Estamos en campaña. A primeira dende as estrañas eleccións galegas de 2020, as do adiamento pola pandemia da COVID, as máscaras, os mitins con asistencia limitada e as da cuarta e derradeira maioría absoluta do PP de Galicia con Alberto Núñez Feijóo á fronte. A primeira, daquela, campaña normal dende as eleccións xerais repetidas en novembro de 2019, celebradas apenas medio ano despois, precisamente, das municipais daquel mesmo ano.
Estamos en campaña cara a unhas eleccións que poñen en xogo o goberno dos 313 concellos e das 4 deputacións e na que será clave dilucidar se as forzas políticas lograrán poñer poñer o debate local en primeiro plano, por riba do tirapuxa estatal
Dende este 12 de maio e durante as próximas dúas semanas as forzas políticas poden pedir abertamento o voto para uns comicios que, no caso galego, poñen en xogo os gobernos de 313 concellos. E, por extensión, outros catro bastóns de mando que non se elixen directamente nas urnas, pero que son clave na vida política e nos equilibrios de poder do país, os das deputacións provinciais. Todo, nun contexto no que será clave dilucidar se as forzas políticas lograrán nos diferentes concellos centrar o debate no eido local, alén do tirapuxa das principais formacións en clave estatal.
O 28M renóvanse, daquela, unhas corporacións cuxa composición favoreceu hai catro anos maioritariamente á esquerda e, moi especialmente, ao PSdeG. Co impulso dun Pedro Sánchez que triunfara nas xerais celebradas apenas un mes antes, tras aquelas municipais de 2019 a maior parte da poboación galega tivo alcalde ou alcaldesa socialista, con gobernos en solitario ou de coalición, as máis das veces co BNG. Foran precisamente as candidaturas socialistas as máis beneficiadas polo afundimento das mareas municipais sen que o PP lograse participar da alternancia nas principais alcaldías. Non en van, o concello máis poboado con alcaldía dos populares neste mandato foi Arteixo.
As primeiras eleccións do PPdeG sen Feijóo
O contexto político xeral é ben diferente ao daquel anterior ciclo electoral. A comezar polo feito de que, por primeira vez en década e media, o PPdeG afronta a carreira electoral sen Feijóo na presidencia da Xunta e do partido en Galicia. Feijóo é agora visitante ocasional na súa condición de líder estatal do PP e ten, obviamente, interese en que as candidaturas conservadoras triunfen en cantos máis concellos mellor, pero cunha óptica estatal de confrontación con Sánchez que pode acabar distorsionando as mensaxes en clave municipal.
Rueda, que dera en sinalar as municipais como "antesala" da campaña de Feijóo nas xerais, espera gañar algo do poder institucional perdido noutrora
Non en van, unha das ideas forza do ex-presidente nas últimas semanas é a súa ansia por "derrogar o sanchismo", en referencia á súa promesa de reverter diversas normas aprobadas durante a actual lexislatura estatal por unha maioría das Cortes Xerais que identifica cunha "minoría". E, nesta liña, o propio Rueda presentaba o pasado febreiro as municipais como unha "antesala" da campaña de Feijóo para optar á presidencia do Goberno de España, mensaxe modulado pola propia dirección central do partido nas últimas semanas ante os inquéritos que apuntan a un eventual mantemento da esquerda en abondosas institucións en xogo, tanto en concellos como na decena de autonomías tamén celebran eleccións o 28M.
Con este pano de fondo, a aspiración dos populares galegos é, en calquera caso, gañar algo do poder perdido noutrora. A priori, atendendo ás enquisas e tamén ás mensaxes emitidas dende o propio partido, na Galicia urbana é en Ferrol onde semella máis próximo o seu retorno á alcaldía. Alí, precisamente, este xoves Alfonso Rueda acompañou o seu candidato, José Manuel Rey, e instou os seus a non "confiarse" porque "non hai nada ganado nin perdido".
Xa pola noite, Rueda participou na pegada de carteis xunto ao alcaldable popular en Santiago, Borja Verea. Previamente compartiu mitin no Pereiro de Aguiar co candidato dese concello e, sobre todo, cun José Manuel Baltar cuxo proceso xudicial por delito contra a seguridade viaria ao conducir o coche oficial a 215 por hora veu marcando a actualidade política. Rueda xustificou esa asistencia apelando a un compromiso persoal co candidato, Luis Menor, que foi alto cargo na súa antiga consellería.
O PSdeG, a reter o poder gañado hai catro anos
O PSdeG foi o gran triunfador das municipais en Galicia hai catro anos e é, daquela, o que máis poder local ten que defender. A comezar polas alcaldías das dúas cidades máis poboadas, Vigo e A Coruña, a seguir pola que dirixe dende hai máis tempo, Lugo, e continuando por outras dúas ás que retornou hai catro anos, Santiago e Ferrol, así como múltiplas vilas medias. Pero tamén nas deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, que preside en gobernos de coalición co BNG. Non en van, o obxectivo declarado dos populares é tentaren aspirar aos gobernos dos entes provinciais do norte, que os socialistas din estar en condicións de manter.
Para os socialistas galegos esta é a primeira campaña electoral que afrontan tendo como secretario xeral a Valentín González Formoso, quen o 28M aspira a un quinto mandato como alcalde das Pontes e, asemade, a poder continuar como presidente da Deputación coruñesa. É ademais unha carreira electoral na que está plenamente implicado José Ramón Gómez Besteiro, o máis que probable vindeiro aspirante socialista á presidencia da Xunta tras o seu retorno á primeira liña política como delegado do Goberno de España en Galicia
Formoso sinala o PSdeG como "única forza capaz de conciliar o sentido común coa capacidade de xerar ilusión"
Formoso principiou a campaña en Santiago co aspirante á reelección na alcaldía, Xosé Sánchez Bugallo, e mais co ministro José Miñones. Alí sinalou o PSdeG como "única forza capaz de conciliar o sentido común coa capacidade de xerar ilusión" nos gobernos municipais. O socialistas, di, son a antítese dos "experimentos" como os vistos en Ourense neste mandato cos bipartitos do PP con Democracia Ourensana, e sinónimo da "política útil" que, din, veñen exercendo os 110 alcaldes e alcaldesas do PSdeG. Ourense, precisamente, foi un dos albos marcados por Formoso durante a precampaña.
O BNG aspira a ser a forza que máis medre co seu "modelo municipal de éxito"
O BNG, pola súa banda, aspira a que este 28M continúe as boas sensacións electorais acadadas en 2020, cando con Ana Pontón á fronte lograron a representación máis ampla da súa historia nuns comicios ao Parlamento de Galicia. Agora, defende Pontón, están en condicións de ser a forza que máis medre e de lograren un resultado "histórico" o 28 de maio.
Pontón: "O noso modelo de éxito e a crecente corrente de simpatía cara ao BNG permiten augurar un resultado histórico"
A portavoz nacional do Bloque comezou a campaña en Santiago coa candidata á alcaldía, Goretti Sanmartín. Antes, tamén na capital galega, xuntou candidatas e candidatos de varios concellos para "subliñar que o modelo municipal de éxito" da formación soberanista "funciona para todos os concellos, sexan cidades, vilas intermedias ou pequenos municipios do rural". "O Bloque transforma en positivo mellorando a vida das persoas" e "ese modelo de éxito, sumado á crecente corrente de simpatía cara ao BNG permite augurar un resultado histórico", mantén.
Neste contexto, os cálculos cos que parte o BNG pasan por manter as súas alcaldías, a comezar polas máis emblemáticas en concellos como Pontevedra, Carballo ou Allariz, pero tamén aseguran estar en condicións de optar ao bastón de mando en localidades onde están na oposición ou onde cogobernan, caso da cidade de Lugo. "O BNG -coida Pontón- representa o entusiasmo, a vitalidade e o optimismo que tanto necesita a sociedade galega".
Podemos, as súas confluencias e as mareas
Alén das tres forzas con maior implantación no conxunto de Galicia, este 28M tamén entran en xogo as candidaturas do espazo político que nas dúas anteriores convocatorias locais estivo protagonizado polas coñecidas como mareas municipais e que desta volta presentan múltiples mudanzas na maior parte de localidades onde concorren. Así, por exemplo, Podemos preséntase en solitario ou coligado con outras forzas nunha vintena de municipios.
Mentres, no ámbito urbano a única das mareas orixinais que concorre cunha formulas igual á do seu nacemento en 2015 é Compostela Aberta, que agora con María Rozas como candidata á alcaldía aspira a ser determinante na conformación do vindeiro goberno local, aínda que a priori lonxe de posicións que lle permitan optar á alcaldía. Na Coruña, a Marea Atlántica tamén estrea candidato, Xan Xove, se ben compite polo mesmo espazo político con Por Coruña, a coalición tecida en torno a Podemos co ex-edil da Marea José Manuel Sande como cabeza de cartel.