En marzo de 2016, Sada sufriu os asolagamentos máis graves que se lembran na vila. A toponimia de parte dos l lugares que ficaron baixo as augas falaba das causas do estrago: As Brañas, A Lagoa... Mesmo Río. Daquela, voces expertas resumían a orixe do acontecido: "A propia vila de Sada conforma unha barreira que fai o efecto encoro e toda a auga acumulada só ten un lugar por onde saír: a canalización do río que vai por baixo da rúa e dos edificios".
As graves inundacións de 2016, agravadas polo encanamento e soterramento do río no século XX, propiciaron o proxecto que agora vai derivar na súa renaturalización
Alén da evidencia do diagnóstico do acontecido e "tendo en conta os antecedentes", a finais daquel ano o Concello sadense presentou os resultados do estudo Modelización de dinámica hidráulica das Brañas de Sada y desembocadura do río Maior, desenvolvido polo Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente da Universidade da Coruña. A partir do acontecido nas inundacións, o informe chegaba a unha conclusión: "a infraestrutura existente ten unha limitada capacidade de desaugadoiro pero existe a posibilidade de ampliala de forma considerable dunha maneira pouco traumática e con garantías de asumir episodios como o acontecido e mesmo máis graves".
Paralelamente, en cumprimento das normativas europeas, Augas de Galicia -ente dependente da Xunta- actualizou o mapa de zonas con risco de asolagamento da demarcación hidrográfica Galicia Costa para o período 2021-27. Nel, esta contorna de Sada pasou a ser considerada "área de risco potencial significativo de inundación".
A opción de "eliminar a cobertura" do río no seu treito final, deixándoo "a ceo aberto", foi a avalada polo departamento técnico de Augas de Galicia e o goberno local disponse a aprobar o proxecto en pleno
Todos estes factores confluíron, a finais de 2020, na sinatura dun convenio entre o Concello de Augas de Galicia que pode acabar sacando á luz parte do río Maior que leva décadas baixo terra, encanado. No acordo, o goberno local achegou 1 millón de euros e a Xunta, medio millón, para unha actuación que conta tamén con fondos FEDER da Unión Europea.
Daquel convenio "para a mellora do funcionamento hidráulico" do río no núcleo urbano de Sada derivou a adxudicación por parte de Augas, o pasado verán, dun contrato coa consultora Novotec para "reducir o risco de inundación". Detalla o goberno local que, ao fío de todas estas actuacións, "dende o departamento técnico de Augas de Galicia proponse como alternativa máis acaida, tanto hidráulica como ambientalmente, a de proceder á eliminación tanto do encanamento actual como da cobertura do treito final do río no núcleo urbano de Sada.
Trátase, polo tanto, de desenterrar o río e "renaturalizalo". Máis aínda tendo en conta que o estudo encargado polo Concello para "analizar o impacto desta solución" no tráfico conclúe que a renaturalización do río e a peonalización da súa contorna son "compatibles co tráfico" e teñen "unha afección baixa sobre a infraestrutura": Por todo isto, o goberno local (Sadamaioría - BNG - Alternativa dos Veciños) que preside Benito Portela disponse a levar a pleno o proxecto.
Concretamente, o que se someterá á aprobación do pleno será levar adiante o "proxecto construtivo" para a "minoración do risco de inundación que incluirá a renaturalización e recuperación da canle fluvial do rio Maior. Implica a "eliminación, no seu tramo final, da cobertura actual do río deixando o mesmo a ceo aberto".