Sada volve reclamar que a modificación da Lei de Memoria Histórica inclúa a recuperación de Meirás

Fachada do Pazo de Meirás CC-BY-SA Praza Pública

Neste pasado martes, o Goberno central confirmou que a norma que prestará a cobertura legal para a exhumación dos restos de Franco será aprobada deste venres no Consello de Ministras mediante un decreto lei que deberá ser ratificado logo no Congreso. "Parece ser a fórmula máis axeitada para modificar a Lei de Memoria Histórica", advertiu o ministro de Cultura, José Guirao, que aclara que así se evitaría que "recursos xudiciais poidan impedir aplicar a medida canto antes". O decreto aprobado polo Executivo socialista deberá ser ratificado na Cámara Baixa a mediados de setembro cando se reinicien as sesións parlamentarias. 

O Concello de Sada volve demandar ao Goberno central que a modificación da Lei de Memoria Histórica inclúa a recuperación do Pazo de Meirás para o público

O Goberno de Sánchez reformará así a Lei de Memoria Histórica para, principalmente, permitir a exhumación dos restos do ditador Franco do Valle de los Caídos. Pero nada está previsto nesta mudanza lexislativa para impulsar a recuperación dos bens espoliados polo franquismo, como o Pazo de Meirás, ademais da Casa Cornide ou as estatuas do Pórtico. Así, o alcalde de Sada, concello onde se sitúan as Torres, insiste en demandar ao Goberno do Estado "que a modificación da Lei de Memoria Histórica inclúa" o inmoble que permanece en mans da familia do xeneral fascista, tal e como fai tamén En Marea. E volve enviarlle unha carta a Pedro Sánchez. 

Nela reitera Benito Portela a petición logo da carta que nos mesmos termos enviou ao presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, o pasado mes de xuño reclamándolle que no "marco aberto" polo Goberno central para modificar ou aplicar a Lei de Memoria Histórica no Valle de los Caídos se inclúa tamén a recuperación de Meirás. 

Benito Portela, rexedor sadense, xa pediu por carta en xuño a Sánchez que incluíse a devolución das Torres na mudanza lexislativa

"Ante o anuncio efectuado polo Goberno do Estado a respecto da modificación por decreto lei da Lei da Memoria Histórica para permitir a exhumación dos restos de Franco do Valle de los Caídos, o Goberno de Sada reclama que a devandita modificación inclúa tamén o Pazo de Meirás", asegura o rexedor, que lembra a súa anterior misiva e que "é tamén agora o momento oportuno para poñer fin á vergoña e ao anacronismo histórico de que a familia do ditador siga detentando a propiedade" das Torres.

Interior do Pazo de Meirás, co escudo franquista e un busto do ditador fascista / CC-BY-SA Praza Pública

"Hai que retirar a Franco do Valle de los Caídos, pero tamén retirar os seus herdeiros do Pazo. Dupla retirada, por hixiene democrática e respecto á memoria histórica", di Portela. O goberno local sadense lembra que o Plan Xeral da localidade explicita que o Plan Especial de Protección de Patrimonio do Pazo de Meirás "analizará e responderá á posibilidade de que o BIC pase a ser de dominio e uso públicos en base á devolución gratuíta dos terreos ao sector público que, no seu caso, poida derivarse das normas e disposicións legais que poidan adoptar os poderes lexislativos en relación coa recuperación da memoria histórica, así como dos acordos e accións administrativas ou civís que procedan a tal fin, e da subseguinte extinción dos títulos de propiedade actualmente existentes". 

"É tamén agora o momento oportuno para poñer fin á vergoña e ao anacronismo histórico de que a familia do ditador siga detentando a propiedade"

En todo caso, como lembra o Concello, o Goberno do Estado "debe presentar dunha vez a demanda civil que proceda co obxectivo final da incorporación do Pazo ao patrimonio público". Na carta enviada este mércores a Sánchez, Portela lembra que a modificación lexislativa prevista "debe amparar a retirada dos restos de Franco do Valle de los Caídos, pero tamén a retirada dos seus herdeiros do Pazo de Meirás".

Portela envía outra carta a Pedro Sánchez reclamándolle tamén que interpoña a demanda xudicial civil que acordou por unanimidade o Parlamento galego

Portela tamén demanda que o Goberno central ordene á avogacía do Estado a interposición de demanda xudicial civil ante o xulgado de Betanzos, tal e como acordou unanimemente o Parlamento de Galicia en sesión celebrada o pasado 11 de xullo. O alcalde de Sada agarda que o Executivo sexa receptivo a estas demandas. "Que tamén estou seguro de que, no trámite parlamentario correspondente, serán compartidas e defendidas nas Cortes do Estado polas forzas políticas democráticas”, di. 

Xa nesta pasada fin de semana, e co gallo da celebración do Día da Galiza Mártir, o BNG criticou a “pasividade” de Pedro Sánchez na "devolución dos bens espoliados en Galiza durante o franquismo" e pediu dar "pasos adiante" para a súa  devolución. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.