"Os políticos debemos procurar que haxa cero corrupción e esixir o mesmo á sociedade"

Orozco, nun intre da entrevista con Praza, no seu despacho CC-BY-SA Praza Pública

Xosé López Orozco (Fazouro, 1947) é, xunto co pontevedrés Miguel Anxo Fernández Lores, o alcalde urbano máis veterano de Galicia. Á fronte do Concello de Lugo dende 1999, asegura que se presenta por cuarta vez como candidato á reelección coa "ilusión" da primeira, cando emerxeu como primeiro alcalde socialista da cidade en coalición con BNG nun panorama ferreamente controlado polo PP cacharrista. Máis de quince anos e moitos avatares despois Orozco fala devagar locendo unha gravata de lazo que lle viña de agasallar un grupo escolar alemán de visita no consistorio. Asegura ter intención de gobernar catro anos máis se as urnas así o permiten e mantén, sorrindo, que as imputacións xudiciais que aínda pesan sobre el van "desaparecer".

Que diría en 1999 se lle din que en 2015 estaría a falar como candidato á reelección na alcaldía de Lugo?
Paréceme que foi onte e que estou preparando as eleccións do ano 99. Lugo mudou, cambiou moito pola acción do Concello e tamén pola acción doutras institucións públicas e privadas e agora estamos nun reto moi complicado, que é a saída da crise. E hai que posicionar a Lugo nun tempo novo no máis amplo sentido da palabra.

Lugo mudou moito nestes anos e a política lucense, tamén...
Eu diría que totalmente. O cambio na Deputación foi moi importante, o paso do goberno bipartito foi tamén moi importante para Lugo, igual que o goberno Zapatero... E agora estamos nun momento moi preocupante, porque colle o conxunto da provincia cun problema moi serio, que é o envellecemento da poboación e o despoboamento. E a min preocúpame moito.

Houbo evolución estética, no ámbito das infraestruturas... Pero non se chega a meterlle o dente a ese problema, ao da demografía.

"En Lugo temos un problema moi serio: Se non hai xente é moi difícil poder afrontar o futuro"

Nós temos case o 22% da poboación maior de 65 anos. Vivimos hai uns anos un momento de crecemento grazas á inmigración e agora crecemos, pero moi pouco. O crecemento da cidade naquel momento gustábame, porque se nutría de xente de fóra. Pero agora nútrese de xente que vén da provincia e é pan para hoxe e fame para mañá. En Lugo cidade e en Lugo provincia temos un problema moi serio, porque se non hai xente é moi difícil poder afrontar o futuro. Tería que ser un problema de primeira orde en calquera dos gobernos.

Resulta difícil metelo na axenda? Prometer unha estrada dá votos, pero isto non...
Hai uns días, nunha reunión con veciños da zona rural, estaban pedindo pistas, a auga, o saneamento... E no medio das peticións levantouse un paisano e dixo: “alcalde, voulle dicir unha cousa: na miña parroquia somos quince e en quince anos, quedamos oito”. Despois dirixiuse aos demais: “para que queremos pistas se non queda xente?”. O gran problema é ver como logramos ter xente ou, cando menos, que os nosos fillos queiran quedar. Isto non o formula o alcalde, formúlao unha persoa da zona rural. É unha idea moi acertada que a xente colle rapidamente.

Que marxe de manobra ten un Concello como o de Lugo para afrontar o problema?
É difícil. Podemos facer política de familia que levamos no noso proxecto, como descontos a familias numerosas en prezos públicos e taxas. Favorecer a compra de libros de texto, comedores escolares, escolas infantís... Pero ten que ser unha política moito máis profunda dende o Goberno da Xunta e o Goberno central. Tamén levamos no noso programa o aproveitamento do Centro de Empresas para a formación de traballadores do campo, tanto na gandeiría como na agricultura, favorecer o cooperativismo... Pero tamén habería que facer unha política moi necesaria, tanto na gandeiría como no forestal, que é unha política territorial que non se fixo,

O reequilibro territorial do que tanto se leva falado?

"Nos só queremos unha boa comunicación ferroviaria con Ourense"

Trátase de ordenar territorialmente o país. Non se pode esperar desenvolvemento forestal e agrícola con parcelas pequeniñas. Ao carón diso, para buscar ese reequilibrio territorial, se Galicia participa dos fondos europeos deben ir fundamentalmente a Ourense e a Lugo. A min alégrame que os demais avancen, porque sempre é bo; pero eu estes días vía con mágoa como a Televisión de Galicia nos repetía o AVE da Coruña a Vigo vinte veces ao día. E con que facilidade do de Lugo non fala ninguén. E é importante. Xa sei que é custoso, pero nós só queremos unha boa comunicación con Ourense. E tiñamos un proxecto para unha estación intermodal que significa traballo e posibilidades para desenvolver as potencialidades que temos. Hai que facer investimento e unha discriminación positiva, porque nos está pasando o sol. Os fondos europeos van rematar, son as últimas oportunidades para desenvolver a Galicia interior.

Falando dese AVE... O presidente da Xunta chegou a dicir que, se non o facía Fomento, facíao el con fondos da propia Xunta. Reclamoullo?
Si, reclameillo, pero non escoitou. O que hai é que dicirlle á ministra de Fomento que teñen asinado o convenio en Lugo entre ADIF, Renfe, Xunta, Fomento e Concello para esa estación intermodal, está elixido o proxecto e encomendada a súa redacción, así que adiante. Iso foi o que paralizaron. Ademais de mover o AVE axudaría a facer un cambio urbanístico moi importante nunha zona da cidade. Tamén tiñamos 15 quilómetros en marcha na variante da Póboa de San Xiao, que se continúe. Está feito o proxecto da variante de Canabal, que se realice. É o que nos interesa, unha boa comunicación ferroviaria con Ourense.

Ademais de no ámbito físico e no das obras, o Concello de Lugo mudou tamén en canto ao goberno: primeiro un bipartito, despois unha maioría absoluta, maioría simple, minoría... Ten cintura política para todos estes escenarios?

"Todos somos representantes dos veciños e témonos que entender; senón, sobramos"

Esa é a política. Eu estou moi contento do que foi o goberno de coalición, o Bloque e nós traballamos francamente ben. Despois os lucenses decidiron unha maioría absoluta, despois unha maioría minoritaria e aprobouse o PXOM co PP e o Bloque participou nas reunións e despois afastouse. E despois teño a experiencia de gobernar en coalición, o Bloque deixa o goberno e chegamos a acordos para investir 8 millóns de euros dos remanentes. A política é iso e se non o é, deixa de ser política. Porque a verdade absoluta en política non a ten ninguén. E todos somos representantes duns veciños, aí é onde nos temos que entender, como a través do pacto e do acordo podemos abordar os problemas dos veciños. Para iso estamos, senón, sobramos.

A saída do BNG do goberno tivo unha razón política pero tamén xudicial. Pesáronlle esas razóns na súa decisión de repetir como candidato?

"O Bloque esgrimiu as súas razóns para abandonar o goberno e eu respéctoas; só vou engadir que gobernar é moi complicado, significa moito traballo"

Non. Eu diso nunca falei. Iso foi o que dixo o Bloque. E eu só vou engadir que gobernar é moi complicado. Gobernar significa moito traballo, moita dedicación e terlles que dicir aos veciños ás veces que non. Eu sentín que o Bloque abandonase, porque esa política de pacto gústame, é a esencia da política. Sentino, pero seguimos gobernando e aquí estamos.

Cre que houbo outras razóns para esa saída do goberno que non fosen as xudiciais?
Eu creo que si. Non malsás, pero gobernar é moi complicado. Pero eles esgrimiron esas razóns, eu respéctoas e nada máis.

Abusouse nestes anos de arrebolarlle ao de enfronte a figura da imputación?
Si, moitísimo. É un erro enorme e aí si que eu non me considero responsable. Sempre fun consciente diso; iso non soluciona ningún problema e nunca o dixen. E o que defendín para min sempre o defendín para todos. E defendereino ata as últimas consecuencias. Os únicos que poden falar xudicialmente son os xuíces despois dun xuízo.

Vostede reitera que as imputacións que pesan sobre vostede desaparecerán...

"O último informe de Vixilancia Aduaneira deixa moi claro que nin eu, nin a miña muller nin as miñas fillas nos enriquecemos e que o que temos é froito do traballo"

Desaparecerán, si. O último informe de Vixilancia Aduaneira deixa moi claro que nin eu, nin a miña muller nin as miñas fillas nos enriquecemos. Primeiro, porque non somos ricos [ri], pero amosa que canto diñeiro temos é froito do noso traballo e nada máis que do noso traballo.

Pensa que, a nivel de xestión do concello, puideron facer cousas doutro xeito para evitar a sombra da dúbida sobre vostede ou sobre o seu equipo?
Pense vostede que na mesa de contratación e na xunta de compras dende que eu son alcalde estamos representados todos os grupos políticos con voz e con voto. En segundo lugar, a oposición ten acceso igual que o goberno a todo tipo de información. É un dereito. Teño confianza nos funcionarios; eu non sei facer un prego de condicións e nunca, xamais, intervín nun prego de condicións. Xa veremos se pasou algo ou non pasou nada, xa veremos.

A sucesión de casos nos últimos anos en Lugo, en Galicia, no resto do Estado... Pode servir para que os políticos fagan un exame de conciencia sobre como afrontalos?

"Hai moito interese en resaltar a corrupción na política para ver se desaparece a política"

Eu non digo que non haxa políticos que fixésemos algunha cousa mal. Pode ser que si. E se fixemos algunha cousa mal, para iso está o poder xudicial, para poñernos a cada un no seu sitio. Tamén teño que dicir que me dá a impresión de que hai moito interese en resaltar a corrupción na política para ver se desaparece a política. Non pode haber corrupción de ningún tipo. Nin na empresa, nin na política, nin no xornalismo; é o que temos que quitar da nosa sociedade, porque é o que fai que perda totalmente os valores. Onde eu estou, que é na política, teño que procurar que haxa corrupción cero. Que todo isto nos sirva para que os políticos reflexionemos? De acordo, fagamos as cousas ben, cantas máis leis de transparencia haxa, mellor. E cumpramos as leis, porque temos cartos públicos, non é o noso diñeiro. Agora, esixo os mesmos valores para o conxunto da sociedade, os mesmos. Para ter unha sociedade na que nos poidamos entender, con igualdade de oportunidades para todos.

Ve interese en desprestixiar a política?
Estame dando a impresión de que si. “-Fuera la política, que aquí estamos nosotros -¿Y quiénes sois vosotros -El mercado -Eso ya lo hemos probado”. Polo tanto, coidado con iso. Non todas as políticas son iguais nin todos os políticos iguais. É importante separar o trigo da palla e non xeralizar dese xeito, paréceme un pouco perigoso.

Durante estes anos o PP en xeral e o presidente da Xunta en particular referiuse en moitas ocasións ao Concello de Lugo para esixirlle responsabilidades políticas. Como o interpreta, tendo en conta a situación do PP neste ámbito?
Foi cambiando. O presidente foi cambiando porque se foi dando conta de que falou demasiado e demasiado rápido. Deuse conta de que tiña moitas cousas que arranxar dentro da súa propia casa. Eu xa llo advertín o primeiro día, sabendo que nunca lle ía dicir “e ti, maís”, porque esa non é forma de facer as cousas.

Orozco, durante a entrevista CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.