O BNG pide a dimisión de Orozco pola súa imputación no caso Pokemon

Antón Bao © BNG

O voceiro do BNG no Concello de Lugo e tenente alcalde, Antón Bao, vén se solicitar formalmente a dimisión de Xosé López Orozco pola súa imputación xudicial no caso Pokemon. O alcalde de Lugo terá que declarar o vindeiro xoves como imputado por delictos de suborno e tráfico de influencias. Bao afirma que o BNG considera que “por hixiene democrática” cada vez que se produce unha imputación a persoa afectada debe dimitir.

O Bloque decidirá nos vindeiros días se sae ou permanece no Goberno

Nunha rolda de prensa anunciou que o Bloque decidirá nos vindeiros días se sae ou permanece no Goberno e dixo que xa lle comunicara previamente esta petición ao propio Orozco. Ademais, Bao quixo deixar claro que “os motivos da imputación, así como os feitos investigados son anteriores á entrada do BNG no Goberno municipal e nada teñen que ver coa xestión dos dous concelleiros do Bloque”.

Pola súa banda, López Orozco recibiu "con tranquilidade" a nova da súa imputación e dixo que era "a crónica dunha imputación anunciada". Salientou a súa inocencia e afirmou que "non é a primeira imputación, creo que é a quinta e algunhas duras, como foi o caso Campeón e estou absolto e nas outras vai pasar exactamente igual". O PSdeG amosou o seu completo apoio o alcalde de Lugo dende distintos ámbitos. Por exemplo, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, expresou a súa "total confianza" na inocencia de Orozco, e engadiu que non cre que deba dimitir.

O PSdeG amosou o seu completo apoio o alcalde de Lugo dende distintos ámbitos

O mesmo defendeu o alcalde de Ourense, o tamén socialista Agustín Fernández que pediu que se respecte "a presunción de inocencia". E puxo como exemplo o proceso dos paneis informativos no que foron absoltos todos os edis imputados: "Deixamos cadáveres políticos e persoais que ao final son irreparables". Fernández engadiu que "estar imputado nun proceso é unha garantía para que poidas ir acompañado dun avogado e para poder acollerte ao teu dereito de non declarar".

Antón Bao © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.