Besteiro afea a inacción da Xunta no conflito da frota galega con Milei e pide ao Estado "especial atención"

Besteiro, durante a súa visita a Vigo, co alcalde Caballero e outros cargos socialistas CC-BY-SA PSdeG

O anuncio da liberalización do sector pesqueiro por parte do novo presidente da Arxentina, Javier Milei, tingue de sombras o futuro duns 80 pesqueiros galegos. O novo goberno ultraliberal prevé retirar este mes e por decreto os dereitos deses barcos e sacar ao mercado as licenzas que agora teñen armadoras galegas. Nese contexto, o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, avanzou que contactará axiña co ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, para pedir ao Goberno de España que preste "especial atención" ao conflito aberto e criticou a ausencia da Xunta ante esta problemática. 

Díxoo en declaracións aos medios logo dunha reunión en Vigo co alcalde, Abel Caballero, e mais outros cargos do PSdeG. Alí lembrou que Milei foi un candidato "fortemente apoiado" por Mariano Rajoy e Feijóo, e que agora, á fronte do goberno de Arxentina, xa deu aos galegos "a primeira labazada na fronte" co anuncio da liberalización do sector pesqueiro.

David Regades, Carmela Silva, Gómez Besteiro e Abel Caballero, en Vigo CC-BY-SA PSdeG

Besteiro lembra que Milei foi "fortemente apoiado" por Rajoy e Feijóo: "Xa deu aos galegos a primeira labazada na fronte"

"Hai que estar presente nese conflito, hai que defender os galegos con independencia de onde estean", advertiu Besteiro, que avanzou ese "diálogo" este xoves co ministro Albares para que preste "especial atención" a este problema. "Sei que o están facendo (...), pero quero que presten especial atención porque é a defensa dos intereses económicos dos galegos e dos dereitos adquiridos, e duns investimentos que se fixeron en territorio arxentino", engadiu.

Segundo proclamou o aspirante socialista, "esa é a posición que ten que ter a Xunta" e é a posición que el manterá se chega á presidencia de Galicia, a de "defender os intereses" do país e dos galegos alá onde estean.

Ana Miranda instou a Comisión Europea a aclarar as consecuencias da derrogación dos dereitos pesqueiros dos barcos galegos e ironizou co "calado" que está o PP

Pola súa banda, desde o BNG, a eurodeputada Ana Miranda instou a Comisión Europea a aclarar as consecuencias da derrogación dos dereitos pesqueiros de embarcacións de capital galego en Arxentina e ironizou co "calado" que está o PP neste caso. 

“Ademais das repercusións nas empresas galegas é fundamental coñecer como vai repercutir no abastecemento de pesca en Galiza e Europa”, sinala Miranda en referencia á denominada Lei Omnibus do presidente arxentino, que prevé a liberalización do sector pesqueiro do país andino mediante unha poxa dos dereitos pesqueiros.

Ana Miranda, nun pleno do Parlamento Europeo CC-BY-NC-SA BNG

PERTE Mar-Industria

Ademais, preguntado en Vigo pola preocupación do sector conserveiro pola falta de noticias sobre o PERTE Mar-Industria, Gómez Besteiro asegurou que os socialistas galegos defenden a mesma posición e proposta que o sector, e asegurou que, neste momento, hai tres ministerios "implicados con moita vehemencia e moita forza en Europa" para sacar adiante esa iniciativa.

"A implicación do Goberno é total", dixo para contrapoñer coa ausencia desa implicación por parte do Goberon galego. "Botamos en falta a súa presenza", afirmou, tras avanzar que agarda "boas noticias" respecto do PERTE xa que o "compromiso" é "total". "Imos procurar todos empuxar, pero botamos en falta un pouco a Xunta, non está nestes asuntos, que tamén deben ocupar a axenda dun presidente", insistiu.

Por outra banda, e con respecto ás manifestacións de Alfonso Rueda sobre un hipotético goberno inestable de esquerdas en Galicia, o candidato do PSdeG tirou de ironía: "Non sei como van as negociacións do PP con Vox ou con Democracia Ourensana, nin os acordos que teñen". Ademais, asegurou que a "illa de estabilidade" da que presume Rueda en Galicia "é similar" á "estabilidade e paz" que hai "nalgúns cemiterios", nos que "nada crece".

Así, subliñou que, a etapa do PP na Xunta foron 15 anos "perdidos", nos que "nunca" se recuperaron os niveis de ocupación e emprego que había en época do bipartito comandado por Touriño, e nos que 60.000 mozos "fuxiron" de Galicia. "Eu non quero iso para o meu país, non quero esa estabilidade e paz, prefiro máis alegría e máis movida, e maior actividade que nos permita crecer máis e mellor", rematou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.