Lara Méndez deixa a alcaldía de Lugo e será a 'número 2' do PSdeG tras Besteiro na lista por esa provincia

Lara Méndez, alcaldesa socialista de Lugo, nunha reunión na Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

A remuda no Concello será inminente xa que non pode ir na lista electoral sendo aínda rexedora pola incompatibilidade dese cargo co de deputada galega

Lara Méndez, alcaldesa socialista de Lugo desde 2015, deixará o Concello para ser a número 2 da lista do PSdeG ás eleccións galegas do 18 de febreiro por esa provincia, que encabezará o tamén lucense candidato socialista á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro. Méndez volverá formar así tándem con Besteiro, despois de ser a súa vicepresidenta cando o socialista ocupou a presidencia da Deputación de Lugo, entre 2007 e 2015.

Besteiro e Méndez en 2013, cando o primeiro era presidente da Deputación de Lugo e a segunda vicepresidenta © Deputación de Lugo

Nacida en Suíza en 1972 e enxeñeira técnico agrícola de profesión, Méndez iniciou a súa carreira política en Cervo, de onde saíran os seus pais para a emigración e onde foi concelleira 12 anos. Desde 2007 foi tamén deputada provincial e vicepresidenta da institución a carón de Besteiro ata 2015. Nas municipais dese ano foi número 2 na candidatura ao Concello de Lugo do daquela rexedor, Xosé López Orozco, cuxa renuncia a elevou á ela á alcaldía, na que se mantivo tras os comicios locais de 2019 e 2023 grazas a gobernos de coalición co BNG.

Hai dous anos Méndez foi tamén elixida como a primeira muller que preside o Eixo Atántico de cidades da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. "En política hai que ser valentes", dicía Méndez nesta entrevista con Praza.gal en 2021.

Méndez asegura que dá un paso ao lado na alcaldía para participar con Besteiro nun proxecto "gañador", "urxente" e "necesario" no que mantén o seu "compromiso" con Lugo

O cargo de alcaldesa é incompatible co de deputada no Parlamento de Galicia, polo que a rexedora terá que deixar a alcaldía de xeito inminente para poder figurar nas listas do PSdeG. Uns socialistas galegos que tentan amosar con este movemento a súa aposta polas próximas eleccións galegas, en cuxa precampaña o candidato Besteiro está a despregarse tanto pola Galicia urbana, con actos recentes en materia de transportes na Coruña e Vigo, como pola rural, coa súa presenza este luns na Fonsagrada, onde puxo en valor a suba das pensións. 

A figura de Méndez tamén traslada a imaxe dunha política que leva anos gobernando en coalición co BNG sen maiores problemas. Na tarde deste luns asegurou que dá un paso ao lado na alcaldía para participar con Besteiro nun proxecto "gañador", "urxente" e "necesario" para Lugo e mais para todo o país. Visiblemente emocionada, Méndez compareceu en rolda de prensa e avanzou que mantén o seu "compromiso" con Lugo "as 24 horas do día, os sete días da semana" para conseguir "máis proxectos de futuro para Lugo e para Galicia". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.