O BNG pide a Pedro Sánchez "pasos firmes" para recuperar os bens "roubados" polo franquismo

Acto de homenaxe a Alexandre Bóveda en Poio © BNG

O BNG pediu ao Goberno central "que dea pasos firmes para que se devolvan os bens roubados durante o franquismo" ao pobo galego e critica a "pasividade" do presidente do Executivo, Pedro Sánchez, logo de case cen días na Moncloa. Fíxoo a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, durante os actos organizados polo Concello de Poio no Día da Galiza Mártir na Caeira, no lugar e na data onde hai 82 anos os franquistas asasinaron a Alexandre Bóveda. 

Pontón pide a Sánchez "que dea pasos firmes para que se devolvan os bens roubados durante o franquismo"

Pontón advertiu de que "non hai avance claro" para que o Pazo de Meirás, a Casa Cornide e as estaturas do Pórtico da Gloria "sexan devoltas ao pobo galego, o seu lexítimo propietario". Así, manifestou que debería ser "a familia Franco, que está a usurpar un ben público, quen estea ante os xulgados", en lugar das 19 persoas que o serán xulgadas no mes vindeiro por participar nun "acto reivindicativo e democrático", en referencia ás persoas denunciadas pola familia Franco e a Fundación Francisco Franco pola ocupación simbólica de Meiras hai case un ano.

Na homenaxe a Alexandre Bóveda deste martes acudiron, precisamente, membros do colectivo 19 de Meirás como Néstor Rego e Rubén Cela, dous dos denunciados. Ao tempo, Ana Pontón cualificou como os "pozos negros do franquismo" situacións como a que representan os "bens expoliados" durante a ditadura e que "seguen en mans da familia Franco".

No acto, Pontón cualificou a Alexandre Bóveda de "galego exemplar, asasinado o franquismo polo seu amor a este país" e reivindicou a súa figura como representativa de "todas as vítimas do franquismo e do fascismo, que aínda non recibiron verdade, xustiza e reparación". Ademais, reprochou aos partidos que non contaron con representantes no acto para dicirlles que "coa súa ausencia" expresan "que non queren honrar as vítimas do franquismo".

En Marea reivindica "o papel das mulleres que foron asasinadas e represaliadas durante a guerra civil e a ditadura"

Ademais, En Marea celebrou un acto de homenaxe en Pontevedra a Alexandre Bóveda no antigo edificio de Facenda, onde o político galeguista traballara como xefe de contabilidade. Alí a formación reclamou a recuperación "para a memoria colectiva, do papel das mulleres que foron asasinadas, vexadas e represaliadas" durante a guerra civil e a ditadura. Apelou o partido a unha "óptica feminista" do Día da Galiza Mártir e a vicevoceira, Ana Seixas, reivindicou as mulleres que "na súa vida diaria foron capaces de manter os valores da República". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.