Benito Portela, alcalde de Sada, demandou dúas veces por carta a Pedro Sánchez que a mudanza lexislativa da Lei da Memoria Histórica que permitirá exhumar a Franco do Valle de los Caídos inclúa tamén a devolución das Torres ao patrimonio público. Malia non recibir resposta aínda, confía e espera que o proxecto de lei inclúa a demanda, así como que o Executivo central presente a demanda civil que o Parlamento galego reclamou por unanimidade para recuperar a propiedade do Pazo.
Respondeulle o presidente do Goberno central ou o Executivo á última carta que lle enviou?
Polo momento non tivemos resposta ningunha de ningún tipo por parte do Goberno central. Tampouco da carta que enviamos en xuño, aínda que si falamos coa subdelegada do Goberno en Galicia para que trasladase o tema e así debeu facer.
"Non tiven resposta ningunha do Goberno ás dúas cartas que enviei a Pedro Sánchez sobre Meirás"
Confían que a modificación da Lei de Memoria Histórica acabe finalmente tendo en conta o Pazo de Meirás?
Nós esperamos en que no proxecto de lei se inclúa tamén a recuperación do Pazo de Meirás. Xa que o Goberno central tivo a sensibilidade de mudar o marco xurídico da Lei de Memoria Histórica, coidamos que o Pazo non pode quedar fóra desta modificación. Confiamos en que vai acabar sendo así.
Fálase moito do Valle de los Caídos, cre que a atención á anomalía do Pazo de Meirás é a necesaria?
Os medios estatais dedícanlle moito tempo ao Valle de los Caídos, tamén porque o Goberno apostou claramente por ese tema ao incluír unicamente ese aspecto no decreto lei. Aínda así, vemos como hai outros partidos políticos que propoñen a anulación das sentenzas franquistas, que tampouco se recolle, e que eu espero que tamén sexa incluído na tramitación porque os diferentes grupos hano acabar incluíndo. Por iso, coido que a unanimidade que se deu no Parlamento galego para recuperar o Pazo para o patrimonio público tamén se dará no Congreso.
"Creo que a unanimidade que se deu no Parlamento galego para recuperar o pazo tamén se dará no Congreso"
Considera esa unanimidade unha das claves para a recuperación do Pazo?
É importante. É certo que non era habitual e houbo un cambio no sentido do voto por parte do PP, que pensa tamén que a demanda civil que recomendou a comisión de expertos debe presentarse para incorporar o Pazo ao público.
O camiño parece encarreirado, confía en que Meirás sexa axiña parte do patrimonio público?
Espero que acabe canto antes pero non podo facer un prognóstico de como vai ser o devir xudicial porque a familia xa anunciou que vai pelexar polo Pazo e reclamalo na Xustiza. Desde o Concello de Sada intentaremos finalizar con esta vergoña canto antes e intentar recuperar a memoria e a dignidade de todas as vítimas do réxime franquista. Supoño que o conxunto de todas as forzas democráticas intentarán recuperar o Pazo para o patrimonio público antes de que os herdeiros do ditador poidan especular cun ben que ten que ser de todos.
"Supoño que as forzas democráticas intentarán recuperar Pazo antes de que os herdeiros do ditador poidan especular con el"
Houbo algún problema coas visitas durante este verán?
Ao teléfono non atenden, pero si funciona a petición de citas por internet. Ao Concello de Sada non lle constan queixas de que se suspendesen visitas ou non puidesen ir. Tampouco cambiaron as datas de visita cando antes concentraban os días ao principio ou ao final de mes sen consultar con ninguén.
"O que fai a Fundación Franco nas visitas a Meirás é o que anunciaron que ían facer: exaltar a figura do ditador e o seu réxime"
Vostede foi a unha visita guiada xa hai tempo, que lle parecen as denuncias sobre a apoloxía do franquismo que denunciaron, por exemplo, varios europarlamentarios hai pouco?
Fun a visita guiada hai dous anos cando aínda non as xestionaba a Fundación Francisco Franco. Daquela, certamente, non se facía apoloxía do réxime franquista porque era o propio vixiante da casa o que facía o percorrido. Sei que o que fan desde que as visitas as dirixe a Fundación Franco é o que anunciaron que ían facer: exaltar a figura do ditador e o seu réxime. Por iso nós xa instamos a Xunta a que investigase a que comprobase se era certo que se facía esta apoloxía fascista, ao igual que reclamamos que fixera algo cando se incumpriu o réxime de visitas por parte da familia, o que ía en contra da lei.
Ten o Concello de Sada algún contacto coa familia Franco?
Non temos contacto ningún.