O alcalde de Sada pide por carta a Pedro Sánchez que active xa a recuperación do Pazo de Meirás

Fachada do Pazo de Meirás CC-BY-SA Praza Pública

O alcalde de Sada enviou neste martes unha carta ao presidente do Goberno de España reclamándolle que o novo Executivo socialista leve a cabo as accións administrativas e xudiciais necesarias para botar a familia Franco do Pazo de Meirás e recuperar o inmoble para o patrimonio público. Na misiva, o rexedor lémbralle que é "urxente" a modificación das leis que correspondan para evitar así "tanto que a Fundación Francisco Franco propague e difunda un réxime de terror" como para posibilitar a "incorporación" das Torres aos bens públicos do Estado.

 O rexedor lémbralle a Sánchez que é "urxente" modificar as leis para evitar que os Franco continúen no Pazo e "difundan un réxime de terror"

A carta --asinada polo alcalde en funcións e concelleiro de Urbanismo, Francisco Montouto-- advirte do "actual marco aberto" polo novo Goberno "en canto á aplicación e, no seu caso, modificación da Lei de Memoria Histórica no relativo ao Valle de los Caídos". E lembra que á posible exhumación e retirada do corpo de Franco do monumento fascista debería acompañala tamén "a fin da vergonza e anacronismo histórico de que a familia do ditador siga a detentar a propiedade do Pazo de Meirás"

Sada reclama que no "marco aberto" polo Goberno central para modificar ou aplicar a Lei de Memoria Histórica no Valle de los Caídos se inclúa tamén a recuperación de Meirás

A vía que "demanda" o Concello de Sada a Pedro Sánchez para "a incorporación ap patrimonio público do Pazo coa titularidade e uso públicos que demanda a inmensa maioría da cidadanía" é a que se active a partir do informe elaborado por historiadores e xuristas expertos para a Deputación da Coruña. Nel "consta acreditada a nulidade radical do título de propiedade e posesión por Franco e os seus habente-causas do devandito inmoble, cualificado desde 2008 como BIC (Ben de Interese Cultural)".

Por iso, reclámalle ao Goberno que "se exerciten as accións administrativas e xudiciais-civís reivindicatorias" que permitan a reversión ao público das Torres. Segundo o devandito informe, a operación ficticia de compravenda en 1941 foi realizada polos Franco e o réximen fascista para evitar que o Pazo pasase a ben púbico tras a aprobación meses antes da Lei de Patrimonio Nacional, en cuxo inventario debería incluírse agora. 

"Valle de los Caídos e Pazo de Meirás deberían ter un tratamente e actuación conxuntos por parte do Goberno", pide o alcalde de Sada a Sánchez

"Valle de los Caídos e Pazo de Meirás deberían ter un tratamente e actuación conxuntos por parte do Goberno", insiste o alcalde de Sada a Sánchez, a quen quixo "trasladar a preocupación existente na sociedade galega pola continuidade na detentación polos herdeiros do ditador franco da propiedade", algo que xerou "persistente alarma social, ampliada pola xestión do réxime de visitas por parte da Fundación Francisco Franco". Isto último, recórdalle o rexedor, "supón unha afrenta á memoria histórica e ao debido recoñecemento das vítimas da represión e do propio proceso de espolio acontecido e documentado nas terras de Meirás". 

Ademais, o alcalde advirte a Sánchez que o Concello de Sada "é o máis directamente afectado" no proceso de demanda, "non só pola orixe e antecedentes da devandita detentación da propiedade, senón poruqe o Pazo está dentro do termo municipal de Sada e as competencias e potestades muncipais tamén se estenden, mal que lles pese aos Franco, ao Pazo". 

Carta enviada polo alcade de Sada a Pedró Sánchez CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.