Non foi sen tempo, considera Benito Portela. O alcalde de Sada levaba máis dun ano reclamándolle ao Goberno de Pedro Sánchez que presentase a demanda contra os Franco para lles esixir a recuperación do Pazo de Meirás. A pasada semana, a Avogacía do Estado presentouna por fin nun xulgado da Coruña, cidade onde levaba décadas arquivado a acta notarial que os letrados consideran clave para desmontar a "fraude" levada a cabo polo ditador e que permitiu aos seus herdeiros manter a propiedade das Torres a día de hoxe. Con todo, o rexedor aínda non ten notificación oficial do proceso iniciado polo Executivo socialista.
Supoño que o rexedor de Sada sabería algo xa da presentación inminente da demanda...
No Concello non sabiamos nada. Eu entereime polos medios de comunicación e non tiña coñecemento de que xa estaba presentada a demanda... Digo 'xa' pero debería dicir que 'por fin' estaba presentada porque levabamos un ano reclamando que se fixese.
"Entereime da presentación da demanda polos medios; no Concello de Sada non temos constancia oficial aínda"
Pero non ten constancia oficial?
Non temos constancia oficial ningunha da presentación da demanda. Supoño que nolo notificarán axiña para poder comparecer tamén como Concello no proceso xudicial, unha proposta que levaremos a pleno proximamente.
O feito de que o documento disque clave para presentar por fin a demanda estivese tan preto, na Coruña, non é mostra de que faltou vontade política durante moito tempo?
Non sei cal foi a razón pola que a Avogacía do Estado decidiu presentar xusto agora a demanda nin por que tardaron tanto, pero este documento, en realidade, non muda as cousas senón que, máis ben, referenda o que xa sabiamos que acontecera. Era e é obvio que tivo que haber unha compravenda antes de que se fixese ese acto de doazón público que tivo lugar en decembro de 1938.
"Ese documento clave non muda as cousas, tan só referenda o que sabiamos, que era obvio que houbera unha compravenda antes do acto público de doazón"
A loita social foi importante para que se lograse, aínda que tarde, este avance por parte do Estado?
Foi clave toda esa xente que durante estes anos traballou por que o Pazo de Meirás fose público. É de xustiza agradecer e felicitar todos eses colectivos para a recuperación da memoria histórica que, ademais, conseguiron que a demanda virase nun clamor, agora si, social sobre a inxustiza que supón que os herdeiros dun ditador sigan tendo a propiedade das Torres.
Cre que mudou a percepción social?
Coido que está mudando, si. Antes había xente que permanecía indiferente ante a situación do Pazo, pero agora todo o mundo se decatou da verdadeira inxustiza que se cometeu durante o réxime fascista e de que é unha vergoña que 44 anos despois da morte do ditador a súa familia continúe a ser a propietaria deste inmoble.
Que lle pareceu a actuación da Xunta respecto do Pazo desde que este foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC)?
Coido que desde a Xunta non mostraron o interese suficiente que había que ter respecto a todas as irregularidades que se cometeron no que ten que ver co incumprimento da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia no Pazo. Polo demais, o que si é grato agora é ver como o apoio á recuperación do inmoble é unánime no Parlamento galego e que todas as forzas se unen nunha reivindicación sobre unha propiedade que nunca debeu deixar de ser pública.
"A Xunta non mostrou o interese suficiente que había que ter respecto a todas as irregularidades que se cometeron no Pazo desde que foi declarado BIC"
Seguen os Franco cumprindo co réxime de visitas obrigado pola condición de BIC do inmoble?
O réxime de visitas segue igual. Este venres próximo hai unha visita guiada programada como actividade final dun curso de verán da USC e supoñemos que a familia cumprirá. O que si foi sempre habitual é que, no mes de agosto, os Franco adoptasen cambios nos horarios de visita de forma unilateral e sen avisar a ninguén.
Pasará o mesmo este ano?
Agardemos que non e que se poida visitar o Pazo con total normalidade mentres o espazo non sexa patrimonio público.
"Xa que o Pazo foi o epicentro do franquismo, podía converterse agora no epicentro da recuperación da memoria histórica para todo o Estado"
A batalla xudicial, ante a posibilidade de recursos, semella que será longa. Que agarda?
Non son o máis indicado para responder porque non sei os prazos que terá a xustiza neste caso, o que si podo dicir é que o Concello de Sada ten previsto estar presente en todo o proceso porque temos que loitar ata o final para que por fin se faga xustiza.
En que lle gustaría que se convertese o Pazo?
Xa o dixen máis veces e, aínda que non me gusta moito dar nisto unha opinión persoal, si que creo que un inmoble que pode considerarse que foi o epicentro do franquismo durante tantos anos podía converterse no epicentro da recuperación da memoria histórica para todo o Estado.