros que se foron transmitindo e argumenta a necesidade de recuperar a letra orixinal
A publicación, coordinada por Vía Galega, inclúe artigos dos profesores e investigadores Manuel Ferreiro e Xoán Costa, que se achegan a estas creacións desde unha perspectiva histórica. No seu traballo, Manuel Ferreiro, catedrático da Universidade da Coruña e máximo especialista e investigador da obra de Eduardo Pondal, dá conta da orixe, historia e creación do himno, e avalia a calidade literaria do poema “Os Pinos”. Tamén documenta as alteracións e erros que se foron transmitindo e argumenta a necesidade de recuperar a letra orixinal.
Xoán Costa, pola súa banda, fai un recorrido histórico sobre a conformación da bandeira galega, desde as súas orixes, no século XIX, a partir da bandeira que identificara os integrantes do Batallón Literario de Santiago, até a súa forma oficial actual. O caderno está ilustrado con reproducións dos murais de Eduardo Pondal e Pascual Veiga deseñados por Concepto Circo para a escalinata da Ronda das Fontiñas, en Lugo.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsou a gravación dunha interpretación do himno na súa versión orixinal, tal como se publicou en 1890
Ademais de colaborar na edición e distribución do caderno, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsou a gravación dunha interpretación do himno na súa versión orixinal, tal como se publicou en 1890. Compoñentes do grupo vocal Sólo Voces e do grupo instrumental Lucus Ensemble interpretaron a partitura nunha sesión dirixida por Fernando Gómez Jácome e rexistrada por Arturo Vaquero.
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, subliñou que "ademais de celebrar esta efeméride, coa distribución deste caderno e da interpretación do himno contribuímos a popularizar e divulgar os nosos símbolos, como expresión da nosa identidade e parte do noso patrimonio cultural, e propiciamos tamén o coñecemento dos feitos históricos e do contexto en que se foron configurando”.