Se a política en xeral e as campañas electorais en particular tamén van de sensacións, é posible asegurar que o PSdeG rematou esta xornada de luns véndose máis preto de revalidar a alcaldía de Lugo do que podía estalo unhas horas antes. Mentres as últimas enquisas legais da campaña debuxaban para a cidade da Muralla un axustado panorama que inclúe opcións de retorno do PP á alcaldía dúas décadas despois, os socialistas xuntaron en torno á actual rexedora e candidata á reelección, Lara Méndez, tres figuras que encarnan as etapas das maiores vitorias do partido na cidade nun ambiente a medio camiño entre a celebración, a reivindicación e a inxección de folgos: José Luis Rodríguez Zapatero, Xosé López Orozco e José Ramón Gómez Besteiro.
Nun concorrido mitin a medio camiño entre a celebración, a reivindicación e a inxección de folgos, o ex-presidente, o ex-alcalde e o posible candidato socialista á Xunta arroupan á alcaldesa e candidata á reelección
As cadeiras instaladas polo PSdeG na céntrica praza de Santa María quedaron escasas para acolleren ás arredor de 700 persoas -segundo a organización- que acudiron á chamada do mitin central da campaña de Méndez. Previamente, a candidata paseara pola contorna co ex-presidente, o ex-alcalde e o ex-titular da Deputación, actual delegado do Goberno de España e posible candidato socialista á Xunta. Como noutrora, cando enchía auditorios na cidade a niveis posiblemente só logrados polo PP con Manuel Fraga, Zapatero foi interpelado por numerosa veciñanza con saúdos, aplausos e peticións de fotografías que se dispararon no recinto do mitin.
Defende Zapatero que Lara Méndez "é como a cidade". Lugo, di o ex-presidente, é "unha cidade amable, hospitalaria", "culta e con historia", "sensible porque quere coidar a súa natureza". "E tedes unha alcaldesa, Lara, que se parece á cidade" e iso é "moi bo", e por ese motivo pula para que acceda a un terceiro mandato dunha cidade da que garda, afirmou para agradecemento da concorrencia, grandes recordos. Dende o traballo man con man con José Blanco aos espazos naturais pasando polo polbo do San Froilán.
Méndez pide "un último esforzo" para continuar a "segunda transformación" da cidade e advirte de que "hai moita diferenza" entre"gobernos coa boa xente" ou as "malas praxes que só practican as que non son boas persoas"
Para logralo, advertiu Méndez, cómpre "un último esforzo, saír á rúa e explicar o proxecto" da "segunda transformación" da cidade, que só será "imparable" se "seguimos no goberno". Se o goberno local segue segue sendo "o que pon por riba de todo as necesidades da veciñanza", as cales pasan dende das "oportunidades" á xente moza con iniciativas como o fondo de investimento Lugo Transforma -do que estima a creación de máis dun milleiro de empregos- a unha "sostibilidade" da que agora "fala todo o mundo", pero na que o goberno de Lugo "leva traballando oito anos".
"Hai moita diferenza" entre que o seu goberno continúe ou a dereita logre o bastón de mando. Nas políticas, pero tamén na xente, defende. Ou manter "gobernos coa boa xente" ou dar paso a un PP "de malas praxes" e dunha candidata, Elena Candia, que agora fai promesas en materias como o urbanismo despois de que "o maior dano que se lle fixo ao urbanismo" lucense foi o inflixido "pola súa persoa e os seus anónimos", os que contribuíron a incriminar nos xulgados a Orozco e Besteiro nas causas agora arquivadas. "Non só fixo dano a José Ramón e a Orozco, fíxollo sobre todo á cidade e iso non se pode perdoar".
Cabe preguntarse, inquiriu Méndez, "se esa é a política de oposición que vai facer" tamén no Concello. "Que o diga, porque estamos cansos de anónimos, de xulgados, de malas praxes que só practican as que non son boas persoas", clamou a rexedora e candidata entre pechados aplausos. Aplausos tan intensos como os recibidos antes polo ex-alcalde Orozco quen, agradecido por intervir no acto tras a súa "longa noite de pedra", augurou que a alcaldesa seguirá séndoo "porque imos estar contigo e vas contar con moito apoio dos lucenses" que "queremos que continúes". Ou por un "emocionado" Besteiro que advertiu da necesidade de "non durmirse" e pelexar con intensidade o voto para evitar espertar o luns a causa dun "pesadelo".
A "antipolítica" dunha "persecución inxusta, inmoral e anónima"
Os anónimos achegados pola actual candidata do PP que incriminaron a Orozco e Besteiro "pertencen á historia da infamia" e "pesarán toda a vida sobre a conciencia dos que maquinaron para facer dano político e persoal" a "dous homes decentes", di Zapatero
Da presenza de Orozco e Besteiro dixo alegrarse tamén Zapatero nun mitin que, augurou, pasará a "historia" do PSdeG lucense. Alegrouse de poder ver "o compañeiro e amigo Pepe Orozco e ao compañeiro José Ramón", de que "estean aquí e estean como deben estar" quen son "dous homes decentes, honestos, traballadores, que sufriron unha persecución inxusta, inmoral... Anónima". O último adxectivo entusiasmou os presentes por ver na boca do histórico dirixente relatar o que ao seu xuízo xa "pertence á historia da infamia desta cidade".
Os anónimos achegados por Candia á Fiscalía e todo o que desencadearon "pesarán sobre os responsables, os que maquinaron, os que urdiron para facer dano político e persoal a dúas persoas", cre Zapatero. "Pesará toda a vida sobre a súa conciencia agás que teñan a valentía, que non a terán, de pedir perdón", advirte. Aquilo, esa "utilización perversa dos tribunais" é unha mostra da mesma "antipolítica" que, afirma, representa agora no plano estatal un Feijóo do que augura que retornará a Galicia -"non sei se iso é bo ou malo", ironizou- tras non dar desbancado a Pedro Sánchez nas xerais. "Non van gañar o 28M" porque a cidadanía "os coñece", conclúe.