Nas eleccións municipais de 2019, o PP foi a candidatura máis votada en Ribadavia, co 36,8% dos votos. Non obstante, os seus 5 edís non acadaban a maioría absoluta da corporación, composta polo PSdeG como segunda forza (32,3% dos votos e 4 edís), Ribeiro en Común (21,8%, 3 edís) e BNG (8,22%, unha concelleira). Aínda que os grupos da banda esquerda da corporación sumaban unha ampla maioría absoluta, o desacordo entre socialistas e Ribeiro en Común -a marea local desbotaba apoiar que o ata daquela alcalde socialista, Ignacio Gómez, recuncase no cargo- permitiu que César Fernández, do PP, fose investido alcalde como cabeza da lista máis votada, en ausencia dunha candidatura que obtivese a absoluta.
Socialistas e Ribeiro en Común acordan que Noelia Rodríguez, que fora número catro na candidatura socialista, sexa a nova alcaldesa
Aquel desacordo vén de virar en acordo entre PSdeG e Ribeiro en Común, que veñen de pactar unha moción de censura coa socialista Noelia Rodríguez como candidata á alcaldía. Rodríguez, número catro do PSdeG nas eleccións municipais de 2019, terá como tenente da Alcaldía a Paula Rodríguez, número dous de Ribeiro en Común nos comicios. Cos seus 7 votos, ambas formacións teñen dabondo para a aprobación da moción.

Nun comunicado conxunto, PSdeG e Ribeiro en Común aseguran que deciden desbancar o alcalde do PP por "incumprir os compromisos máis fundamentais para o interese municipal" que, ao seu xuízo, derivou "nunha perda de confianza". "Non se pode -defenden no escrito da moción de censura- continuar cun goberno que, en plena crise social, está instalado en vender propaganda baleira".
A xuízo de ambas formacións, o novo goberno, "o primeiro da historia de Ribadavia encabezado por mulleres", reflectirá que "a veciñanza da vila decidiu co seu voto" en 2019 "un goberno plural, progresista e de esquerdas". Ese gabinete, manteñen, substituirá un equipo do PP sen "capacidade" de "chegar a acordos cos grupos" ou de lograr investimentos para a vila.
O PP atribúe a moción de censura á "ambición polo poder de socialistas e populistas" e o BNG sinala que valorará a moción de censura formulada por PSdeG e Ribeiro en Común e se pronunciará ao respecto
As "prioridades" do novo equipo, sosteñen, pasan por "crear unha comisión municipal de seguimento da COVID-19" e aprobar "uns orzamentos", toda vez que o Goberno do PP "os prometeu e nunca chegaron". Nesas contas, aseguran, van "apostar decididamente polo gasto social" e o apoio á "veciñanza máis afectada pola crise".
Ambas formacións prevén facer público nos vindeiros días a súa proposta de composición completa do novo equipo, no que sitúan a Brais Fidalgo, que fora cabeza de lista de Ribeiro en Común, como voceiro. Aseguran tamén que "están abertos a novos apoios" para a moción de censura, en referencia á concelleira do BNG, Teresa Rodríguez. O Bloque, que confirma que non participou na negociación desta moción de censura, sinala que a valorará e se pronunciará ao respecto proximamente.
O PP, pola súa banda, atribúe a moción de censura á "ambición polo poder" de "socialistas e populistas" e augura que Ribadavia, con esta moción de censura, irá "camiño do abismo". Mentres, indican nun comunicado, César Fernández pode esgrimir un "balance positivo da súa acción de goberno".