Besteiro reivindica "contundencia" do PSdeG co acoso sexual fronte ás críticas polo 'caso Tomé'

José Ramón Gómez Besteiro, este 16 de decembro no pleno do Parlamento CC-BY-NC-SA PSdeG

O secretario xeral do PSdeG subliña que "sempre" dixo a "verdade" sobre o que coñecía das denuncias contra o presidente dimisionario da Deputación de Lugo e afirma que procurou "preservar" o anonimato das vítimas

As acusacións de acoso sexual contra o agora presidente dimisionario da Deputación de Lugo, José Tomé, desencadearon todo un terremoto político no seo do PSdeG. Polas propias alertas lanzadas na canle interna de denuncias do PSOE xusto antes de transcenderen nun programa televisivo de Cuatro hai unha semana, pero tamén pola xestión das mesmas no seo do partido.

A finais da pasada semana dimitía a secretaria de Igualdade da Executiva Nacional do PSdeG, Silvia Fraga. Ao tempo o secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, detallaba ante os medios que o pasado outubro soubera por unha "terceira persoa" de acusacións de acoso contra Tomé que non puido confirmar. A combinación de ambos factores deu lugar a críticas internas e externas ás que Besteiro respondeu este martes dende a tribuna do Parlamento reivindicando "contundencia" da formación ante casos coma este.

Besteiro refírese ás denuncias por acoso sexual no seo do PSdeG, este 16 de decembro no pleno do Parlamento CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Parlamento

Aproveitando a súa intervención inicial no debate final dos Orzamentos Xerais da Xunta para 2026, o líder socialista comezou expresando "apoio, afecto e solidariedade" a "todas as vítimas que sufran acoso, estean onde estean e sexan as que sexan". Porque, defendeu en liña do expresado vinte e catro horas antes por Pedro Sánchez, "o acoso e a denuncia non teñen o carné dun só partido político" pero "a contundencia e a protección das vítimas, si, o do Partido Socialista".

"Temos que seguir insistindo na persecución dos feitos e, sobre todo, na denuncia", di Besteiro, que defende o mecanismo de denuncias internas do PSOE

Ante as mencións do resto de grupos ao caso de Tomé, mais tamén no que pode ser interpretado como unha mensaxe en clave interna, Besteiro mantén que "sempre" dixo a "verdade" sobre o que sabía ao respecto e "sobre todo, perseguindo a preservación do anonimato das vítimas, non poñendo o foco nas vítimas". E nese sentido, retrucou, o PP "debería estar calado e non dar leccións" porque "ante casos pasados, centraron o foco de atención na vítima", salientou en referencia ao caso da denuncia por agresión sexual ao ex-conselleiro Alfonso Villares.

"Temos que seguir insistindo na persecución dos feitos e, sobre todo, na denuncia", coida Besteiro, que na mesma intervención apelou "a outros partidos a que asuman o paso adiante" de crear unha canle de denuncias ao xeito da do PSOE. "É doloroso, produce dor nalgunhas cuestións, pero é un avance na protección de todas as vítimas que sofren acoso", sostén.

Manifesto "polo feminismo no PSdeG"

Inés Rey, alcaldesa da Coruña e secretaria xeral do PSdeG na cidade, encabezou as sinaturas do manifesto -na imaxe, durante un acto de partido- CC-BY-NC-SA PSdeG A Coruña

As palabras de Besteiro no Parlamento teñen tamén como foco inevitable a difusión dun Manifesto polo feminismo no PSdeG-PSOE entre cargos e ex-cargos do partido que, nos últimos días, vén gañando adhesións. Coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, como primeira asinante, a versión inicial do texto estaba o pasado domingo rubricada por 70 mulleres da formación ás que, segundo diversas fontes, se foron engadindo outros nomes aos que este pasado luns se sumaron os ex-presidentes Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe, chegando -segundo puido confirmar o xornal El Progreso- a uns 400 apoios.

O texto, que está a recibir adhesións de cargos e ex-cargos socialistas, expresa "estupor, vergoña e inevitable desafección", reclama "transparencia na resolución das denuncias" sobre Tomé e aplaude o "compromiso feminista" da xa ex-secretaria de Igualdade do partido

O texto, que non foi divulgado publicamente, expresa "estupor, vergoña e unha inevitable desafección cun partido, o noso, que ten o feminismo gravado na súa alma" ao tempo que apoia "as mulleres vítimas de acoso sexual que denunciaron estes comportamentos" e reclama "transparencia na resolución destas denuncias". "A resposta debe ser rápida, clara e contundente, baseada na exemplaridade" porque "a tolerancia cero non é un lema", senón unha "esixencia democrática".

O mesmo manifesto lamenta "fondamente" a dimisión da xa ex-secretaria de Igualdade do PSdeG, se ben a interpreta como un "acto de compromiso feminista" e, "dende a lealdade ao partido e aos seus principios, defendemos a necesidade de esclarecer os feitos" en torno a Tomé. "Non ten cabida ningunha actuación que ampare ou relativice o acoso sexual e o machismo", conclúe o texto, divulgado pouco despois de que o Grupo de Igualdade da formación, aínda con Fraga á fronte, reclamase "máis garantías" contra posibles casos de acoso sexual.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.