A Galicia vilega ante o 28M: o PP busca recuperar o poder municipal perdido nuns concellos que viraron á esquerda

Casa do Concello de Lalín, onde o PP logrou volver gobernar en 2019 © Arquitectura Viva

A pesar das maioría absolutas que o PP vén obtendo nas eleccións ao Parlamento galego, hai tempo que nas eleccións municipais os populares teñen grandes dificultades para facerse coa Alcaldía de cidades e grandes vilas. Na maior parte da Galicia urbana as forzas progresistas sumaron nos últimos comicios unha maioría que lles permitiu formar goberno e nas eleccións de 2019 o PSdeG fíxose coas alcaldías de Vigo, A Coruña, Santiago, Lugo e Ferrol e o BNG coa de Pontevedra. En Ourense goberna Democracia Ourensana grazas ao apoio do PP, a pesar de que o PSdeG foi a forza máis votada.

Fóra das cidades, entre as 35 vilas máis poboadas do país o PP só goberna en Arteixo, Ribeira, Marín, A Estrada, Lalín, Sanxenxo, Mos e Noia

Pero esta dinámica esténdese tamén ás principais vilas. De feito, fóra das cidades, entre as 35 vilas máis poboadas do país o PP só goberna en Arteixo, Ribeira, Marín, A Estrada, Lalín, Sanxenxo, Mos e Noia. Un poder municipal moi cativo, moi inferior ao que ten o PSdeG (16 desas 35 vilas, ademais de 5 das 7 cidades) e non moi diferente ao que ten o BNG, que ademais de Pontevedra goberna Carballo, Ponteareas, Moaña, Poio e Tomiño.

Nas eleccións do 28M o PP busca recuperar o terreo perdido nas cidades e nas Deputacións, pero a lectura que se faga do resultado final dependerá tamén do reparto de poder territorial nas grandes vilas do país

Nas eleccións do 28M o PP busca recuperar o terreo perdido nas cidades e nas Deputacións, pero a lectura que se faga do resultado final dependerá tamén do reparto de poder territorial nas grandes vilas do país. Os populares teñen nestas prazas moito que gañar e poucas alcaldías de importancia que defender. Porén, non o terán sinxelo á vista dos resultados dos últimos anos. Os comicios de 2019 deixaron claro que a Galicia vilega é máis progresista que conservadora, pois aos Gobernos municipais de PSdeG e BNG pódense sumar os de ACE en Cangas, Sadamaioría en Sada, Alternativa dos Veciños en Oleiros ou Son de Teo nesta importante localidade da comarca de Santiago.

Así sucedera tamén en 2015, cando o PP tan só se fixera coa Alcaldía de Arteixo, Redondela (pola falta de entendemento das forzas progresistas), Ribeira, Marín, A Estrada, Boiro, Sanxenxo, Mos e Vilalba. A excepción fora a convocatoria electoral de 2011, na que os populares aproveitaron os malos resultados do PSdeG para conquistar 24 das 35 vilas analizadas.

Os comicios de 2019 deixaron claro que a Galicia vilega é máis progresista que conservadora. Este é o espazo -despois das cidades- no que o PP acada un peor resultado nas eleccións municipais en Galicia

Os datos globais dos concellos entre 10.000 e 50.000 habitantes amosan que este é o espazo -despois das cidades- no que o PP acada un peor resultado nas eleccións municipais en Galicia. No ano 2019 o populares acadaron nestas localidades un 32,6% dos votos, apenas catro puntos máis que o PSdeG-PSOE (28,06%) e moi por debaixo dos resultados sumados de socialistas e BNG (15,39% obtiveron os nacionalistas). En cambio, nos concellos de menos de 10.000 habitantes o PP acadou o 42,51% dos votos, fronte ao 31,37% do PSdeG e o 13,21 do BNG.

O resultado do PP no ano 2019 na Galicia vilega foi o peor das últimas décadas, baixando dende o 35,03% obtido en 2015 e, sobre todo, dende o 43,61% de 2011

O resultado do PP no ano 2019 na Galicia vilega foi o peor das últimas décadas, baixando dende o 35,03% obtido en 2015 e, sobre todo, dende o 43,61% de 2011. Nas convocatorias de 1999 e 2003 os populares tamén superaron o 40% nos concellos galegos entre 10.000 e 50.000 habitantes.

O PSdeG-PSOE, que adoitaba moverse entre o 20% e o 25% nestes concellos, conseguiu hai catro anos chegar ao 28%, unha marca non acadada en varias décadas. O BNG, mentes, acadou o seu mellor resultado histórico no ano 2007, por riba do 22%. En 2015 (16,2%) e 2019 (15,4%) amosou unha tendencia negativa que busca reverter nesta nova convocatoria.

As grandes batallas nas vilas o 28M

A Galicia vilega é moi diversa, o que fai difícil analizala como un conxunto. Hai concellos moi poboados que forman parte das áreas metropolitanas das cidades, como Oleiros, Narón, Arteixo, Ames, Cambre, Culleredo ou Teo. Hai grandes capitais comarcais como Vilagarcía de Arousa ou Carballo. Hai tamén núcleos situados en áreas que podemos identificar como rurais, como Lalín, A Estrada ou Monforte. E outros que se atopan en comarcas nas que as dinámicas urbanas e rurais se mesturan, como O Morrazo ou O Barbanza.

A Galicia vilega é moi diversa, o que fai difícil analizala como un conxunto. Hai concellos moi poboados que forman parte das áreas metropolitanas das cidades, hai grandes capitais comarcais e entre elas hai núcleos situados en áreas que podemos identificar como rurais

Hai tamén algúns concellos onde o dominio electoral de determinadas forzas fan difícil pensar cun cambio de cor política (como Oleiros, Narón, Culleredo, Sanxenxo ou O Barco) e outros nos que a igualdade dos resultados das últimas convocatorias convidan a pensar en maiorías axustadas e a posibilidade de cambios de goberno.

Nas vilas, ademais, a falta de estudos demoscópicos publicados introduce un factor sorpresa que nas cidades é máis reducido. Con todo, nas últimas semanas si coñecemos algunhas sondaxes correspondentes a Monforte, Vilagarcía de Arousa, O Barco, Verín, O Carballiño, Allariz e Ribadavia. E, anteriormente, foran publicadas enquisas sobre Viveiro, Vilalba ou Sarria.

Casa do Concello de Ponteareas © Concello de Ponteareas

En cambio, hai moita igualdade e incerteza en importantes vilas como Cambre, Sarria, Boiro, Noia ou Ponteareas

Mentres Alternativa dos Veciños e Terra Galega (anteriormente Unidade por Narón) gobernan con comodidade Oleiros e Narón, o dominio do PSdeG semella claro en Vilagarcía de Arousa, Ames, Culleredo, Monforte, Nigrán, O Barco, Viveiro, O Grove, O Carballiño e Verín. Tamén o BNG agarda manter a súa ampla maioría en Carballo, Poio, Bueu, Moaña ou Tomiño. E o PP semella consolidado en Arteixo, Ribeira, Sanxenxo, A Estrada ou Marín. Aínda que, por suposto, mesmo en concellos con claras maiorías absolutas pode haber cambios e sorpresas. 

 

Alcaldías que poden depender dunhas ducias de votos

Boiro tivo nos últimos vinte anos gobernos de BNG, PP e PSdeG. Os socialistas, no poder dende o 2019 grazas a que o PP perdeu a súa maioría absoluta, optan a manter a Alcaldía de José Ramón Romero

En cambio, hai moita igualdade e incerteza en importantes vilas como Cambre, Sarria, Boiro, Tui, Noia ou Ponteareas, concellos que nas últimas convocatorias rexistraron varios cambios de cor política nas súas Alcaldías. En Cambre goberna dende 2015 Unión por Cambre da man de Óscar García Patiño. En 2019 a formación acadou unha clara maioría pero a fragmentación deste consistorio (hai catro anos sete formacións acadaron algún adil) incrementa a incerteza sobre a conformación de maiorías, que en todo caso está case descartado un goberno do PP.

En Noia, en cambio, goberna o PP dende que en 2016 triunfou a moción de censura presentada polos populares co apoio de Noieses Independientes Agrupados (NO.IA). Con todo, hai catro anos a suma destas dúas formacións mantivo a súa maioría absoluta por un só edil,

A fragmentación tamén identifica a política municipal de Tui, onde en 2019 seis formacións acadaron representación. Gobernou o PSdeG, que obtivo unha clara vitoria con Enrique Cabaleiro, a só un edil da maioría absoluta, pero este 28M o PP reforzou a súa lista, que se pode beneficiar da desaparición de Ciudadanos, que hai catro anos obtivo dous edís da man de Juan Manuel Diz Guedes.

Boiro tivo nos últimos vinte anos gobernos de BNG, PP e PSdeG. Os socialistas, no poder dende o 2019 grazas a que o PP perdeu a súa maioría absoluta, optan a manter a Alcaldía de José Ramón Romero. A maioría de esquerdas é máis clara na veciña Pobra do Caramiñal, onde o rexedor Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra) opta a un terceiro mandato na Alcaldía.

En Noia, en cambio, goberna o PP dende que en 2016 triunfou a moción de censura presentada polos populares co apoio de Noieses Independientes Agrupados (NO.IA). Con todo, hai catro anos a suma destas dúas formacións mantivo a súa maioría absoluta por un só edil, o que permitiu repetir na Alcaldía a Santiago Freire Abeijón. Este 28M PSdeG, Marea Cidadá de Noia e BNG buscan recuperar o goberno municipal para o bloque progresista.

Casa do Concello de Noia CC-BY-SA Luis Miguel Bugallo Sánchez

En Ponteareas a actual rexedora, Cristina Fernández Davila, encabeza a lista do BNG. Enfróntase a Nava Castro (PP), directora xeral de Turismo e que xa foi alcaldesa entre 2000 e 2003, en substitución do seu pai José Castro Álvarez

O BNG goberna Ponteareas dende o 2015. No 2019, ademais, os nacionalistas obtiveron un gran resultado (9 concelleiros de 21). Porén, hai dous anos o rexedor, Xosé Represas Giráldez,  tivo que abandonar o cargo por problemas de saúde, falecendo pouco despois. Foi substituído na Alcaldía pola súa compañeira de partido, Cristina Fernández Davila, que encabeza a lista do BNG este 28M. A actual rexedora enfróntase a Nava Castro (PP), directora xeral de Turismo e que xa foi alcaldesa entre 2000 e 2003, en substitución do seu pai José Castro Álvarez, que fora condenado por corrupción. Haberá que observar tamén o papel que xoguen os independentes de Alternativa Ciudadana de Ponteareas (ACIP), que no 2019 obtiveron catro edís.

Finalmente, en Sarria gobernou hai catro anos Claudio Garrido Martínez, de Camiña Sarria, que xa fora alcalde anteriormente co PSdeG en dúas ocasións. Porén, abandonou a formación socialista e creou unha lista independente que nestes comicios, ademais, se aliou co tamén ex-socialista alcalde de Becerreá Manuel Martínez, conformando a marca Contamos coa que aspiran a facerse con algún deputado provincial que pode acabar sendo decisivo para decidir o goberno da Deputación. O 28M será interesante ver a configuración de maiorías en Sarria, onde a única enquisa publicada prevé un resultado axustado entre Camiña Sarria e PP, co PSdeG e BNG por detrás.

A resposta da cidadanía ás mocións de censura

Haberá que observar con detemento os resultados en Sada, onde o pasado mes de novembro Sadamaioría foi apartada da alcaldía por unha moción de censura impulsada por tránsfugas de varios partidos

Haberá que observar con detemento os resultados en Sada, onde o pasado mes de novembro Sadamaioría foi apartada da alcaldía por unha moción de censura impulsada por tránsfugas de varios partidos. A rexedora durante os últimos meses, María Nogareda, expulsada de Alternativa dos Veciños, encabeza a lista de Unidos por Sada (UPSA) e enfróntase ao anterior alcalde, Benito Portela (Sadamaioría), nuns comicios nos que a cidadanía poderá expresar a súa valoración sobre a criticada operación.

Tamén houbo moción de censura en Ribadavia, aínda que nestes casos non participaron concelleiros tránsfugas, senón que finalmente se produciu un acordo entre PSdeG e Ribeiro en Común, que no 2019 non foran quen de consensuar un candidato á Alcaldía. En calquera caso, a alcaldesa Noelia Rodríguez Travieso (PSdeG) medirá os seus apoios nuns comicios que se prevén axustados: a única enquisa publicada amosa un empate entre PP e a suma de PSdeG, Ribeiro en Común e BNG.

Casa do Concello de Sada Dominio Público Xosé Antonio

Houbo tamén mocións de censura en Mugardos, Santa Comba, Malpica de Bergantiños, A Baña, Castrelo de Miño e Viana do Bolo, concellos de menor tamaño onde será interesante comprobar o apoio ou o castigo que a cidadanía amosa a estas operacións

Rexistráronse, igualmente, mocións de censura en Mugardos, Santa Comba, Malpica de Bergantiños, A Baña, Castrelo de Miño e Viana do Bolo, concellos de menor tamaño onde será interesante comprobar o apoio ou o castigo que a cidadanía amosa ás operacións que nos últimos catro anos provocaron cambios na Alcaldía.

No Porriño tamén houbo cambio de cor política na Alcaldía, aínda que neste caso non a través dunha moción de censura, senón pola renuncia da alcaldesa, Eva García de la Torre, que faleceu pouco despois. Nas eleccións de 2015 e 2019 o PP ficou a un concelleiro da maioría absoluta, unha situación que neste mandato facilitou a súa chegada á alcaldía grazas á abstención da Unión Democrática da Louriña (UDDL). Manuel Alonso Caroca (PP) busca manter o Goberno municipal nuns comicios nos que non se presenta a UDDL. 

Presentación de Pablo Vizoso (no centro) como candidato á Alcaldía de Ribadeo, onde quere tomar o relevo do seu compañeiro Fernando Suárez (primeiro pola dereita) © BNG Ribadeo

Cambios de nomes e de siglas nos partidos no Goberno

En Ribadeo e Teo os actuais rexedores renunciaron a tentar repetir no cargo e dous edís dos seus Gobernos muncipais toman o relevo, tentando manter a Alcaldía para BNG e Proxecto Común

Cando o partido que está no poder cambia o seu candidato a alcalde ou alcaldesa, aumenta a incerteza sobre o mantemento da súa maioría. Como aceptará o electorado o cambio? O resultado anterior estaba ligado á xestión colectiva ou a unha figura individual? Este 28M haberá ocasión para comprobalo, por exemplo, en Ribadeo, onde o BNG goberna dende o 2007 (con maioría absoluta dende o 2011), da man de Fernando Suárez Barcia, que decidiu non repetir como candidato, aínda que se integra na lista nacionalista nun dos seus últimos postos. O actual concelleiro de Economía, Desenvolvemento Local e Turismo, Pablo Vizoso, relévao como candidato a alcalde, buscando manter o Goberno municipal.

O mesmo sucede en Teo, onde Rafael Sisto, alcalde dende o 2015, faise a un lado na lista do Proxecto Común de Teo (que pecha simbolicamente), dando paso a María López Álvarez Maló, actual concelleira de Mobilidade, Comercio, Turismo, Emprego, Igualdade, Cultura e Educación. O Proxecto Común de Teo busca manter un Goberno municipal que en 2019 conservou por moi poucos votos ante un PP que busca unha maioría absoluta que o devolva a unha praza que non conquista dende o ano 2007. 

En Cangas a actual alcaldesa, Victoria Portas, si opta á reelección, pero faino cun cambio de siglas

En Cangas a actual alcaldesa, Victoria Portas, si opta á reelección, pero faino cun cambio de siglas. A lista da Alternativa Canguesa de Esquerdas coa que o finado Xosé Manuel Pazos foi elixido alcalde en 2015 e 2019 (substituído por Portas hai dous anos) divídese nesta ocasión e a actual rexedora preséntase pola Alternativa dos Veciños na que nesta ocasión non participa Esquerda Unida, que presenta lista propia. A fragmentación política de Cangas é moi grande e aínda que é difícil esperar unha maioría absoluta do PP, a distribución dos apoios entre a esquerda si está no aire.

Elba Veleiro, alcaldesa de Vilalba polo PSdeG, diante do Concello CC-BY-SA Praza Pública

Antigos feudos do PP, agora en disputa 

Será interesante ver se o PP é quen se recuperar o Goberno dalgunhas prazas nas que ata hai pouco gozaba de amplas maiorías absolutas. É o caso de Vilalba, capital da Terra Chá e lugar de nacemento de Manuel Fraga, gobernada con maioría absoluta polo PP (e antes por CP e AP) entre 1979 e 2019 e que nese ano pasou a mans do PSdeG, con Elba Veleiro na Alcaldía. Os socialistas buscan manter o Goberno desta importante e simbólica vila. 

Será interesante ver se o PP é quen se recuperar o Goberno dalgunhas prazas nas que ata hai pouco gozaba de amplas maiorías absolutas. É o caso de Vilalba ou Cambados, en mans do PSdeG.

O mesmo sucede en Cambados, que aínda que na Transición contou cun rexedor de Unidade Galega, entre 1987 e 2015 tivo maiorías absolutas do PP. Nese ano Fátima Abal (PSdeG) fíxose coa Alcaldía, na que permaneceu ata o pasado ano, cando renunciou por motivos de saúde, sendo substituída polo seu compañeiro de partido Samuel Lago Ozón, que encabeza a lista socialista coa vontade de consolidar este Goberno municipal, clave no Salnés.

Lalín entra na mesta categoría de feudo inexpugnable do PP (con claras maiorías ata o ano 2015) que nas últimas convocatorias pasou a estar en cuestión. Entre 2015 e 2019 Rafael Cuíña (Compromiso por Galicia) fíxose coa Alcaldía de forma moi axustada e hai catro anos o PP recuperou o Goberno da man de Xosé Crespo tamén por unha marxe moi escasa, debido a que gañou un edil a pesar de baixar en porcentaxe de voto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.