A moción de censura presentada en Catoira contra Xan Castaño (BNG) non saíu finalmente adiante, debido a dous movementos de última hora, froito das negociacións entre nacionalistas e socialistas
A moción de censura presentada en Catoira contra Xan Castaño (BNG) non saíu finalmente adiante, debido a dous movementos de última hora, froito das negociacións entre nacionalistas e socialistas. Por unha banda, minutos antes do inicio do pleno municipal o rexedor presentou a súa dimisión, explicando que con esta decisión buscaba favorecer un acordo co PSdeG-PSOE para que Catoira "teña un goberno progresista e forte".
En paralelo, tres dos edís socialistas presentaron unha carta na que renunciaban a apoiar a moción de censura, sinalando que "non compartimos e non entendimos os fundamentos do acordo que se nos expuxeron a posteriori, e amosamos internamente no noso partido a nosa discordancia e a nosa intención de non apoiar esta iniciativa".
Ante estes movementos, os concelleiros de PP e PSOE que impulsaban a moción de censura decidiron non acudir ao pleno, que non chegou a celebrarse.
Os concelleiros de PP e PSOE que impulsaban a moción de censura decidiron non acudir ao pleno, que non chegou a celebrarse
A moción -denominada nos últimos días "operación Drakkar"- fora presentada o pasado 3 de marzo por PP (que conta con dous edís na corporación, trala renuncia dunha das súas representantes) e PSdeG-PSOE (con cinco concelleiros) contra un Castaño que está apoiado unicamente por tres representantes do BNG e que o pasado ano foi elixido tamén cos votos populares, acabando así con 36 anos de gobernos socialistas, dende 1989 con Alberto García á fronte.
A operación fora rexeitada polas cúpulas de PP e, sobre todo, de PSdeG-PSOE, pero aínda así seguíu adiante, entre as críticas dun BNG que lle reclamaba á dirección galega dos socialistas que intervise para frear un proceso que lle devolvería o bastón de mando a Alberto García, compartindo a alcaldía co PP en periodos iguais de tempo nos tres anos que restan de mandato.
Catoira fica provisionalmente sen alcalde, e as súas funcións son delegadas temporalmente na tenente de alcalde, María Paz
O Bloque interpelou directamente a Gonzalo Caballero, preguntando se "esta é a forma que ten o PSdeG-PSOE de entender o cambio en vésperas das eleccións galegas". A resposta dos socialistas é que a formación rexeita os pactos co PP "agora e sempre" e que xa abrira un expediente a Alberto García, que estaba pendente de sanción. De igual xeito, nos últimos días o BNG de Catoira ofrecera aos socialistas un acordo de goberno entre as dúas formacións, que dependía en boa medida da renuncia do ata hoxe alcalde.
Finalmente, semella que esas negociacións si deron os seus froitos, provocando a un tempo a renuncia de dous edís socialistas a apoiar a moción de censura e a dimisión do alcalde Xan Castaño, buscando facilitar este acordo. Catoira fica provisionalmente sen alcalde, e as súas funcións son delegadas temporalmente na tenente de alcalde, María Paz.
Os tres concelleiros socialistas que este xoves renunciaron a apoiar a moción de censura sinalan que "dende hai tempo vimos dialogando, con varias das partes implicadas, sobre a gobernabilidade de Catoira, procurando e propoñendo solucións de acordo e que resolvan o escenario. Estas solucións pasan, segundo o entendemos, por un goberno de progreso, de esquerdas e estable que permita achegar solucións aos problemas da veciñanza de Catoira". "Afrontamos esta nova oportunidade para o PSdeG e o BNG co convencemento de que podemos pular por un bo goberno para Catoira, que evite poñer por riba os enfenfrentamentos persoais sobre os políticos, e que pense en mirar para adiante e non para atrás", conclúen.