O 20 de decembro de 1907 o Himno Galego era interpretado por primeira vez en público no actual Gran Teatro da Habana, daquela sede do Centro Galego da capital cubana. A composición de Eduardo Pondal e Pascual Veiga, que databa de 1890, foi executada pola Banda Municipal da Habana nunha sesión na que descubriu un busto de Veiga envolto coa bandeira galega e na que se interpretaron outros temas, como A Alborada ou Unha noite na eira do trigo. A velada, como destacan Manuel Ferreiro e Fernando López Acuña en "O Himno. Historia, texto e música" (no libro Os símbolos de Galicia) tivo "un ton nacionalista e reivindicativo".
A orixe do himno está no Certame Musical organizado pola cidade da Coruña en 1890, que buscaba premiar a mellor Marcha Rexional Galega que lle puxese unha melodía ao poema Os Pinos
A orixe do himno está no Certame Musical organizado pola cidade da Coruña en 1890, que buscaba premiar a mellor Marcha Rexional Galega que lle puxese unha melodía ao poema Os Pinos, que previamente fora encargado a Pondal por Pascual Veiga, daquela presidente do Orfeón Coruñes Número 4. Presentáronse 43 partituras, que foron xulgadas en París por un tribunal presidido por Laurent de Rillé, unha das maiores autoridades na música orfeónica. Con todo, a gañadora (titulada "Música feraz doméstica", obra do catalán Ivo Gotós) non chegou a ser interpretada nas festas herculinas, como estaba previsto. En paralelo, Pascual Veiga xa fora traballando na composición que finalmente se convertería na melodía do Himno Galego.
Tiveron que pasar 17 anos, no entanto, para que o Himno fose interpretado en público ese 20 de nadal de 1907, grazas ao impulso entusiasta de Xosé Fontenla Leal, que se pon en contacto con Pascual Veiga para pedirlle unha copia da partitura escrita en 1890. Veiga morre en xullo de 1906, pouco despois de enviarlla e un ano antes de que a peza se estree na Habana.
A primeira vez que se documenta a interpretación no interior de Galicia do futuro himno galego é en 1910 en Compostela, na Escola de Xordomudos e Cegos
A obra converteuse case de inmediato no himno oficial en todas as festas do Centro Galego da Habana. A primeira vez que se documenta a interpretación no interior de Galicia do futuro himno galego é en 1910 en Compostela, na Escola de Xordomudos e Cegos (edificio que hoxe acolle a sede da Xunta en San Caetano), como recolleu Vida Gallega. A súa popularización nos anos seguintes foi moi rápida, executándose de forma pública no traslado dos restos de Pascual Veiga a Mondoñedo en 1912, e consolidándose especialmente a partir de 1916, nacemento das Irmandades da Fala.
Ese ano Antón Vilar Ponte, un dos fundadores das Irmandades e redactor de La Voz de Galicia, escribía: "Era una gran pena que este 'Himno' nuestro, que no es oficial, pero que debiera serlo, fuese apenas conocido. Hay que hacer que lo sepan todos los gallegos. Deben tenerlo en su repertorio todos los orfeones [...]; deben cantarlo todos los coros que aspiran a reconstituir la música regional y repetirlo jóvenes y viejos de vuelta de las romerías. Debe, en fin, hacerse popular y ser escuchado con la cabeza descubierta. En ello no hay ni puede haber nada inquietante. No es un himno que cante violencias sino el santo amor a la región".
"Foron verdadeiramente as Irmandades as que con absoluta consciencia acolleron o himno de Pondal e Veiga e o espallaron por todo o territorio galego a través de múltiplos actos políticos"
Ferreiro e López Acuña destacan neste senso que "foron verdadeiramente as Irmandades as que con absoluta consciencia acolleron o himno de Pondal e Veiga e o espallaron por todo o territorio galego a través de múltiplos actos políticos". O Himno é interpretado por todo tipo de agrupacións musicais, dende orfeóns e bandas de músicas ata as propias orquestras populares nas festas, a petición das propias Irmandades.
Os autores tamén destacan que neses anos Queixumes dos Pinos compite con outros himnos, como o que Luís Taibo García compuxera sobre un poema de Alfredo Brañas ("Cantai, galegos/ o hino xigante/ dos pobos libres/ dos pobos grandes/ cantai, galegos/ a idea santa/ da independenza") ou o Acción Gallega composto por Ramón Cabanillas e empregado polas organizacións agraristas ("Antes que ser escravos/ ¡hirmáns, hirmáns gallegos!/ que corra a sangre a regos/ dend-a montana ó mar").
O Golpe de Estado de Primo de Rivera en 1923 dificulta nos anos seguintes a interpretación do himno, mais a chegada da Segunda República en 1931 dálle un pulo definitivo, destacando a prensa da época que nas celebracións populares que tiveron lugar o 14 de abril se mesturaban a peza de Pondal e Veiga co canto da Marsellesa. Impulsado especialmente polo Partido Galeguista, nos anos seguintes comezou a facerse habitual que nos actos públicos se cantasen sucesivamente o Himno Galego e o Himno de Riego. Na campaña a prol do Estatuto de Autonomía o Himno foi "omnipresente".
O Golpe de Estado do 18 de xullo e a vitoria franquista na Guerra Civil eliminan o Himno Galego do espazo público no interior do país, mais mantense na diáspora, no exilio e na emigración galega, o mesmo lugar no que nacera. A prensa recolle a súa interpretación solemne en Boa Aires, Montevideo, A Habana ou México.
En 1918 as Irmandades da Fala aprobaron unha versión do himno que incluía unha quinta estrofa, referida a Portugal
Na Galicia interior hai constancia dalgunha interpretación illada do Himno en 1952 (no Casino da Coruña), en 1955 (nunha recepción ao ditador Franco na Coruña) ou en 1959 (no Teatro Colón da Coruña, na estrea dunha representación de Hamlet á que acudiron os máis importantes intelectuais galeguistas). Tamén se converteu nun instrumento de protesta xa en 1957 en Compostela, cando os estudantes o entoaron espontaneamente trala prohibición de empregar o galego nas Festas Minervais. Ou á saída da misa anual por Rosalía en San Domingos de Bonaval. Así mesmo, as organizacións políticas, sindicais e culturais xurdidas nos últimos anos da ditadura comezan tamén a facer uso do himno, plenamente recuperado a partir de 1975.
En 1984 a Lei de Símbolos establece finalmente a oficialidade do texto de Pondal e da partitura de Veiga, fixando o Himno nas catro estrofas que hoxe o constitúen, a pesar de que nalgunhas ocasións a súa interpretación se reduza ás dúas primeiras estrofas. Como curiosidade, cómpre sinalar que en 1918 as Irmandades da Fala aprobaron unha versión do himno que incluía unha quinta estrofa, referida a Portugal ("Á boa Lusitania/ Vosos brazos tendéde/ Pois voso auxilio pede/ Con un pungente afan...").