Lara Méndez volve ser alcaldesa de Lugo. Os oito votos do PSdeG e os cinco do BNG serviron este sábado para que a socialista fose investida por terceira vez como rexedora da cidade da Muralla nun pleno no que a única mudanza tras as eleccións do pasado 28M se produciu na correlación de forzas na banda da dereita, onde o que noutrora eran 10 escanos do PP e 2 de Ciudadanos son no novo mandato unha ducia só dos populares.
A maioría absoluta lograda nas urnas polas formacións da esquerda volveu ser dabondo para reeditar por sétima vez consecutiva unha investidura apoiada no bloque progresista na cidade da Muralla e abrir o que Méndez definiu como unha "nova alianza de traballo e afecto coa vecñanza". Os populares ergueron o bastón de mando por última vez tras as eleccións de 1995.
Méndez chegou á sesión de investidura non só cos votos de PSdeG e BNG asegurados, senón tamén co pacto de goberno entre ambas formacións pechado para o novo mandato. Foi o pasado xoves cando a alcaldesa agora reelixida e quen volve ser tenente da Alcaldía, o nacionalista Rubén Arroxo, rubricaron un acordo polo cal ambas formacións manterán unha distribución de áreas no novo goberno moi semellante ao do mandato anterior.
Así, o PSdeG continuará xestionando Economía, Persoal, Urbanismo, Desenvolvemento Local, Medio Ambiente e Medio Rural, Xuventude e Deportes, Servizos Sociais e Muller e Igualdade. O BNG, pola súa banda, seguirá á fronte de Infraestruturas, Cultura e Turismo, Participación Cidadá e Educación.
Unha "nova alianza de traballo e afecto"
Tras unha campaña electoral previa ao 28M de especial dureza, Méndez aproveitou o seu discurso de investidura para dar por inaugurada esa "nova alianza de traballo e afecto coa veciñanza". O goberno local, advertu, está "onde a cidade quixo co seu voto" e ese punto político é o dun "gran proxecto progresista e transformador" concretado nun goberno que "actuou e actuará dende a lealdade para atopar solucións e executalas".
Defende Méndez que o seu gabinete continuará a ter como horizonte situar Lugo na "modernidade de Galicia" e iso tamén implica exercer a "valentía para proxectar o Lugo actual". Neste sentido, a socialista diríxese á oposición agora monopartita, ao PP de Elena Candia, para pedirlle que acompañe as súas "críticas" con "propostas". Porque o "interese polo entendemento" só pode exercerse se leva consigo "boas praxes", cre.
Méndez espera que a acción do goberno que volve presidir actúe como "revulsivo de orgullo lucense" e, entre apelacións á "valentía para proxectar o Lugo actual", pide "interese polo entendemento" e "boas praxes" á oposición agora exercida en solitario polo PP
O goberno, pola súa banda, di Méndez, disponse a continuar traballando por unha cidade "máis accesible", con accións que impliquen o "gran de area" lucense "para frear a emerxencia climática", con melloras da mobilidade e "reindustrialización", co "turismo sostible sen caer na xentrificación". Un plan de goberno, subliña, que xa está aprobado e en marcha e ten a vocación de actuar como "revulsivo de orgullo lucense".
O labor do gabinete de socialistas e nacionalistas, advirte a alcaldesa, tamén se dirixirá cara a fóra da cidade. Porque o Concello de Lugo non pode permitir unha "Galicia que avance a dúas velocidades". Neste sentido, recorda as materias pendentes da Xunta na cidade, como o Museo da Romanización" ou a autorización da zona de baño pública no río Miño. Pero tamén a finalización de infraestruturas pendentes que dependen tanto do Goberno galego como do Estado.
O primeiro discurso de Méndez no novo mandato culminou con agradecementos políticos, persoais e familiares e tamén cunha apelación ao conxunto da corporación a non "decepcionar" a veciñanza. "Por Lugo e para Lugo", alentou.