Poucos cambios nas vilas, cunha suba do PP e algúns 'cambios de cromos'

Concello de Narón © Concello de Narón

Os populares fanse con algunhas vilas importantes, como Teo, Poio, Baiona e Ribadavia

A Galicia vilega é moi diversa. Hai concellos moi poboados que forman parte das áreas metropolitanas das cidades, con dinámicas plenamente urbanas; hai tamén grandes capitais comarcais, algunhas situadas en áreas que podemos identificar como rurais. Ademais, integra un gran número de concellos, ao redor de medio cento entre os 10.000 e os 40.000 habitantes. Por iso, á hora de facer unha análise global, resulta difícil ficar cun único titular ou identificar unha tendencia clara.

Distribución de edís nos 313 concellos galegos tras o 28M -desprega o menú superior para consultar cada un-

O PSdeG, aínda que perde apoios nestas zonas, mantén boa parte do seu poder municipal neste ámbito e o BNG probablemente gobernará en Cangas, Arzúa, A Guarda ou Mugardos, pero perde Poio ou Rianxo

En todo caso, pódese dicir que estas eleccións non provocaron un terremoto de cambios nas grandes vilas, que na súa maioría conservarán a cor política dos catro anos anteriores. Con todo, si houbo remudas e algúns grandes concellos que terán un novo alcalde ou alcaldesa. Ademais, pódese falar dunha certa recuperación do PP, que hai catro anos vira descender o seu poder neste ámbito ata niveis mínimos.

O PSdeG, aínda que perde apoios nestas zonas, mantén boa parte do seu poder municipal neste ámbito e o BNG probablemente gobernará en Cangas, Arzúa, A Guarda ou Mugardos, pero perde Poio ou Rianxo. Ponteareas ou Cambados dependerán de complexos pactos post-electorais

O PP avanza: Teo, Poio ou O Porriño

O PP mantén e acrecenta a súa maioría absoluta en Arteixo e tamén en Marín, A Estrada, Lalín, Sanxenxo e Mos

O PP mantén e acrecenta a súa maioría absoluta en Arteixo e tamén en Marín, A Estrada, Lalín, Sanxenxo e Mos. Os populares son tamén a primeira forza en Ribeira, onde o BNG experimentou un forte ascenso que lle permite ser a segunda forza, por diante do Partido Barbanza Independiente (PBBI), que deberá decidir a continuidade do actual goberno do PP.

Aínda que o PP xa estaba a gobernar no Porriño, facíao en minoría e despois da renuncia da alcaldesa elixida en 2019, a socialista, Eva García de la Torre. Agora pasa a dispoñer dunha maioría absolutísima: 16 dos 21 concelleiros. Tamén manteñen o seu liderado en Noia, onde dependen dos independentes de NO.IA.

Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa CC-BY-SA Furado

Os populares fanse coa alcaldía de dúas importantes vilas: Teo, ata agora gobernada por unha marea local (Proxecto común de Teo); Poio, gobernada polo BNG dende o 2007; Baiona, ata agora con alcalde socialista; Ribadavia, gobernada polo PSdeG. E pode que tamén Ponteareas e A Pobra do Caramiñal, onde depende do apoio de VIxP.

O PSdeG mantén o seu dominio nas vilas

Complexa é a situación no Carballiño, onde o PSdeG necesita para a investidura do seu alcalde o apoio do Espazo Común do ex secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez

O PSdeG mantén a maior parte do seu poder nas vilas, onde era ata agora o primeiro partido con claridade. Gobernará Vilagarcía e Culleredo, aínda que perde a maioría absoluta nos dous concellos. Tamén mantén Ames ou Redondela (esta, de forma moi axustada), Boiro (onde sobe moito), Tui, Verín, Xinzo ou Gondomar e asegura a maioría absoluta en Monforte, Nigrán e O Barco. Así mesmo, seguirá na alcaldía de Vilalba, a pesar de perder apoios e de necesitar un pacto a tres bandas.

Máis complexa é a situación en Viveiro, onde o PSdeG necesita o apoio de Xuntos por Viveiro e, sobre todo, en Cambados, onde o PSdeG necesitaría os votos de BNG, Camba Pode e Somos Cambados. O mesmo se pode dicir do Carballiño, onde o PSdeG necesita para a investidura do seu alcalde o apoio do Espazo Común do ex secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, que obtivo cinco concelleiros.

Concello do Porriño CC-BY-NC-SA turismoytren.com

O BNG gaña algunhas prazas importantes pero perde outras

O BNG obtivo un gran resultado tamén nas vilas. Os nacionalistas manteñen o goberno de Carballo, obteñen a maioría absoluta en Moaña e seguirán gobernando Tomiño e Allariz, malia perder votos. 

O BNG obtivo un gran resultado tamén nas vilas. Os nacionalistas manteñen o goberno de Carballo, obteñen a maioría absoluta en Moaña e seguirán gobernando Tomiño e Allariz, malia perder votos. Ademais, aseguran Bueu, e poden chegar á alcaldía a través de pactos en Arzúa, A Guarda, Fene, Mugardos e, sobre todo, en Cangas, onde necesitarán un pacto de varios partidos para acadar a investidura.

Iso si, o Bloque perde Poio, Ribadeo e Rianxo e debería tamén chegar a un complexo pacto para manter a alcaldía de Ponteareas, que depende dos independentes de Alternativa Ciudadana de Ponteareas (ACIP), que lle poden dar o mando ao PP, forza máis votada.

As outras forzas

As mareas locais conseguen un resultado positivo en Rianxo, onde Rianxo en Común pode liderar un pacto de esquerdas. E, sobre todo, en Sada, onde Sadamaioría pode volver ao Goberno municipal 

Narón continuará gobernado por Terra Galega, sen grandes cambios na distribución de apoios. O mesmo sucede en Oleiros, onde Alternativa dos Veciños mantén a súa maioría absoluta. En Cambre, Unión por Cambre poderá conservar a Alcaldía, de novo chegando a acordos con outras forzas progresistas. 

Deixando de lado o caso de Teo ou Cangas, as mareas locais conseguen un resultado positivo en Rianxo, onde Rianxo en Común pode liderar un pacto de esquerdas. E, sobre todo, en Sada, onde Sadamaioría pode volver ao Goberno municipal de onde Benito Portela foi expulsado hai uns meses por unha moción de censura.

Casa do Concello de Carballo CC-BY-SA Lameiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.