O novo alcalde de Lugo chegou á política municipal hai unha década, cando Orozco o chamou á súa consulta de enfermeiro para incorporarse ás listas do PSdeG nun complexo escenario no que acabou como peza clave do primeiro goberno de Lara Méndez
Miguel Fernández estaba na súa consulta de enfermeiro cando, en vésperas das eleccións municipais de 2015, Xosé López Orozco o chamou para convidalo a formar parte da lista do PSdeG coa que optaba á alcaldía de Lugo por quinta vez. O veterano rexedor, no cargo dende que en 1999 una primeira e histórica coalición dos socialistas co BNG lograra desbancar o PP, era consciente da dificultade do escenario electoral e da necesidade de incorporar á candidatura perfís con boa sona e predicamento na cidade.
Fernández era enfermeiro, pero tamén fora presidente do Colexio de Enfermaría de Lugo tras lograr, a principios de século, gañar as eleccións internas dunha entidade que, como tantas outras naquel tempo, estivera fielmente adherida ao cacharrismo. Isto é, ao PP imperante en cidade e provincia baixo a dirección de Francisco Cacharro Pardo, presidente da Deputación ata 2007 -faleceu hai unha década-.
A complexidade daquelas municipais de 2015 para os socialistas aumentou aínda máis tras o paso polas urnas. A corporación municipal pasaba de tres a seis forzas; a maioría seguía sendo progresista malia á primeira posición do PP, pero o PSdeG enfraquecera perdendo 3 edís (de 11 a 8) e, sobre todo, as restantes forzas da esquerda (Lugonovo, BNG e ACE) esixían a dimisión de Orozco como condición para apoian unha investidura socialista. Para facelo esgrimían as imputacións xudiciais que pesaban sobre o alcalde, todas arquivadas anos despois.
"Sei moi ben grazas a quen estou aquí", expresou Fernández tras ser elixido cunha mestura entre a "inmensa honra" de acceder á alcaldía e a tristura pola "tráxica ausencia" de Paula Alvarellos
O acontecido naquel 2015 é imprescindible para entender o percorrido político de quen, dende este 11 de marzo, é o oitavo alcalde de Lugo dende a restauración da democracia. Orozco, como é sabido, marchou para permitir o pacto de esquerdas e a nova alcaldesa, Lara Méndez, situou a Fernández como un dos seus concelleiros de máxima confianza para aquel complicadísimo mandato.
Este luns, tras ser elixido alcalde como substituto da falecida Paula Alvarellos cos votos do seu grupo e do BNG, Miguel Fernández tivo palabras de agradecemento para Méndez e tamén para Orozco, que seguiron xuntos o acto no salón de plenos, onde tamén estaba José Ramón Gómez Besteiro, líder do PSdeG, e moitas representacións do tecido asociativo da cidade. A presenza do ex-alcalde resultou especialmente significativa, non sucedía dende que tivo que ceder o bastón de mando. "Sei moi ben grazas a quen estou aquí", expresou o novo alcalde nun acto no que a "inmensa honra" de dirixir o goberno da cidade, evidenciou, chegaba combinada coa tristura pola "tráxica ausencia da nosa alcaldesa, compañeira e, sobre todo, amiga".

Como concelleiro ás ordes de Lara Méndez o agora alcalde virou en edil todoterreo. Dende voceiro dun gabinete que tiña que negocialo todo a varias bandas ata responsable de áreas de xestión que esixen contacto ao centímetro coa veciñanza, como Medio Rural e Deportes e despois, Medio Ambiente, encadrado na área de Transición Ecolóxica que tamén dirixiu baixo o mando de Alvarellos e que conservará ligada á Alcaldía nunha estrutura de goberno que, avanza, experimentará axustes nas vindeiras semanas.
O seu currículo de xestión pegada ao terreo é unha das principais vantaxes coas que conta o novo alcalde para un cometido que é posible adxectivar como histórico para a política lucense en xeral e para o PSdeG de Lugo en particular
Quen coñece o novo alcalde sabe que ese currículo de xestión pegada ao terreo é unha das principais vantaxes coas que conta para un cometido que é posible adxectivar como histórico para a política municipal lucense en xeral e para o PSdeG de Lugo en particular. En tempo récord correspóndelle encarreirar outra volta un goberno que vén de sufrir unha inédita conmoción pola morte da alcaldesa que levaba apenas un ano no cargo por mor da dimisión de Méndez, que dera a remuda para presentarse ás eleccións galegas. E facelo, ademais, co reto de chegar ás eleccións de 2027 en condicións de poder manter o bastón de mando na banda socialista.
Para todos estes obxectivos seralle de axuda a experiencia. A de xestión e a de percorrer palmo a palmo os barrios e as parroquias da ampla contorna rural lucense para tentar equilibrar, nas eleccións de 2023, a amplísima despregadura do PP -e da Xunta- no concello onde non toca poder dende hai 26 anos. Tamén o carácter afable e a vida de barrio que adoita facer quen é o oitavo alcalde de Lugo dende a restauración da democracia e quen, como todas as persoas que o precederon no cargo, non naceu na cidade pero a viviu con intensidade.

Dadas as circunstancias, o mandato recomezou en termos de cortesía pola banda popular. Elena Candia, a súa voceira, fixo o xesto de non presentar candidatura no pleno de investidura, por ser a morte de Alvarellos o motivo da substitución. Rubén Arroxo, primeiro tenente da alcaldía e líder do BNG local, desexa "toda a sorte ao novo alcalde". Por parte do Bloque, avanza, atopará unha posición e "máxima responsabilidade polo compromiso que temos coa cidade".