O alcalde de Sada, Benito Portela, e concelleiros e simpatizantes de Sadamaioría saíron este sábado ás rúas da localidade para explicar á veciñanza os motivos da moción de censura presentada hai uns días por un grupo de edís de PP, PSdeG e Alternativa dos Veciños, a pesar do rexeitamento das súas formacións, que xa procederon ou ameazalos coa súa expulsión.
O alcalde, Benito Portela, cualificou de "tránsfugas" aos edís asinantes da moción, que se votará o vindeiro venres
Era día de Feirón e eran moitas as persoas que paseaban por Sada ou facían as súas compras. Ante elas, Portela cualificou que "golpe á democracia" a moción presentada e subliñou a importancia de "explicar os motivos que levaron a estes concelleiros a saír dos seus partidos políticos para chegar ao poder custe o que custe, sen medir as consecuencias para o seu pobo”. O alcalde cualificou de "tránsfugas" aos edís asinantes da moción, que se votará o vindeiro venres e que, de ter éxito, suporía un cambio de goberno a menos de seis meses das eleccións municipais do vindeiro maio.
Cómpre "explicar os motivos que levaron a estes concelleiros a saír dos seus partidos políticos para chegar ao poder custe o que custe, sen medir as consecuencias para o seu pobo", di Sadamaioría
A moción foi presentada o pasado venres 4 de novembro, asinada por cinco concelleiros do PP, dous do PSdeG e dous de Alternativa. De ter éxito, a voceira de Alternativa dos Veciños, María Nogareda, actual concelleira de Educación, converteríase na nova alcaldesa, despois que que nas últimas semanas anunciara xa a rotura do pacto de Goberno que mantiña con Sadamaioría e o BNG.
Sadamaioría afirma que “é vergoñento que na moción de censura presentada os asinantes acusen ao Alcalde de Sada e ao seu goberno de 'parálise de xestión' do Concello", cando por exemplo son "os mesmos que votaron ou alegaron en contra das vías legais de solución que poderían evitar a demolición de dous edificios", sinala a formación.
A formación fai ficapé na xestión realizada á fronte do Concello, un traballo "que tentan desbaratar os edís asinantes da moción", sinalando por exemplo que "Sada é o concello da área metropolitana no que mais medrou a poboación nos últimos anos"
A formación fai ficapé na xestión realizada por Sadamaioría á fronte do Concello, un traballo "que tentan desbaratar os edís asinantes da moción". "Os feitos falan por sí sós", destacan, sinalando por exemplo que "Sada é o concello da área metropolitana no que mais medrou a poboación nos últimos anos".
Ademais, destacan proxectos como a renaturalización do río Maior "e a conseguinte minorización do risco de inundacións no barrio de Cantalarrana", a licitación da ampliación da depuradora de Sada por un importe de 10.360.000 euros ou a redacción de PERI do novo centro de saúde "para proceder á súa aprobación inicial e así avanzar na posta a disposición dos terreos ao Sergas". Así mesmo, conclúen, "este goberno acadou o maior gasto social das últimas décadas e o maior investimento por habitante".
Sadamaioría: "é un golpe a democracia e os vindeiros seis meses serán de involución, bloqueo, falta de transparencia e ansia de poder”
Benito Portela e os edís de Sadamaioría destacan sobre a xornada informativa deste sábado que “a xente respondeu moi ben, e notamos o respaldo da nosa veciñanza ante un acto atroz que o único que busca é vulnerar a estabilidade democrática do municipio e ampara un retroceso en todos os ámbitos". O rexedor alerta de que a moción de censura "é un golpe a democracia e os vindeiros seis meses serán de involución, bloqueo, falta de transparencia e ansia de poder”.
A moción foi desautorizada por PP, PSdeG e Alternativa dos Veciños, os tres partidos polos que foron elixidos os edís que impulsan o movemento. Este venres o PPdeG abriu un expediente disciplinario aos seus cinco concelleiros por actuar "contra as instrucións e directrices da dirección do partido" e "por danar coa súa precipitada actuación a imaxe, a credibilidade e o interese xeral do partido e dos veciños en Sada".
Tanto o PSdeG coma Alternativa dos Veciños anunciaron a expulsión dos seus edís. O PPdeG abriu un expediente disciplinario aos seus cinco concelleiros
Máis rotundos foron tanto o PSdeG coma Alternativa dos Veciños, que anunciaron a expulsión dos seus edís. O alcalde de Oleiros e líder de Alternativa, Ángel García Seoane, acusounos de "actual unilateralmente" e de "traizoar os postulados" da formación, sinalando que "de ter un mínimo de dignidade e por hixiene democrática, deberían entregar de inmediato a súa acta". Mentres, o líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, prometeu "contundencia" cos edís que contraveñen a política do PSdeG e sinalou que "non podemos actuar de forma irresponsable a meses dunhas municipais"