Besteiro promete o modelo de "residencias públicas a prezos públicos" da Deputación de Lugo para toda Galicia

Besteiro visita o centro de atención a maiores Santa María de Meira (Lugo) CC-BY-SA PSdeG

Besteiro aposta por "centros máis pequenos onde se trata á xente case coma se estivera na súa casa", como é o modelo das nove residencias de maiores impulsadas pola Deputación de Lugo

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, avanza que levará a toda Galicia o modelo de residencias públicas que impulsou desde a Deputación de Lugo. "Estas residencias que permiten á xente non marchar do seu pobo, da súa comarca. Son centros máis pequenos onde se trata á xente case coma se estivera na súa casa", asegurou para destacar que se trata dun modelo "respaldado por Europa como exemplar".

Este sábado, Besteiro visitou aos maiores que viven na residencia Santa María de Meira, un dos nove centros que a Deputación ten en funcionamento na actualidade. "Residencias públicas e, sobre todo, accesibles: que paga cada un en función da súa capacidade patrimonial. É importante ter residencias públicas a prezos públicos e en Galicia botamos en falta isto", afirmou o socialista.

Besteiro no centro de atención a maiores Santa María co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e o alcalde de Meira, Antonio de Dios CC-BY-SA PSdeG

O candidato socialista lembrou que en Galicia "faltan aínda 14.000 prazas" de residencia para persoas maiores, nun contexto de crise demográfica que se vén intensificando na última década. Na súa visita ao centro residencial, Besteiro estivo acompañado polo presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e mais polo alcalde de Meira, Antonio de Dios. "O noso modelo é cumprir coa xente maior", afirmou.

"Non abriron nin unha soa residencia pública en Galicia, nin con Feijóo, nin con Rueda", dixo Besteiro

Besteiro contrapuxo o modelo que levaron os socialistas pola provincia de Lugo ao do PP. "É un modelo diferente", salientou. "Rueda sáenos moi caro aos galegos. Nin o dubiden: Toca cambio de Rueda!", incidiu o candidato do PSdeG neste día de Reis, no que tamén asistirá ao partido de fútbol da Copa do Rei que enfronta ao CD Lugo co Atlético de Madrid no estadio Anxo Carro. 

"Non abriron nin unha soa residencia pública en Galicia, nin con Feijóo, nin con Rueda, pero tampouco aportaron nin un só euro ás administracións que, como a Deputación de Lugo, estivemos facéndolles os seus deberes", aseverou Besteiro desde Meira. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.