Freo xudicial a que os tránsfugas logren novos cargos e soldos: anulada a operación de Sada en 2022

María Nogareda, nunha reunión na Xunta como alcaldesa de Sada tras o triunfo da moción de censura apoiada no transfuguismo © Concello de Sada

O Tribunal Superior dá a razón a Sadamaioría e anula os nomeamentos e remuneracións outorgados pola ex-alcaldesa tránsfuga aos edís que foran expulsados de Alternativa dos Veciños e PSdeG por apoiar a moción de censura contra Benito Portela, que volveu gañar a alcaldía en 2023

A finais de 2022 unha moción de censura contra o alcalde de Sada, Benito Portela (Sadamaioría), puxo o bastón de mando nas mans de María Nogareda, que formaba parte do goberno municipal de Portela como membro de Alternativa dos Veciños. No momento da votación a nova rexedora fora declarada tránsfuga e polo tanto, o seu partido iniciara o proceso de expulsión, o mesmo que sucedera no PSdeG cos dous edís ex-socialistas implicados na operación. 

Ambas forzas comunicaran formalmente esa expulsión ao Concello mentres que o PP, que desautorizara os seus cinco edís que votaran a prol, o fixo despois. Por este motivo, dende a votación Sadamaioría -que tras as eleccións municipais de 2023 retornou ao goberno con máis apoio electoral- advertira da ilegalidade de que a nova alcaldesa outorgase novos cargos e remuneracións aos expulsados de AV e PSdeG, xa que a lei de bases de réxime local o prohibe para edís nesta situación. O TSXG vén de ratificar esta reclamación ao revogar os nomeamentos e remuneracións aprobados por Nogareda ao incluír os tránsfugas no seu goberno.

Benito Portela, alcalde de Sada -na imaxe, informando a veciñanza sobre a moción de censura en 2022- volveu ao goberno en 2023 con máis apoio electoral © Sadamaioría

Nunha sentenza ditada o pasado 26 de febreiro e publicada este 2 de marzo, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia atende o recurso formulado polo concelleiro Xosé Fernando Fariña no nome de Sadamaioría, contra a sentenza coa que un xulgado da Coruña validara o aprobado pola ex-alcaldesa. "Recibidas as resolucións de expulsión dos concelleiros do seu grupo de procedencia", di o ditame sobre os ex-edís de AV e PSdeG, "a corporación sadense viña xa obrigada a consideralos membros non adscritos" e, polo tanto, tiñan prohibido acceder a mellorar os seus cargos e soldos no Concello, sinala asumindo o reclamado polo letrado que representou a formación municipalista no proceso, Pablo No.

O concello debeuse limitar a "tomar razón" das expulsións e tratar os tránsfugas como tales, di a sentenza. Sadamaioría aplaude a sentenza: "Confirma que a situación de transfuguismo depende das ordes de expulsión comunicadas polas direccións dos partidos"

O Concello, indica o Tribunal, debeuse limitar a "tomar razón" da expulsión dos concelleiros nos seus partidos, con independencia de que eses procesos internos estivesen en marcha. "Non podía valorar nin deixar sen efecto" eses "acordos de expulsión", que foi o que fixo a ex-alcaldesa ao darlles máis cargos e soldos na resolución agora declarada "ilegal". A sentenza libéraos, non obstante, de devolveren os cartos cobrados porque, argumenta, as resolucións dunha "autoridade superior", neste caso alcaldesa, presúmense como legais ata que son anulados.

Tras coñecer a sentenza, Sadamaioría celebra que o alto tribunal galego "deixe claro que o goberno xurdido da moción de censura foi un goberno tránsfuga e, ademais, ilegal e ilícito". "Establece con claridade que o Concello debería ter aplicado a condición de concelleiros non adscritos a aqueles edís que foran expulsados dos grupos e das súas formacións políticas e que, en consecuencia, non podían asumir novas responsabilidades nin mellorar o seu réxime retributivo" resumen nun contexto no que subliñan como a "pasividade e inacción do PP na toma de decisións" provocara que "non constase a tempo a comunicación formal da expulsión" dos seus tránsfugas.

Casa do Concello de Sada Dominio Público Xosé Antonio

"Esta sentenza é especialmente relevante", coida Sadamaioría, porque "é a primeira vez que o TSXG confirma que a situación de transfuguismo non depende de se a expulsión é provisional ou definitiva, senón das ordes de expulsión do grupo comunicadas polas direccións dos partidos". A mensaxe do pronunciamento xudicial é "inequívoca", conclúen: "O transfuguismo non pode converterse nun atallo para acadar o poder nin para obter mellores condicións económicas dentro dunha institución pública". Contra esta sentenza cabe recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.