A socialista Lara Méndez seguirá sendo a alcaldesa de Lugo durante os vindeiros catro anos mediante un novo pacto de coalición co BNG de Rubén Arroxo. Este é o escenario político que, con toda probabilidade, se abre na cidade da Muralla tras un 28M no que socialistas e nacionalistas logran manter cadansúa representación na corporación municipal, con 8 e 5 edís que lles aseguran o goberno malia ao forte ascenso do PP, que pasa de 10 a 12 escanos, logrando os 2 cos que contaba Ciudadanos.
O PP de Candia absorbe os 2 edís que tiña Ciudadanos e queda con 12 fronte aos 13 que suman socialistas e nacionalistas
Os conservadores, que se estreaban con Elena Candia como alcaldesa, reforzan a súa posición como primeira forza da corporación tras medraren case 11 puntos en votos ata superaren o 43%. Non obstante, as forzas que sustentan o goberno tamén medran, aínda que en menor medida, e estarán avaladas por algo máis do 47% dos sufraxios tras o avance de algo máis dun punto do PSdeG e de case 4 do Bloque. Hai catro anos sumaban algo menos do 43% dos votos.
A capital lucense encadeará así un sétimo mandato con goberno de esquerdas, o terceiro consecutivo con Méndez na alcaldía. Superan así uns comicios nos que, sobre todo pola banda socialista, chegara a temerse seriamente pola alcaldía ante o avance dos conservadores coa súa presidenta provincial á fronte, que desembarcou na cidade tras o seu período como alcaldesa de Mondoñedo.