José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, acusou a Alfonso Rueda de ser o responsable do "problema estrutural" do transporte público dependente da Administración autonómica en Galicia.
Ademais, culpou tamén o xefe do Executivo galego de "incumprir as sentenzas xudiciais sobre o transporte metropolitano en Galicia" e actuar "de xeito irresponsable". O tamén deputado no Congreso, lembrou as denuncias do Consello de Contas que, dixo, "responsabilizan" a Xunta "dunha total falla de planificación, inspección e control nos contratos asinados, de non penalizar as infraccións rexistradas e de non atender as múltiples queixas dos usuarios e usuarias".
Besteiro acusa a Rueda de "incumprir sentenzas xudiciais" sobre o transporte e lembra as denuncias do Consello de Contas que advirten da "falta de planificación, inspección e control"
"Nos últimos 14 anos de Rueda na Xunta, transporte público, lonxe de mellorar, empeorou as súas condicións e a mobilidade da cidadanía galega por falta de planificación das rutas, frecuencias, etc. Un problema que impide a conciliación, obriga ao uso do coche privado, lastra o crecemento económico e agrava a crise climática", dixo Besteiro desde A Coruña, xunto á alcaldesa da cidade, Inés Rey, e outros alcaldes e voceiros da comarca mais usuarios afectados polas eivas no transporte.
Besteiro fixo referencia ao informe do Consello de Contas onde, por exemplo, o ente fiscalizador destaca que a Xunta reordenou as liñas de bus sen ter en conta os medios de transporte de cada núcleo de poboación ou que revela que algunha concesionaria non tiña intención de pagar o canon fixado pola Xunta e que esta non comprobara se o facía. Tamén aludiu a sentencias xudiciais no ámbito de transporte. Unha das últimas, feita firme polo Supremo hai uns meses, que certificou que Monbus e Alsa se repartiron o mercado ilegalmente polo que o Goberno galego lles abriu un expediente sancionador pero obrigado polo alto tribunal. E mesmo advertiu da falta de atención ás queixas da cidadanía, algo que comprobou a Valedora do Pobo ao constatar que a Administración autonómica tarda máis do que dura un curso en responder ás queixas das familias polos autobuses escolares.
"O problema do transporte público é estrutural e responsabilidade de Rueda", di Besteiro
Así, Besteiro resumiu que "o problema do transporte público é estrutural e responsabilidade de Rueda". "Galicia non pode ter un transporte metropolitano coa Rueda pinchada", dixo facendo un xogo de palabras.
Antes, o candidato socialista á Xunta prometeu impulsar "un Consorcio de Transportes que cubra as necesidades da área metropolitana da Coruña, con máis de 400.000 habitantes, e na que moitas persoas viaxan entre A Coruña e os seus concellos de residencia". "Este Consorcio debe actuar como autoridade única para coordinar o transporte por estrada e ofrecer servizos de calidade, eficientes e xestionados de modo transparente”, explicou.

Besteiro anunciou que creará este Consorcio de Transportes cando sexa presidente da Xunta para implantar un servizo de buses lanzadeira nas horas punta, cun plan de mobilidade integral entre a área metropolitana e o centro da cidade, e viceversa. “Só ao polígono de Sabón, en Arteixo, desprázanse diariamente 7.500 persoas”, puxo como exemplo.
Para Besteiro, o plan de mobilidade "ten que modificar os horarios de inicio e remate, fundamentalmente os que se dirixen aos centros de gran concentración de emprego, como polígonos industriais". "Pero sen esquecer outras necesidades como hospitais, xulgados, facultades, etc. e a conectividade das zonas rurais coa cidade”, engadiu.
Ademais, tamén se referiu aos "graves problemas" doutras liñas na provincia como A Coruña-Ferrol-Pontedeume-Betanzos ou a da Costa da Morte, e manifestou que "non ten sentido que non haxa un servizo común de transporte que facilite a mobilidade entre A Coruña e os municipios da súa área metropolitana como por exemplo Culleredo, Oleiros, Cambre ou Sada".
Por outra banda, Besteiro reivindicou os socialistas como o partido que "fala" de Galicia fronte a un PP cun "presidente que non manda", en alusión a Rueda, e un presidente nacional, Alberto Núñez Feijóo, "que hai uns días dixo que isto ía ser un plebiscito de Sánchez si ou non".