Besteiro anuncia que o Goberno de España desbloqueará xa os parques eólicos pendentes para subministrar enerxía a Alcoa

A ministra Teresa Ribera e José Ramón Gómez Besteiro CC-BY-SA PSdeG

José Ramón Gómez Besteiro, candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, anunciou este martes que o Goberno de España publicará mañá mércores no BOE unha modificación lexislativa que "permitirá autorizar e poñer en funcionamento no primeiro trimestre de 2024 os catro parques eólicos que estaban pendentes para dar servizo á planta de Alcoa en San Cibrao".

Segundo o PSdeG, este cambio no Real Decreto que regula os dereitos de acceso e conexión á rede das instalacións renovables chega logo de varios días de traballo do candidato socialista e o Ministerio para a Transición Ecolóxica "na busca dunha solución que garanta a continuidade da factoría de Alcoa na Mariña". 

Gómez Besteiro e a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera CC-BY-SA PSdeG

Besteiro adianta que o BOE publicará unha modificación lexislativa para autorizar e pór en funcionamento os catro parques eólicos pendentes para dar servizo a Alcoa

A formación socialista atribúe ao tamén deputado no Congreso, que se reuniu este martes coa ministra Teresa Ribera, o mérito de desbloquear a tramitación dos parques eólicos da zona que garantirán que Alcoa San Cibrao poida contar en 2024 cun subministro de enerxía limpa a prezo competitivo que permita continuar coa actividade da factoría", que emprega de maneira directa máis de 1.100 persoas.

Tras a reunión, o propio Besteiro adiantou a modificación lexislativa que se fará oficial este mércores coa súa publicación no BOE e que, segundo o candidato á presidencia da Xunta, permitirá autorizar e poñer en funcionamento no primeiro trimestre de 2024 os catro parques eólicos que estaban pendentes para dar servizo á planta de Alcoa en San Cibrao.

O PSdeG atribúe ás negociacións de Besteiro co Ministerio a modificación que dará prioridade aos parques con declaración de impacto ambiental favorable aínda que estean fóra de prazo

“A modificación permitirá dar prioridade aos parques eólicos que teñan declaración de impacto ambiental favorable, aínda que estean fóra do prazo límite previsto. É unha excelente nova para Galicia, xa que que vai garantir a continuidade da planta de Alcoa na Mariña”, afirmou o candidato socialista, quen agradeceu o compromiso do Goberno de España para sacar adiante estes proxectos, mentres que censurou que o goberno de Rueda “non fixese os deberes con tempo” e “non se preocupase de desbloquear esta situación”.

Instalacións de Alcoa en San Cibrao CC-BY-NC-SA CIG

Besteiro denunciou a "desidia e abandono do goberno de Rueda" por "poñer en risco a viabilidade da planta de Alcoa na Mariña” ao entregar os informes sectoriais ao Goberno o día 14 de novembro, último día do prazo límite para emitir as declaracións de impacto ambiental, o que motivou que estas non puideran emitirse en tempo e forma, poñendo en risco a continuidade da factoría. 

Foi o pasado xoves cando desde a Xunta advertiuse de que os parques pendentes, de Greenalia e destinados a subministrar enerxía a Alcoa a prezos competitivos, quedaran sen autorización de acceso e conexión á rede porque a declaración de impacto ambiental (DIA) chegara tarde e cando xa se pechara o prazo de Red Eléctrica para os permisos de conexión. O Goberno galego culpou o Executivo central, que respondeu acusando a Xunta de non facer chegar os informes sectorais necesarios ata o último día do prazo para emitir a DIA. 

Segundo adianta o PSdeG, está previsto que un total de nove parques eólicos subministren a Alcoa-San Cibrao a enerxía necesaria para producir alúmina e aluminio a un prezo competitivo. Deles, cinco xa foron autorizados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica. No caso doutros catro, denuncian os socialistas, o Goberno de España agardou ata o último día do prazo, fixado o 14 de novembro, día no que a Xunta de Galicia remitiu a Madrid os seus informes sectoriais, polo que non foi posible completar a tramitación administrativa en prazo.

"Con esta modificación lexislativa, o Goberno demostra o seu compromiso co emprego e con Alcoa e permite que os parques eólicos podan continuar a súa tramitación, garantindo o subministro enerxético á planta, pese ao atraso da Xunta de Galicia na tramitación da parte do expediente que lle corresponde", remata o PSdeG. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.