Mulleres do PSdeG reclaman "máis garantías" contra o acoso co partido pendente da saída de Tomé

José Tomé, presidindo un pleno da Deputación de Lugo o pasado marzo CC-BY-NC-SA PSdeG

A crise aberta polas denuncias de acoso sexual contra José Tomé segue a ter múltiplas repercusións no PSdeG. Dende as máis obvias e inmediatas, co partido pendente do xeito en que se produce a saída da presidencia da Deputación e do resto de cargos do seu ata agora líder provincial en Lugo, que este venres rexistrou a dimisión na institución provincial, ata as de maior percorrido en termos políticos coa ollada no xeito en que a formación aborda casos coma este.

O Grupo de Igualdade do PSdeG advirte de que "os feitos coñecidos non son incidentes illados", senón parte de "dinámicas de poder patriarcal" e subliña que cómpre "máxima transparencia" e a "reparación ás vítimas"

Nesta segunda vertente vén de poñer o foco o Grupo de Igualdade do PSdeG, reunido este pasado xoves para abordar o caso de Tomé baixo a presidencia da secretaria de Igualdade da Executiva Nacional, Silvia Fraga, e mais da titular de Organización, Lara Méndez. Fíxoo a través dun manifesto no que advirten de que "os feitos coñecidos non son incidentes illados", senón "a expresión de dinámicas de poder profundamente enraizadas na cultura patriarcal" que o PSdeG e o PSOE, cren, deben afrontar dotándose de máis "garantías" fronte posibles agresións.

Reunión do Grupo de Igualdade do PSdeG, este 11 de decembro na sede nacional do partido CC-BY-NC-SA PSdeG

Comezando por "activar de inmediato todos os procedementos internos diante de calquera expresión de violencia machista no seo do PSOE", o Grupo de Igualdade do PSdeG advirte de que casos como as denuncias sobre as condutas de Tomé requiren a "máxima transparencia" e "garantías procesuais sólidas". E iso implica dende non "dilatar" as pescudas internas" ata "escoitar, acompañar e reparar as vítimas", o cal implica "expresar unha desculpa pública" do partido.

Besteiro asegura nunha carta á militancia que o partido chegará "até o final" e reitera que Tomé debe "entregar as actas" de deputado e concelleiro ademais de dimitir como presidente da Deputación e líder provincial do partido

A "perspectiva feminista", subliñan, debe ser "integral e transversal" en "toda a estrutura orgánica" do partido e cómpre, resaltan, que inclúa "formación obrigatoria, periódica e certificada en igualdade, violencia machista e cultura democrática para toda a militancia, especialmente para cadros orgánicos e públicos". Ao tempo, coidan, deberan gañar peso "referentes de masculinidade positiva dentro do partido".

Carta de Besteiro á militancia

O chamamento do Grupo de Igualdade do PSdeG chegaba case ao mesmo tempo que, nunha carta á militancia, o secretario xeral expresaba "indignación fonda e repugnancia inevitable" polo caso de acoso sexual atribuído a Tomé. "Xa están activados todos os mecanismos internos para investigar con rigor e chegar até o final", mantén José Ramón Gómez Besteiro.

Carta de Besteiro á militancia do PSdeG sobre o 'caso Tomé'

Nesa misiva, previa á reunión da Executiva Nacional prevista para este venres, Besteiro expresa "apoio e solidariedade" ás vítimas e subliña que "José Tomé xa non forma parte" do partido tras solicitar a suspensión de militancia. Neste sentido, reitera, ademais de "anunciar a súa dimisión como presidente da Deputación" e "abandonar os grupos socialistas" no ente provincial e no Concello de Monforte, debe "entregar as actas", é dicir, deixar de ser deputado provincial e concelleiro e polo tanto, alcalde.

Na mesma carta Besteiro subliña que a dirección do partido non ten "acceso a ningunha denuncia" formulada a través da canle antiacoso do PSOE "porque o protocolo garante o anonimato absoluto". Nese descoñecemento incidía este venres Méndez, a secretaria de organización, para anunciar nun comunicado unha "querela por inxurias contra o diario ABC", que na súa edición deste venres publica que "quixo convencer unha vítima de acoso" de Tomé "para que non denunciase" e ocultase a cuestión.

Rexistro da dimisión tras presidir a Xunta de Goberno

O escrito de renuncia evidencia que seguirá como deputado

O xeito en que Tomé está a xestionar a súa propia dimisión contribuíu este venres a tensar aínda máis a situación no PSdeG e na Deputación. Na súa sede, no Pazo de San Marcos, presidiu a Xunta de Goberno xusto antes de rexistrar formalmente a dimisión como presidente.

José Tomé, nunha comparecencia como presidente da Deputación de Lugo © Deputación de Lugo

Por este motivo os representantes do BNG, encabezados polo vicepresidente, Efrén Castro, non acudiron á xuntanza e o mesmo fixo, segundo puido confirmar o xornal El Progreso, o alcalde socialista de Castroverde, Xosé María Arias, organicamente situado no sector oposto a Tomé. Castro esixe a convocatoria inmediata do pleno para elixir unha nova presidencia e a dirección nacional do BNG, a través de Ana Pontón, reitera que "a única decisión posible dende un punto de vista ético e moral" é que o ata agora presidente "deixe todas as súas responsabilidades".

A nova presidencia votarase o 14 de xaneiro tras activarse os prazos cun escrito de renuncia no que Tomé reitera en que está a ser obxecto de "falsas acusacións"

En plena controversia por esa última Xunta de Goberno chegaba, a través das canles oficiais da Deputación, a confirmación de que Tomé xa rexistrara a dimisión. Fíxoo a través dun escrito no que reafirma a súa intención de continuar como deputado provincial non adscrito porque, argumenta, o que considera como "unha campaña de imputacións de condutas irregulares sen base fáctica ningunha" implica "unha perturbación grave do normal desenvolvemento das funcións propias da presidencia", a condición de deputado "non ten que atoparse condicionada, limitada nin xuridicamente afectada por manifestacións non sometidas a procedemento legal algún".

Este escrito, no que Tomé reitera que está a ser obxecto de "falsas acusacións" activa o procedemento formal para a súa remuda na presidencia. Será no pleno do día 30 -a falta dunha sesión extraordinaria, que poden reclamar formalmente un mínimo de 7 deputados- o que tome coñecemento da renuncia e poña en marcha outro contador, o dos dez días hábiles para a substitución, que se votará noutra sesión plenaria o 14 de xaneiro

Deste xeito, ata o día 30 -ou antes, se fose forzado un pleno extraordinario- Tomé continuará como presidente en funcións. De aí en diante e ata a nova elección, o cargo exercerao temporalmente o vicepresidente, Efrén Castro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.