"O segredo do éxito de Sadamaioría está no traballo de proximidade e en saber recoñecer os erros"

Benito Portela, cabeza de lista de Sadamaioría e ex-alcalde de Sada CC-BY-SA Sadamaioría

No medio do fracaso xeral das mareas, especialmente nas cidades, os movementos municipalistas análogos de varias vilas non só non empeoraron resultados ou mantiveron representación na corporación, senón que a aumentaron ou mesmo foron a forza máis votada. Foi o caso de Sadamaioría, que en Sada incrementou o número de votos, superou o 33% dos sufraxios e sumou un edil máis -ata sete- para liderar unha ampla maioría progresista que lle volvería dar a alcaldía a Benito Portela no caso de acadar o apoio dos edís de BNG e PSdeG. 

Sadamaioría subiu tres puntos e case 200 votos o 28M, sumando máis do 33% dos sufraxios e converténdose na forza máis votada en Sada

A candidatura municipalista sadense subiu en case 200 votos e en máis de tres puntos respecto a hai catro anos e en 14 puntos en comparación con 2015, ano desde o que Portela ostentou a alcaldía ata que no mes de novembro pasado unha polémica moción de censura retiroulle o bastón de mando que agora, agás sorpresa, volverá recuperar. Hai medio ano, un tripartito formado polos cinco concelleiros do PP, os dous do PSOE e os dous de Alternativa dos Veciños (AV) sumaron os seus votos para situar como alcaldesa a María Nogareda, de AV, que lideraba o grupo municipal con menor representación e apoio cidadán. Todos estes edís foron expulsados das súas formacións e case ao completo formaron parte dunha nova candidatura (Unidos por Sada), segunda forza o pasado 28M. 

Benito Portela, reforzado polos resultados electorais, espera poder conformar un goberno progresista "estable" malia que todo o mundo olla a representante do PSdeG, que mantén a incógnita sobre un acordo con Sadamaioría que comezará a negociarse este xoves. 

Confía en pechar axiña un acordo para un goberno progresista en Sada ou teme algún problema vistos os antecedentes?

Como non pode ser doutra maneira, confiamos plenamente en que se cumpra a vontade popular do pobo de Sada, que expresou nas urnas un apoio maioritario ás forzas progresistas e á conformación dun goberno de esquerdas estable liderado por Sadamaioría. 

Almudena Pena, cabeza de lista dos socialistas en Sada, chegou a dicir que "alcaldía ou oposición" e non garantiu o acordo...

O goberno de Sada debe parecerse moito ao expresado nas urnas e, polo tanto, debe ser moi parecido a un goberno estable, de nove concelleiros, con Sadamaioría como maioritario con sete e cos representantes de BNG e PSdeG. Por iso imos traballar, porque entendemos que é a nosa obriga intentar que o goberno de Sada reproduza a vontade maioritaria da cidadanía.  

"Confío nun goberno de esquerdas estable liderado por Sadamaioría; o electorado do PP non vota para que se pacte co PSOE nin o do PSOE para que se pacte co PP"

Terán algo que dicir aquí as direccións dos partidos ante unha posible negativa a un goberno de esquerdas...

O que creo é que, desde logo, a xente de Sada confía en que non volvan ocorrer situacións como a producida o pasado mes de novembro, con aquela moción de censura con concelleiros de diferentes procedencias e de diferentes partidos que foron finalmente expulsados das súas formacións. Entendo que o electorado do PP non vota para que se pacte co PSOE e que os votantes do PSOE non van ás urnas pensando en pactar co PP. Calquera acordo contranatura sería moi difícil de entender para a maioría da cidadanía. 

Retirada de carteis electorais de Sadamaioría logo do 28X CC-BY-SA Sadamaioría

Cre que a moción de censura influíu decisivamente nos resultados electorais? Reforzou a Sadamaioría?

Máis que os efectos da moción, eu creo que se presentaron diferentes opcións políticas e a maioría da cidadanía optou por unha solvente, que é a que representamos. Creo que o importante aquí é que en Sadamaioría temos un proxecto para Sada que é moi ben visto por boa parte dos cidadáns.  

"As diferenzas internas nos espazos municipalistas inflúen máis nas cidades; nas vilas temos máis contacto coa poboación, estamos máis afastados doutros conflitos"

Sadamaioría é unha forza claramente vinculada ás mareas e ás denominadas candidaturas municipalistas. O seu éxito contrasta coa enorme caída ou mesmo a desaparición en varios concellos de espazos da mesma familia política. A que cre que se debeu?

Non podo facer unha análise política a nivel global porque, desde logo, non sería moi preciso, pero si creo que as liortas internas, esas diferenzas entre diferentes grupos ou partidos inflúen máis en cidades e urbes grandes, mentres que en vilas ou localidades máis pequenas fano dun xeito menor. Os movementos municipalistas coma o noso, en sitios pequenos, teñen moito máis contacto coa poboación, é unha forma de política moi achegada á xente, máis afastada doutros conflitos que non teñen que ver tanto coa realidade máis próxima. Obviamente, esa disgregación da oferta electoral á esquerda do PSOE que houbo en tantos sitios non axudou nada ao noso espazo. 

"O segredo do éxito de Sadamaioría está no traballo de proximidade e en saber recoñecer os erros"

Cal foi o segredo dos bos resultados de Sadamaioría?

O apoio está consolidado e foi incrementando de forma paulatina en cada cita coas urnas. Sinceramente, creo que o segredo do éxito está no traballo de proximidade, achegado á cidadanía, e, moitas veces, en saber recoñecer os erros cando os tivemos. Con todo, chamoume moito a atención o castigo que tiveron moitos gobernos de esquerdas que tiveron que xestionar nestes últimos anos, nunha situación extremadamente complexa pola post-pandemia, a inflación... Nós sabiamos que podíamos sufrir tamén porque foi un mandato moi complicado, pero medramos en votos, en porcentaxe e en número de representantes. Estamos moi satisfeitos porque tamén eramos conscientes das dificultades. 

Benito Portela, nun acto de Sadamaioría CC-BY-SA Sadamaioría

"O espazo das 'mareas' ten que apostar por unha oferta política o máis achegada posible ao territorio, na que prevaleza o interese colectivo e a xenerosidade"

Como referencia no espazo das mareas e da confluencia nos últimos anos en Galicia, que cre que é o prioritario de cara ás vindeiras eleccións xerais e ás autonómicas do próximo ano? 

Creo que habería que apostar por unha oferta política o máis achegada posible ao territorio, que realmente a cidadanía perciba que se coñecen as peculiaridades do lugar onde se representa esa opción e, sobre todo, que prevaleza sempre o interese colectivo por riba do interese partidista de diferentes sectores. Que dentro desa oferta electoral haxa esa xenerosidade do colectivo e un coñecemento das necesidades da cidadanía... E eu creo que en todo este espazo temos ese coñecemento, somos moi coñecedores dos problemas da vida real, pero quizais erramos ao non saber transmitilo. Moitas veces saen á luz moito máis os enfrontamentos internos que o traballo que realmente se fai no día a día, do bo que se fixo e que non se soubo transmitir. 

"No espazo municipalista e das 'mareas' hai moito ruído e moitas noces, pero das noces non se fala: sempre se destaca o que sae mal, non se soubo transmitir o que se fixo ben"

Cre que hai demasiado ruído nese espazo político?

Hai moito ruído e moitas noces, pero das noces non se fala. É así e ocorre no día a día, en calquera ámbito: sempre se destaca máis o que sae mal ou a liorta e o conflito que aquilo que se fai ben. E a xente adoita pensar que que as cousas vaian ben é o normal, pero ás veces non é tan fácil. 

Cre que hai partido para a esquerda de cara ao 23X?

Gustaríame pensar que si porque me preocupa moito a consolidación, sobre todo, de partidos de extrema dereita con cotas de poder importantes. Ten que haber partido e, desde logo, faremos o indicible e todo o que estea na nosa man, desde o noso espazo, para colaborar na consolidación de gobernos progresistas nas administracións. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.