Neste mandato municipal triunfaron nove mocións de censura, algunhas coa participación de tránsfugas. Houbo, ademais, outros cinco cambios de cor política na Alcaldía a través de distintos procesos e outros dous casos nos que se aplicou un pacto de rotación entre partidos
O vindeiro 17 de xuño constituiranse os novos concellos saídos das eleccións do 28 de maio e escolleranse 313 alcaldes e alcaldesas. Porén, ao longo dos catro anos seguintes pode haber cambios na alcaldía, mudanzas que en ocasións supoñen tamén un cambio de cor política no concello, a través de mocións de censura ou doutros procesos.
No actual mandato municipal que está a rematar triunfaron un total de nove mocións de censura, algunhas co pleno acordo das formacións política que votaron a favor do cambio na Alcaldía e outras, en cambio, coa participación de tránsfugas, políticos que deciden apoiar estes movementos en contra da posición fixada polo partido en cuxa lista foron elixidos.
Foron Fene, Mugardos, Sada, Malpica de Bergantiños, Santa Comba, A Baña, Ribadavia, Castrelo de Miño e Viana do Bolo. O PP foi o gran beneficiado por estes procesos, pois en seis casos fíxose co bastón de mando
Houbo, ademais, outros cinco cambios de cor política na Alcaldía a través de distintos procesos e outros dous casos nos que se aplicou un pacto de rotación entre formacións políticas (no ecuador do mandato o líder doutra forza asumiu o bastón de mando) decidido xa en xuño de 2019. Foi o caso de Toques, onde hai un alcalde do BNG substituíu ao do PSdeG, e Salceda de Caselas, onde unha alcaldesa do PSdeG substituíu a rexedora de Movemento Salceda, cumprindo así o acordo previo entre as formacións
Os nove concellos nos que mocións de censura forzaron un cambio na Alcaldía foron Fene, Mugardos, Sada, Malpica de Bergantiños, Santa Comba, A Baña, Ribadavia, Castrelo de Miño e Viana do Bolo. O PP foi o gran beneficiado por estes procesos, pois en seis casos fíxose cun bastón de mando que inicialmente asumiran BNG (en dous concellos), PSdeG (noutros dous), Esquerda Unida e Compromiso por Galicia.
En Toques BNG e PSdeG acordaron rotar na Alcaldía na metade do mandato, o mesmo que Movemento Salceda e PSdeG en Salceda de Caselas
Noutros dous casos, en cambio, foron BNG e PSdeG quen chegaron á Alcaldía a través de mocións de censura contra rexedores do PP en Fene e Ribadavia. A moción de censura máis recente desaloxou en Sada ao alcalde de Sadamaioría a través dun pacto entre tránfugas de distintos partidos.
Hai, ademais, outros cinco casos nos que non se produciu moción de censura, pero nos que a formación política do alcalde ou alcaldesa é diferente da que xurdira da investidura inicial. Trátase de Catoira (que pasou de BNG a PSdeG), O Porriño, San Amaro e Laza (que pasaron de PSdeG a PP) e o máis recente, o de Samos, onde o seu alcalde, elixido na lista do PSdeG, foi expulsado da formación o pasado mes de marzo despois de incorporarse á lista do PP que liderará o seu fillo; nestes tres últimos meses de mandato figura como non adscrito.
Mugardos: pacto entre edís populares e socialistas
En decembro de 2019 unha moción de censura presentada por edís populares e socialistas apartou da Alcaldía a Pilar Díaz (Esquerda Unida)
En decembro de 2019, apenas seis meses despois da investidura, unha moción de censura presentada por edís populares e socialistas que inicialmente non contou co aval da dirección do PSdeG apartou da Alcaldía a Pilar Díaz (Esquerda Unida). En outubro rachara o pacto de Goberno entre EU e PSdeG e os concelleiros socialistas decidiron apoiar como alcalde a Juan Domingo de Deus (PP).
Curiosamente, en 2016 outra moción de censura tivera o resultado contrario: Pilar Díaz converteuse en alcaldesa grazas ao apoio de Iniciativa Cidadá de Mugardos e BNG nunha moción que apartou da Alcaldía ao popular Juan Domingo de Deus. Porén, un ano despois ICM e BNG marcharon do Goberno local.
Santa Comba, A Baña e Malpica: o PP toma o poder
Entre xuño e decembro de 2021 o PP obtivo tres alcaldías nas comarcas coruñesas de Bergantiños, Xallas e A Bacala a través de tres mocións de censura
Entre xuño e decembro de 2021 o PP obtivo tres alcaldías nas comarcas coruñesas de Bergantiños, Xallas e A Bacala a través de tres mocións de censura. A primeira foi a de Santa Comba, un concello onde fora investido alcalde David Barbeira (Compromiso por Galicia), a pesar de contar cun único edil. PP e PSdeG obtiveran seis cada un, aínda que os populares foran a formación máis votada. María Josefa Pose (PP) fíxose coa Alcaldía.
En setembro tivo lugar a moción de censura en Malpica de Bergantiños, gobernada por Walter Pardo Añón (PSdeG), que fora investido cos votos de BNG e Ciudadanos. O edil desta formación, que abandonou o partido pasando a figurar como non adscrito, apoiou na moción que deu á Alcaldía a Eduardo Parga Veiga (PP).
Finalmente, en decembro o PP chegou á Alcaldía da Baña a través dunha moción na que contou co apoio dou dous edís de Compromiso por Galicia. José García Cardeso (PP) substituíu así a José Pereira Gil (PSdeG)
Castrelo de Miño e Viana do Bolo: tránsfugas en apoio do PP
En agosto de 2020 o PP fíxose coa Alcaldía de Castrelo de Miño nunha moción de censura que incluíu o voto de dous tránsfugas contra o rexedor do BNG. Pouco despois a situación repetiuse en Viana do Bolo
En agosto de 2020 Avelino Pazos (PP) fíxose coa Alcaldía de Castrelo de Miño nunha moción de censura que incluíu o voto de dous tránsfugas contra o rexedor Esteban Suárez (BNG). Os nacionalistas foran en 2019 a formación máis votada por só tres votos, aínda que empataran a tres concelleiros co PP e co PSdeG. Os nacionalistas, que levaban no poder dende o 2007, recibiran na investidura o apoio dos socialistas, pero dous concelleiros trásfugas apoiaron a moción de censura do PP. A única concelleira coa que quedou o PSdeG denunciou publicamente que os populares lle "ofrecera 42.000 euros" e lle "falara dun posto na Deputación" a cambio de sumarse tamén á moción, unhas acusacións que o PP ameazou con denunciar xudicialmente.
Unha edil do PSdeG denunciou que lle ofreceran cartos e un posto na Deputación se apoiaba a moción
Pouco despois a situación repetiuse en Viana do Bolo e en xaneiro de 2022 Andrés Montesinos (PP) fíxose coa Alcaldía a través dunha moción presentada contra o rexedor Secundino Fernández (BNG) en setembro de 2020, apenas un mes despois da que tivera lugar en Castrelo. Ao igual que na outra localidade ourensá, a moción triunfou grazas ao apoio de dous edís tránsfugas que foran elixidas nas listas do PSdeG e que foron expulsados da formación, que quedou cun único representante. Neste caso o PP e os dous edís chegaron a un acordo polo cal o tránsfuga Abelardo Carballo Alonso asumiu a alcaldía ata xaneiro do pasado ano, momento no que Montesinos chegou ao poder, que xa ocupara entre 2003 e 2015.
Fene e Ribadavia: pacto progresista
En Fene e Ribadavia a esquerda acadara unha clara maioría nas eleccións de 2019. Porén, a falta de acordo entre os distintos partidos progresistas outorgara inicialmente a Alcaldía ao PP
O reverso desas mocións que levaron ao poder ao PP foron os casos de Fene e Ribadavia, gobernados inicialmente polos populares, e onde senllas mocións lle deron a Alcaldía a BNG e PSdeG respectivamente. A primeira foi a de Fene, onde a esquerda acadara unha ampla maioría en 2019, pero a falta de acordo entre BNG, PSdeG e EU levou á Alcaldía a un PP en minoría. En xaneiro de 2020 as tres formacións progresistas acordaron unha moción contra Gumersindo Galego (PP) que un mes despois deu o bastón de mando a Juventino Trigo (BNG)
En Ribadavia, en febreiro de 2021 Noelia Rodríguez Travieso (PSdeG) fíxose coa Alcaldía nunha moción presentada por PSdeG e Ribeiro en Común contra o rexedor César Fernández Gil (PP). Tamén aquí a esquerda sumara unha clara maioría nas eleccións, pero non houbera acordo entre PSdeG, Ribeiro en Común e BNG. Ribeiro en Común, esixía que o alcalde socialista Ignacio Gómez recuncase no cargo, unha petición que non foi aceptada. Ano e medio despois, o PSdeG presentou a Noelia Rodríguez como candidata alternativa, facilitando un pacto de goberno coa marea local.
Sada: pacto entre trásfugas de tres partidos
A máis recente tivo lugar en Sada en novembro de 2022; María Nogareda fíxose coa Alcaldía co apoio de edís tránsfugas de AV, PP e PSdeG
A máis recente tivo lugar en Sada en novembro de 2022; María Nogareda (elixida na lista de Alternativa dos Veciños) fíxose coa Alcaldía nunha moción de censura presentada por edís tránsfugas de AV, PP e PSdeG contra Benito Portela (Sadamaioría). Nogareda, que formaba parte do Goberno local, rachou o pacto que mantiña con Sadamaioría e BNG e semanas despois presentou a moción, apoiada polos dous edís de Alternativa dos Veciños, os cinco do PP e os dous do PSdeG; as tres formacións rexeitaron a operación. Nogareda encabeza o 28M unha lista denominada Unidos por Sada.
Catoira, O Porriño, San Amaro, Laza e Samos: cambio de cor política por camiños diversos
En Catoira Alberto García (PSdeG) converteuse en alcalde despois da renuncia do rexedor Xoán Castaño (BNG)
Finalmente, houbo outros cinco concellos nos que se produciu un cambio de cor política que non fora pactada en xuño de 2019: Catoira, O Porriño, San Amaro, Laza e Samos, con situacións e procesos moi distintos en cada caso.
Así, por exemplo, en Catoira en xuño de 2020 Alberto García (PSdeG) converteuse en alcalde despois da renuncia do rexedor Xoán Castaño (BNG), que fora investido co apoio do PP, pero que gobernaba en clara minoría (3 de 11 edís). Chegou a presentarse unha moción de censura, pero finalmente a dimisión do alcalde de Catoira e o cambio de posición de varios edís do PSdeG frearon a operación. Os socialistas regresaron ao poder en Catoira, onde gobernan dende 1983, dende o 1991 co propio Alberto García, que volve ser o candidato este 28M.
No Porriño dimitiu Eva García de la Torre (PSdeG) e a abstención de UDDL deulle a Alcaldía ao PP
No Porriño, en decembro de 2021 Manuel Alonso Caroca (PP) converteuse en alcalde tras a renuncia da rexedora Eva García de la Torre (PSdeG), que un mes despois morreu dun infarto. En 2019 a socialista repetira na Alcaldía grazas a un fráxil pacto con EU-SON, BNG e UDDL, aínda que só o Bloque entrou no Goberno. Tras a renuncia da rexedora, o PP fíxose coa Alcaldía nun novo pleno de investidura grazas á abstención de UDDL.
En Laza e San Amaro a falta de acordo entre PSdeG e Xuntos por Laza e Xuntos por San Amaro permitiu a investidura de alcaldes do PP despois da renuncia dos rexedores socialistas na metade do mandato
En Laza en xullo de 2020 José Ramón Barreal Novo (PP) converteuse en alcalde tras a renuncia de Jesús Blanco Conde (PSdeG), que un ano antes fora investido co apoio dos dous edís de Xuntos por Laza. Porén, en xuño de 2020 destituíu os concelleiros de Xuntos por Laza e pouco despois dimitiu, o que permitiu a investidura do rexedor popular, no poder dende o 2011.
En San Amaro, en outubro de 2021 Fernando Rodríguez Redondo (PP) converteuse en alcalde despois da renuncia do rexedor Rubén Gómez (PSdeG), nunha situación semellante á vivida en Laza. Tamén aquí o PSdeG acadara a Alcaldía co apoio de Xuntos por San Amaro, co que chegara a un acordo de rotación. Porén, a alcaldesa María del Carmen Pérez Corral renunciou por motivos persoais e meses despois o seu sucesor, Rubén Gómez rachou o acordo con Xuntos e dimitiu, dando lugar a un novo pleno de investidura, no que unha concelleira elixida na lista de Xuntos se abstivo, facilitando o regreso do PP ao poder, que forzas conservadoras ocuparan dende 1979.
En Samos o alcalde Julio Gallego foi expulsado do PSdeG en marzo despois de coñecerse que o seu fillo encabezaría a lista do PP e que el mesmo ocuparía o derradeiro posto na candidatura popular
O caso máis singular e, ademais o máis recente, atopámolo en Samos, onde Julio Gallego Moure, elixido nas listas do PSdeG e rexedor dende 2007, foi expulsado do partido o pasado mes de marzo despois de coñecerse que o seu fillo encabezaría a lista do PP e que el mesmo ocuparía o derradeiro posto na candidatura popular. Gallego Moure seguiu na Alcaldía, pero como non adscrito. Despois de que a pasada semana o tenente de Alcalde fose elixido candidato do PSdeG, o rexedor cesouno dos seus cargos.